Tellado: “Onde outros deixaron miseria, nós puxemos carga de traballo”
Feijóo di que, fronte aos extremismos, Rajoy ofrece emprego, moderación e goberno
Feijóo pide o voto fronte aos que desobedeceron ás urnas e non fixeron caso á xente
Durante un almorzo con interventores celebrado esta mañá en Ferrol e no que estivo acompañado polo presidente local, José Manuel Rey Varela, e polo presidente provincial, Diego Calvo Pouso; o dirixente sinalou que esta campaña nunca debería terse celebrado e que recorda a un fracaso dunhas urnas que non se escoitaron, se desobedeceron e ás que os políticos vulneraron.
Por este motivo, Feijóo asegurou que agarda que moita xente vote de forma clara para conseguir que non volva repetirse este fracaso da democracia nin esta forma frívola de entender os resultados.
Pola súa parte, dixo que os populares seguirán co seu traballo en Galicia e que o vindeiro luns será un día ordinario, de traballo, de goberno, de tomar decisións, de funcionamento das institucións e de estabilidade na comunidade.
Nese senso, salientou os efectos prácticos e as vantaxes de ter un goberno e unha política estable, e un proxecto para Galicia. Por iso, garantiu que, ocorra o que ocorra o domingo, a nosa comunidade seguirá tomando decisións e o Goberno da Xunta seguirá traballando.
Ademais, sinalou que os galegos sabemos que somos españois e nos interesa o país porque o que ocorre en España ten relación coa comunidade. Deste xeito, apuntou que debemos seleccionar aquela proposta máis respectuosa cos nosos intereses e que sexa válida para o conxunto do país e todas as súas Comunidades Autónomas.
Así mesmo, asegurou que agora tamén temos a oportunidade de volver escoller a un presidente do Goberno que coñece e ama Galicia, que é galego e que leva a nosa comunidade no corazón, no Boletín Oficial do Estado e na mesa de Goberno: Mariano Rajoy. “É unha oportunidade histórica que non debemos desaproveitar”, dixo.
Por outra banda, Feijóo recoñeceu que o PP non é un partido populista ou de extremos senón que está centrado no futuro e que o que lle interesa non é acabar coa riqueza senón coa pobreza.
Así, contrapuxo o efecto da política populista que só se centra nas ideoloxías, na división e nos bandos; coa política moderada dos populares, baseada nas persoas e en resolver os seus problemas.
E é que, segundo Feijóo, hai políticos de dúas clases: os que resolven problemas e os que os crean; os que conseguen co seu traballo e esforzo que a xente viva mellor ou os que, pola súa irresponsabilidade, fan que a cidadanía viva cada vez peor.
Nese sentido, admitiu que o PP non usará a dor e as dificultades das persoas para mandar nelas “porque nós estamos á disposición da xente”. Tal e como precisou, o obxectivo non é o poder senón o servizo, do mesmo xeito que aseverou que, como partido demócrata, os populares si aceptaran o resultado das urnas este domingo.
Feijóo pasea polo Barco de Valdeorras
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, paseando polo Barco de Valdeorras acompañado por membros da candidatura popular ourensana ás Cortes Xerais.
Feijóo: “Contra os vetos, eu pido os votos”
O Parlamento aproba solicitar a elaboración dun estudo sobre incidencia da taxa rosa
Logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto
O PARLAMENTO APROBA SOLICITAR AO INSTITUTO DA MULLER A ELABORACIÓN DUN ESTUDO SOBRE A INCIDENCIA DA TAXA ROSA
· Esta taxa consiste en aplicar un sobreprezo a produtos dirixidos ás consumidoras femininas só por unha diferenza fundamental de estética
Santiago, 10 de xuño de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, solicitar ao Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, adscrito ao Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Consumo, a elaboración dun estudo que avalíe a incidencia da coñecida como taxa rosa, consistente en aplicar un sobreprezo a produtos dirixidos ás consumidoras femininas só por unha diferenza fundamentalmente estética.
A deputada do Grupo Popular Jackeline Fernández explicou que “estamos a falar dun sobreprezo ou sobrecusto de determinados produtos e servizos destinados ao público feminino”. Porén, sinalou que, a pesar de que se trata “dunha práctica inxusta e coa que as mulleres do PP non estamos de acordo, non é unha práctica ilegal, senón sinxelamente consecuencia das leis da oferta e da demanda”.
IGUAIS PRODUTOS, IGUAIS PREZOS
“Consideramos necesario e importante a realización dun estudo que avalíe a incidencia, o alcance e os factores reais que inciden neste sobreprezo ou sobrecusto, xa que debemos esixir que a iguais produtos iguais prezos, ao tempo que a consumidora final teña a información necesaria para poder ter a liberdade de escoller e coñecer se só existen estas diferenzas por cuestión de xénero”, indicou.
Fernández engadiu que este estudo sobre a incidencia da taxa rosa debe ter un ámbito nacional, aínda que recolla datos desagregados por comunidades autónomas. “Non parece eficiente que cada autonomía destine recursos públicos a elaborar un estudo que corresponde a un fenómeno global, no que o proceso de toma de decisión excede do ámbito autonómico e, polo tanto, as conclusións do mesmo non serían reais nin factibles”, sinalou.
Feijóo: “Seguiremos contribuíndo a que o rural transmita estabilidade e confianza»
Lei de policías locais permitirá dotar de seguridade xurídica aos procesos selectivos
A COMISIÓN 1ª APROBA O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE COORDINACIÓN DE POLICÍAS LOCAIS, PASO PREVIO Á SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA EN SESIÓN PLENARIA
· O texto definitivo do ditame incorpora o 45% das emendas presentadas polos grupos da oposición
Santiago, 10 de xuño de 2016.- A Comisión 1ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei que modifica a Lei 4/2007 de coordinación de policías locais, que permitirá “dotar de seguridade xurídica aos procesos selectivos para a incorporación de novos axentes e evitará a parálise existente na actualidade na convocatoria de prazas nos concellos galegos”, manifestou o deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira.
Na súa intervención, Moreira salientou que coa aprobación do ditame “damos un paso importante a un proxecto que xa viña consensuado desde a Xunta de Galicia tanto coa Comisión de Coordinación de Policías Locais como pola Federación galega de municipios e provincias (Fegamp)”.
“Á maiores, no debate de ponencia, o Grupo Popular incorporou ao texto o 45 por cento das emendas presentadas polos grupos da oposición”, sinalou Moreira. Porén, amosouse sorprendido pola abstención de todos os grupos da oposición.
ASPECTOS SIGNIFICATIVOS
Entre os aspectos significativos deste novo texto lexislativo, o deputado popular sinalou que “vén marcado polo Estatuto Básico do Emprego Público e pola sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que considerou discriminatorio o establecemento dun límite de idade de acceso aos procesos de selección para o persoal dos corpos de Policía Local”.
Ademais, establécese a posibilidade de cooperación entre os concellos que non teñen recursos propios para a implantación da Policía Local. En concreto, indicou que “a partir de agora os concellos vanse poder coordinar para poñer en marcha este servizo sempre que non superen en conxunto a cifra de 40.000 habitantes”.
O PPdeG avoga por «coñecer canto antes toda a verdade» sobre o accidente de Angrois
O PPDEG EXPRESA “O MÁIS PROFUNDO AGARIMO” ÁS FAMILIAS E AMIGOS DAS VÍTIMAS DO ACCIDENTE DE ANGROIS E AVOGA POR “COÑECER CANTO ANTES TODA A VERDADE”
Santiago, 8 de xuño de 2016.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Jesús Goldar, reiterou hoxe no Parlamento “o máis profundo agarimo aos representantes da Plataforma das vítimas do tren Alvia e a todas as familias e amigos de todas e cada unha das vítimas” e sinalou que “todos os galegos temos o máis grande interese en coñecer canto antes toda a verdade do acontecido naquel triste día para que nunca máis teñamos que sufrir nada semellante”.
Goldar lamentou que o BNG impedira hoxe que o Parlamento galego aprobara solicitar á Comisión Europea que faga público o informe redactado pola Axencia Ferroviaria Europea sobre o accidente de Angrois. Neste sentido, lembrou que a divulgación do informe da Axencia Ferroviaria Europea “debe ser autorizada pola Comisión Europea, que xa comunicou o peche do expediente aberto contra España e a súa intención de non publicar dito informe ata final do presente mes de xuño, para non interferir coa investigación xudicial en curso”.
SEN COMPETENCIAS PARA INVESTIGAR
“En todo caso, a Axencia Ferroviaria Europea xa reiterou en diferentes ocasións que dito informe non aborda a responsabilidade do sinistro, senón a organización das investigacións sobre accidentes ferroviarios”, clarexou Goldar.
Respecto da solicitude de creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois no Parlamento galego, Jesús Goldar reiterou que “as competencias enmateria de ferrocarrís e transportes terrestres que transcorren polo territorio de máis de unha comunidade autónoma recaen de maneira exclusiva e excluínte no Estado”. “Esa ausencia de competencias inhabilita formal e legalmente calquera comisión de investigación que puidera crear un Parlamento autonómico, que deviría baleira de contido porque nada podería investigar ao impedirllo a Lei”, anotou.