Feijóo avanza o visto e prace ao acordo de colaboración para a intermodal de Ourense

Santiago, 19 de maio de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Consello deu o visto e prace a un convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial Adif-Alta Velocidade para executar e desenvolver a nova estación de autobuses da cidade das Burgas. Trátase de configurar un nó de intercambio modal coa estación ferroviaria e outros medios de transporte de viaxeiros.
 
O dirixente popular galego sinalou que os obxectivos fundamentais son principalmente tres: promover o uso do transporte público; mellorar a permeabilidade da cidade no entorno; e dotar á estación ferroviaria das instalacións necesarias para a chegada da alta velocidade no ano 2018.
 
Logo de indicar que, a través deste acordo, cada institución terá diversos compromisos, Feijóo especificou que a Xunta encargarase de redactar os proxectos, executar e financiar as obras da estación de autobuses integrada na estación intermodal, así como de redactar o proxecto, executar as obras e tamén financiar unha porcentaxe do novo aparcadoiro de turismos.
 
Do mesmo xeito, terá que obter os solos necesarios para a nova estación de autobuses e indemnizar aos arrendatarios dos contratos que teña en vigor ADIF-Alta Velocidade no ámbito da estación de autobuses.
 
Ademais, a Xunta deberá tramitar, conxuntamente co Concello de Ourense, as modificacións precisas no planeamento urbanístico.
 
Os compromisos do Ministerio de Fomento, de Adif e do Concello de Ourense 
Pola súa banda, o Ministerio de Fomento terá que facer e tramitar o Estudo Informativo da Estación Intermodal de Ourense.
 
En canto a Adif-Alta Velocidade, terá que redactar os proxectos, executar e financiar as obras de adaptación da estación ferroviaria aos servizos de alta velocidade e as actuacións de mellora da permeabilidade peonil da cidade na zona.
 
Do mesmo xeito, deberá transmitir á Xunta os terreos e edificacións da súa titularidade necesarios para a execución da nova estación de autobuses e poñer a disposición do Goberno galego os terreos necesarios para a execución do aparcamento subterráneo. Tamén deberá financiar nun 33% a execución das obras deste aparcadoiro.
 
No que atinxe ao Concello de Ourense, Feijóo explicou que deberá promover e tramitar as modificacións necesarias no planeamento urbanístico, así como ceder á Fomento, Adif e á Xunta, de balde e libre de cargas e gravames, os terreos e aproveitamentos da súa titularidade necesarios para a execución da estación de autobuses.
 
Ademais, o Concello deberá realizar as actuacións relativas aos semáforos que sexan necesarias e facer a reorganización do transporte urbano que garanta a conectividade da estación intermodal coa cidade.
 
Segundo precisou Feijóo, trátase de “obras complexas que se insertan na cidade”, que “precisan urbanizacións e accesos para facilitar a entrada e saída dos autobuses” pero que, unha vez rematadas, permitirán a “permeabilidade dos barrios”.
 
Como avanzou, a Xunta ten a vontade de presentar a estación intermodal de Ourense no mes de xullo. “Esta é a nosa proposta e esperamos e desexamos que o resto das administracións públicas cumpran o seu calendario”, sinalou, co fin de que a estación intermodal estea lista no ano 2018.
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/-8jpE0w7wmc» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Feijóo anuncia que a Xunta dedicará 60M€ á mellora da Sanidade e da calidade de vida

Santiago, 19 de maio de 2016.- Logo de que a semana pasada se concretase dentro do superávit de responsabilidade, o primeiro paquete de prioridades dirixido aos nenos e aos mozos, Feijóo avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un novo paquete de medidas co obxectivo de mellorar as condicións de vida das familias galegas en distintos eidos. “Destinamos deste xeito entre 58 e 60 millóns de euros do total dos recursos dispoñibles a catro grandes bloques de actuación: no ámbito da saúde, en materia de servizos sociais, en materia de vivenda e en materia de lecer”, precisou, asegurando que boa parte destes recursos destinaranse a continuar mellorando as prestacións da Sanidade Pública e as súas instalacións.
Con este obxectivo, explicou que se destinarán máis de 24 millóns de euros a tres medidas fundamentais. A primeira delas, a de incrementar a actividade asistencial, co obxectivo de rebaixar as listas de espera en consultas externas, en probas diagnósticas e cirúrxicas.
En segundo lugar, axilizarase a entrada en funcionamento de 24 novos centros de saúde. E, neste ano entrarán en funcionamento 12 novos ambulatorios públicos: Buño (Malpica), Villarrodís (Arteixo), Corveira (Culleredo), Temple (Cambre), As Neves (A Capela), Galeras (Santiago), Outeiro (Pontedeva), O Couto (Ourense), Valenzá (Barbadás), Tui, Marín e Panxón (Nigrán).
Procederase tamén á licitación das obras dos centros de Ares e Gondomar, así como á licitación doutros 10: Melide, Salceda de Caselas, Pereiro de Aguiar, A Estrada, Milladoiro, Narón, O Saviñao, PAC de Laracha, Paderne de Allariz e ampliación do ambulatorio Anafáns, en Poio.
“E imos equipar na súa totalidade todo o bloque cirúrxico do Hospital da Coruña -15 quirófanos novos neste 2016-; equiparemos completamente todas as habitacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que abriremos antes de finalizar este ano, e unha nova cociña; finalizaremos e equiparemos na súa totalidade a ampliación do Hospital Público do Salnés; e iniciaremos coa máxima capacidade construtiva posible a execución das obras do Hospital da Mariña”, dixo, ao que engadiu que tamén se farán melloras no resto do parque hospitalario de Galicia, referíndose ao Hospital do Meixoeiro, ao Hospital da Coruña, á zona de esterilización do Hospital do Salnés, á ampliación das urxencias do Hospital Materno da Coruña; ao hospital de día médico polivalente no CHUAC; á dotación do equipamento de dous novos quirófanos no Álvaro Cunqueiro; ao Plan director do Hospital de Ferrol; á ampliación do Hospital de Conxo, así como ás novas instalacións para as salas de resonancia nuclear magnética nos hospitais de Ourense, de Pontevedra e de Ferrol e á licitación do Plan funcional e do Proxecto sectorial de Montecelo.
Así mesmo, destacou que tamén se farán melloras para a ampliación das súas capacidades no Hospital do Salnés, no Hospital Clínico de Santiago, no Hospital de Verín, no Hospital do Barco, así como a actualización do equipamento de hemodinámica en Lugo.
No eido dos servizos sociais e a atención ás persoas con máis dificultades, Feijóo avanzou a construción de dous novos centros, un en Ourense e outro Monforte, é dicir, 413 novas prazas públicas e 623 traballadores. “E, para a terceira idade asumimos o compromiso de actuar en 74 centros: en 30 centros sociais e en 44 residencias e centros de día”, aseverou.
En materia de vivenda, destinaranse 4 millóns de euros ao Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas, que conta así cun orzamento total de preto de 12 millóns de euros. Isto permitirá atender os proxectos de substitución ou mellora de fiestras, cubertas, fachadas e ascensores, chegando a 1.200 familias. E, investiranse 3 millóns a unha nova edición do programa do Igape para melloras en cociñas e baños.
Sobre este segundo punto, Feijóo subliñou que o Reforma16 incluirá axudas que suporán rebaixas de arredor do 40% nos custos de materiais e mobiliario, xerando 32 millóns de euros en obras de remodelación, para atender a 5.000 solicitudes.
Así mesmo, destinaranse 8 millóns de euros para a compra do solo necesario para urbanizar a última fase de San Paio de Navia, en Vigo. E, sobre este aspecto, Feijóo explicou que, con esta iniciativa construiranse 1.600 vivendas protexidas “e, ademais, damos resposta a unha demanda histórica dos propietarios destas parcelas”.
Por último, e na liña do que se vén facendo a través do Plan Hurbe e do Plan de Infraestruturas comunitarias que xestiona Vicepresidencia e a Consellería de Medio Ambiente, destinaranse arredor de 10 millóns de euros a mellorar a habitabilidade de distintas vilas galegas, “cunha partida específica de 1,2 millóns de euros para o equipamento do Auditorio de Lugo”. E 2 millóns de euros para a reparación e mantemento de distintas instalacións deportivas, entre elas, o Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/eOtK1FQUz3o» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

GPP defenderá no pleno a execución autovía Morrazo e plan apoio á pesca artesanal

A sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia dos conselleiros do Mar e de Política Social

O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO A EXECUCIÓN DA AUTOVÍA DO MORRAZO E O DESENVOLVEMENTO DO PLAN DE APOIO Á PESCA ARTESANAL

Santiago, 18 de maio de 2016.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que a Xunta de Galicia teña en execución no presente ano os dous primeiros tramos da autovía do Mormazo, así como aprobado o proxecto do terceiro treito, ao tempo que instará á Consellería de Sanidade a desenvolver o Plan de apoio á pesca artesanal dirixido a mellorar a competitividade deste segmento da flota.

A orde do día da sesión plenaria incorpora 29 asuntos, dos que o 80 por cento son a iniciativa dos grupos da oposición. Ademais, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, apuntou que o 55 por cento das iniciativas son de control e o 38 por cento de impulso ao Goberno. “Queda demostrado, unha vez máis, que a oposición ten moito que dicir no Pleno e moitas posibilidades para traer á Cámara o que estime oportuno, ao tempo que a maioría non usa o Parlamento para facer propaganda, indicou”.

COMPARECENCIAS

A sesión plenaria inclúe dúas comparecencias de membros do  Goberno. En primeiro lugar, comparecerá a consellería do Mar para dar conta do resultado e as conclusións das xornadas O sector pesqueiro galego: Trazando rumbos de futuro, nas que todo o sector puxo enriba da mesa os problemas e as posibles solucións.

En segundo lugar, comparecerá o conselleiro de Política Social  para informar sobre a nova Axenda Social, logo da aprobación o pasado xoves polo Consello da Xunta dunha serie de medidas de incremento do gasto social e que poden levarse a cabo como consecuencia de ter cumprido o obxectivo de déficit nestes últimos anos e de que o Goberno central rebaixara o obxectivo ao 0,7 por cento do PIB para 2016 a todas as comunidades autónomas.

PROPOSICIÓNS NON DE LEI

O Grupo Popular defenderá nesta sesión plenaria dúas proposicións non de lei. A primeira, ten como obxectivo que a Xunta de Galicia teña en execución durante o presente ano os dous primeiros tramos da autovía do Morrazo, así como a aprobación do proxecto para o terceiro tramo.

En segundo lugar, o Grupo Popular demandará á Consellería do Mar o desenvolvemento do Plan de apoio á pesca artesanal, dirixido a mellorar a competitividade deste segmento da flota e as condicións de traballo dos seus profesionais.

Por último, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as alternativas que analiza a Consellería de Sanidade para a dotación á área sanitaria de Pontevedra dun novo hospital público e sobre a evolución do número de alumnos que se formaron nos centros da Consellería do Mar durante 2015.

Tellado: “Explicaremos o que fixo o PP e o que non están facendo as Mareas»

Indica que o obxectivo é aumentar o voto urbano e para iso intensificarán a coordinación co partido nos concellos de máis de 30.000 habitantes

Tellado: “Explicaremos á cidadanía o que fixo o PP e o que están facendo as Mareas, cuxa xestión é unha fochanca en si mesma”

Di que o 26-X a sociedade coñecerá mellor ás alternativas políticas do que as coñecía o pasado decembro, por iso cren que os resultados poden ser distintos

“Pablo Iglesias non sería mellor presidente que Mariano Rajoy e Xosé Manuel Beiras non sería mellor presidente que Alberto Núñez Feijóo”, asegura

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2016.- O secretario xeral do populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que o obxectivo do seu partido de cara ás vindeiras eleccións xerais é explicarlle á cidadanía o traballo que fixo o PP e o que non están facendo as Mareas, cuxa xestión “é unha fochanca en si mesma”.

Tras reunirse con representantes do partido das cidades galegas e dos concellos de máis de 30.000 habitantes, Tellado explicou que pretenden  desenmascarar a nula xestión das Mareas, para o que intensificarán a coordinación e establecerán canles de comunicación nos distintos ámbitos do partido, aproveitando sinerxías para poñer en común información do que ocorre nestes municipios.

Nesta liña, engadiu que o que pretenden é trasladar esta información ao conxunto da sociedade galega, xa que o obxectivo é aumentar o voto urbano e, agora que a xente xa coñece a xestión das Mareas, cren que baixarán os seus apoios.

Segundo comentou, a 40 días das eleccións xerais, a cidadanía coñecerá moito mellor a todas as alternativas políticas do que as coñecía o pasado 20-D, “e cremos que con esta nova información os resultados poden ser distintos”.

Así mesmo, subliñou que están francamente preocupados pola situación das cidades nas que gobernan as Mareas, salientando que en Ferrol hai un alcalde máis preocupado pola retirada do busto do rei emérito e por impulsar unha consulta sobre a monarquía parlamentaria que polo desemprego da súa cidade, que é o maior de Galicia. Ademais, lembrou que na Coruña hai un goberno municipal que non é quen de aprobar os orzamentos nin abrir o túnel da Mariña, que deixou finalizado o goberno municipal anterior; e que en Santiago o alcalde non é capaz de tapar as fochancas nin de sacar a licitación aos comedores escolares.

“Ese é o exemplo da xestión das cidades nas que gobernan as Mareas e non queremos que iso aconteza no goberno de Galicia. De cara ás vindeiras autonómicas hai dous modelos: o modelo da maioría, da estabilidade política e institucional, que representa o PP e Alberto Núñez Feijóo; e o das Mareas nas cidades onde gobernan”, aseverou.

“Pablo Iglesias non sería mellor presidente que Mariano Rajoy e Xosé Manuel Beiras non sería mellor presidente que Alberto Núñez Feijóo”, apuntou incidindo en que, maila que en España o PP non sempre acertou coa súa xestión, están convencidos de que Podemos non o faría moito mellor e, por este motivo, tratarán de explicar por qué eles non son a solución.

 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/OEID0wCxNs4″ frameborder=»0″ allowfullscreen ]

O PPdeG prepara a súa estratexia electoral coa mirada posta en desenmascarar a mareas

O comité de campaña de cara ás Xerais inicia o seu traballo o vindeiro venres para marcar os obxectivos da formación e o camiño para acadalos
 
O PPdeG comeza a preparar a súa estratexia electoral de cara ao 26X coa mirada posta en desenmascarar a xestión das mareas
 
Os alcaldes e voceiros populares dos municipios de máis de 30.000 habitantes, mellores coñecedores da xestión da marca branca de Podemos, están chamados a ser asesores do partido para elaborar a estratexia electoral 
 
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2016.- O Partido Popular de Galicia comeza os seus traballos de preparación da estratexia electoral de cara ao vindeiro 26 de xuño coa mirada posta en desenmascarar a xestión das mareas. A axenda de traballo do partido para o que resta de semana arranca mañá cunha reunión do secretario xeral, Miguel Tellado, con alcaldes e voceiros de concellos de máis de 30.000 habitantes e continuará o vindeiro venres coa primeira reunión do comité de campaña.
 
No tocante á reunión con alcaldes e voceiros, Tellado escolleu reunirse con eles porque representan aos concellos que a día de hoxe coñecen mellor a xestión das mareas. Por tanto son eles os que poden amosar as barbaridades da xestión dunha formación que, unha e outra vez, demostra que a única estación da súa folla de ruta é desaloxar ao PP das institucións.
 
En calquera caso, e posto que semella que, tanto nas eleccións xerais como nas autonómicas, o principal adversario do PPdeG estará en Podemos e nos seus aliados –en Galicia as mareas e en España Esquerda Unida- é interesante coordinar unha acción conxunta para desenmascarar a súa xestión.
 
Cabe reseñar o que acontece nas principais cidades galegas onde gobernan. En Ferrol teñen máis problemas co seu alcalde que coa Súa Maxestade El Rey Felipe VI, pero pelexan dende o concello pola Terceira República. Santiago ten hoxe mesmo máis fochancas nas súas rúas que liortas cada día o Goberno municipal. Mentres, Coruña é xa un municipio paralizado que abandonou a xestión para gobernar a base de xestos.
 
Por todo isto, os portavoces que mañá se reunirán con Tellado están chamados a ser asesores prioritarios do PPdeG á hora de establecer a estratexia de campaña que establecerá o comité de campaña designado onte polo Comité Executivo.
 
Este comité, que dirixirá o propio Tellado, celebrará a súa primeira reunión de traballo o vindeiro venres e nela está previsto que comecen a trazarse as estratexias que seguirán os populares galegos de cara ás próximas eleccións xerais. 
 
O PPdeG gañou con folgura as eleccións o pasado 20D, obtendo catro deputados máis que a segunda forza nun proceso no que o seu tradicional adversario político, o PSOE, quedou relegado a terceira forza. Este comité marcará os obxectivos para os vindeiros comicios e, sobre todo, os pasos máis axeitados para acadalos.
 
O PPdeG aspira a seguir aportando solucións aos problemas das persoas e a súa razón de ser reside na vocación de servizo público. Aquelas formacións cuxo única preocupación son as coalicións posibles e o seu único obxectivo é botar ao PP das institucións están equivocadas. O Partido Popular só desexa a coalición cos cidadáns para seguir mellorando as súas condicións de vida.
 

Feijóo di que fronte a un PPdeG renovado só están os partidos que non fixeron nada

Preside o primeiro Comité Executivo tralo Congreso autonómico, formado por un equipo cuxa taxa de renovación é do 70%
 
Feijóo di que fronte a un PPdeG galeguista, reformista e renovado só están os partidos que non fixeron nada nin por Galicia nin por España
 
Indica que os partidos non só deberían pedir o voto nas eleccións xerais senón tamén perdón por seren incapaces de dar coa solución política que pediron os españois nas urnas
 
Asegura que a nosa comunidade quere uns políticos que falen dos galegos e recorda que aquí seguimos gobernando con estabilidade e tomando decisións de transcendencia
 
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que fronte a un PPdeG galeguista, reformista e renovado, só podemos atopar ao o resto de partidos que non fixeron absolutamente nada nin por Galicia nin por España nos últimos meses.
 
Na primeira reunión do Comité Executivo do partido trala celebración do seu XVI Congreso autonómico, o mandatario referiuse ao PSOE, a Podemos e a Ciudadanos, que excluíron ao PP e decidiron que ían tomar as riendas do futuro de España. Nese sentido, apuntou que o que tivemos neste tempo foron cero avances e un país paralizado nas súas mans, o mesmo que sucedeu en varias cidades de coalicións PSOE e Podemos desde hai un ano.
 
O dirixente indicou que estas actitudes abocáronnos a unhas novas eleccións xerais nas que tamén haberá que afrontar a fartura da xente. E é que segundo Feijóo, nesta campaña, os partidos non só deberían pedir o voto aos españois senón tamén perdón por seren incapaces de dar coa solución política que pediu a xente nas urnas.
 
POLÍTICA CON MAIÚSCULAS
O líder do PPdeG contrapuxo o seu partido, o único que ten a Galicia no centro co obxectivo de mellorala, con aqueles que pasan o día enleados en intrigas internas ou conspirando contra vellos compañeiros para conseguir ser o vicepresidente dun Goberno de Podemos. 
 
Así, para Feijóo hai partidos que nos seus poucos meses de existencia non pararon de enganar a Galicia, confluíndo e reconfluíndo, aliándose e enemizándose, facendo pasar por complexas negociacións o que en realidade se decidirá por un WhatsApp que sale Pablo Iglesias e chega ás Mareas.
 
Pola contra, aseverou que os populares van de cara, son sinceros e teñen a obriga de facer política con maiúsculas. “Galicia non quere uns políticos que falen de si mesmos. Galicia quere uns políticos que falen dos galegos”, apuntou.
 
Por este motivo tamén subliñou que a nosa comunidade non debe mesturarse coa situación pola que pasa o país, xa que aquí seguimos gobernando con estabilidade. 
 
Nesta liña, Feijóo salientou que o PP prefire que ser xulgado polo seu traballo responsable. Así, destacou que mentres a irresponsabilidade hipoteca o futuro das novas xeracións, a responsabilidade permite que Galicia invista no futuro dos nenos e da mocidade. 
 
Nese sentido, recordou que, ademais de ser unha comunidade que cumpriu o déficit, tamén somos a que máis axuda a pais e nais cando deciden ter un fillo; a que incrementa as prazas públicas de gardería e pon en marcha medidas como as casas niño ou o bono coidador; a que ten as taxas universitarias máis baixas e incrementa o número de becas; ou a que pode poñer a gratuitade no transporte para os menores. Deste xeito, o presidente apuntaba que os que antes miraban para Galicia e se preguntaban “por que fan iso?” agora pregúntanse “por que non o fixemos nós?”.
 
PARTIDO GALEGUISTA
Na súa intervención, o presidente dixo que o PPdeG é un partido de maiorías, de goberno, dun país e dun pobo. “Nós somos o partido de Galicia”, engadiu.
 
Desta forma, Feijóo manifestou que mentres hai outros partidos que cren que Galicia é deles, os populares non se van apropiar nunca da nosa comunidade, xa que entenden que é de todos os galegos e estes teñen dereito a sentila como queiran e en liberdade. 
 

Ademais, asegurou que o PPdeG ten un discurso galeguista porque naceu aquí para toda España, é o primeiro partido de Galicia e leva anos xestionando os intereses dos galegos, aqueles dos que non se debería poñer en cuestión o amor que senten pola súa terra. 

APOSTA POLA RENOVACIÓN E  A TRANSFORMACIÓN

“Nós queremos seguir renovando Galicia, queremos seguir renovando o país e para isto seguiremos traballando”, afirmaba Feijóo durante o seu discurso.
 
Nesta liña, recordou como foron renovando a confianza dos galegos en diferentes etapas para permitir que Galicia puidese avanzar ao tempo que puxo en valor que, agora, no novo comité Executivo do PPdeG haxa unha taxa de renovación do 70%.
 
E é que segundo o presidente, o verdadeiro cambio é aquel que se consegue mirando cara a atrás para aprender do que se fixo; conxugando experiencia e renovación; e transformando pero non rompendo.
 
 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/RrVpzUOrROQ» frameborder=»0″ allowfullscreen ]

Tellado di que a radicalidade do PSOE afastou aos seus militantes históricos

 
Tellado di que os pactos coas Mareas e a radicalidade do PSOE afastaron a militantes históricos socialistas do seu propio partido
 
Indica que os populares non queren para Galicia a inestabilidade que as Mareas e os socialistas teñen levado a Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela
 
Asegura que en España “ou goberna unha maioría estable, moderada e centrada, que só pode liderar o PP, ou o contrario sería darlle o Goberno e a Moncloa a Podemos” 
 
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2016.- “Non hai unha alternativa ao PPdeG é, se a hai, sería catastrófica, cun Xosé Manuel Beiras presidente da Xunta de Galicia, cun José Luis Méndez Romeu vicepresidente e, outra vez, cun BNG confrontando coa política lingüística do noso país”. Así se expresaba o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, nunha entrevista en RNE onde tamén dixo que o reto é mobilizar ao partido para gañar as dúas citas electorais dos próximos seis meses.
 
Segundo o dirixente, o PSOE ten renunciado á súa posición de segunda forza política, practicando un entreguismo ao partido de Beiras. “Vemos unha desnaturalización do proxecto socialista, teñen perdido a súa seña identidade e convertéronse nunha mala copia da esquerda radical”, apuntou ao tempo que aseguraba que isto provocou que militantes históricos socialistas non se sintan representados polo PSdeG nin polos candidatos que se teñen presentado ás primarias deste partido.
 
Tellado tamén subliñou que onde non hai estabilidade non se pode avanzar, indicando que o PPdeG non quere para Galicia o que ocorre en cidades como Ferrol, A Coruña e Santiago, gobernadas polas Mareas coa axuda dos socialistas. Deste xeito lembrou como para o alcalde de Ferrol, a cidade con máis paro de Galicia, a prioridade é quitar o busto do rei da fachada do concello; como na Coruña non son capaces de aprobar un orzamento que impide poder adicar máis fondos á política social; ou como en Santiago non son quen de tapar os baches.
 
Así mesmo, indicou que os populares non contemplan outro escenario máis alá dunha maioría absoluta, porque confróntanse dous modelos: o liderado por Alberto Núñez Feijóo, de estabilidade política e institucional, de solvencia, de creación de emprego e de aposta polas políticas sociais; e o dun cúmulo de partidos que terían que xuntarse todos para conformar un goberno alternativo en caso que o PP non conseguise a maioría.
 
No tocante a Ciudadanos, Tellado aseverou que en Galicia non ten espazo este partido e que ten moi pouco que ver coa nosa comunidade, recordando como nos últimos comicios nacionais foron incapaces de poñer unha soa medida enriba da mesa para a nosa autonomía e mesmo chegando a afirmar que é un luxo que Galicia teña AVE.
 
MAIORÍA ESTABLE, MODERADA E CENTRADA
Tamén referíndose ás pasadas eleccións xerais, o dirixente recoñeceu que os populares pagaron o problema da corrupción, xa que ante algúns destes casos o PP non estivo á altura das circunstancias e iso tivo un coste para a marca do partido no coxunto de España. Do mesmo xeito, Tellado puxo en valor que o Goberno soubo reaccionar e aprobou unha batería de medidas para loitar contra este problema. 
 
O secretario xeral salientou tamén a labor de Rajoy asegurando que   foron catro anos difíciles pero que agora si podían dicirlle á cidadanía que  hoxe España é o país da Unión Europea que máis crece, que máis emprego está xerando e que hai motivos para sentirnos satisfeitos pola xestión deste Goberno. “Queda moito por facer pero o camiño non é acabar con todas as reformas que nos teñen permitio chegar a este escenario senón consolidar a recuperación, creando emprego para conseguir entre todos que a crise sexa un mal soño do pasado”.
 
Por isto, recoñeceu que agardan obter o mellor resultado na próxima cita electoral a nivel nacional, e máis tras ver nos últimos catro meses o comportamento dos distintos partidos. “Ou goberna unha maioría estable, moderada e centrada que só pode liderar o PP coa axuda dos partidos constitucionalistas -se é que os populares non teñen o número de escanos sufcientes- ou o contrario sería darlle o Goberno e a entrada na Moncloa a Podemos”, engadiu. Así mesmo, dixo que Podemos coa súa alianza con EU deixou claro que está na esquerda radical e que o PSOE quere competir con eles, abandonando a centralidade do debate político. 
 
Ademais, apuntou tamén que Ciudadanos ten traicionado ao seu propio electorado, lembrando como Albert Rivera, tras asegurar que non permitiría que gobernase quen non gañase as eleccións e logo de facer campaña apelando ao voto do centro dereita, regalou os seus apoios a Pedro Sánchez invitándoo a gobernar coa esquerda máis radical.
 
REPRESENTAR A TODA GALICIA 
Por outra parte, o secretario xeral tamén admitiu que o PPdeG é un partido transversal, que considera que o rural é tan importante como a Galicia urbana. “Para seguir sendo o primeiro partido de Galicia temos que representar absolutamente a todos”. 
 
Nese sentido, apuntou que apostaron polo eido rural baixando os impostos ata cero e traballaron para que o lácteo tivera prezos competitivos e para que a industria da transformación e da comercialización do leite permitise que este sector siga funcionando. 
 

Tellado pide aos mozos que non permitan que Pablo Iglesias pense por eles

Monforte, 14 de maio de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu hoxe aos mozos galegos que non consintan que Pablo Iglesias pense por eles e que se rebelen contra os que colocan etiquetas á xuventude. “Hai rapaces de esquerdas, por suposto; pero non imos consentir que Podemos e as Mareas debuxen una mocidade monocolor”, apunta.
 
Tellado lembra que as maiorías do PPdeG tamén estiveron sustentados no apoio daqueles que non consentiron que ninguén vinculara o seu voto á súa data de nacemento. “Os mozos galegos sabedes pensar por vós mesmos, que ninguén o faga por vós”, di.
 
O secretario xeral dos populares, que asistiu ao Congreso de NNXX na provincia de Lugo, pediu aos asistentes que foran a “conciencia crítica do partido” e que axuden cada día a ser un mellor PPdeG. “Non debemos conformarnos con ser mellores na comparación con outras formacións; temos que comparar cada día o partido que somos co partido que queremos ser; y así, seguir a mellorar”, apuntou.
 
Tellado cre que non haberá máis oportunidades para os mozos galegos se Beiras e os seus se fan co poder en Galicia. “Non vos foi ben no bipartito e non vos irá ben cunha alianza de todos contra o PPdeG”, engade.
 
O dirixente popular lembra que co PPdeG estamos a actuar mellorando un de cada tres colexios e institutos, destinando máis fondos a becas de investigación, a plans de emprego e, por suposto, seguimos coas taxas universitarias máis baixas de España. “Isto no son anuncios, son decisións anunciadas hai 48 horas no Consello da Xunta”, avanza. “E todo isto é posible porque mentres outros gastaban a mans cheas e agora sofren a presión do control do déficit, en Galicia temos fondos extra que podemos investir como premio a sete anos de política orzamentaria rigorosa”. 
 
“Os galegos gozaremos dunha prima de solvencia grazas a Feijóo tras superar os tempos da prima de risco que herdamos do PSOE”, asegura.
 
Tellado dixo aos mozos de NNXX que non encontrarán noutros partidos a ningún referente co que poidan identificarse mellor que con Alberto Núñez Feijóo, e acusou a outras formacións de tratar de converter a rapaces en “instrumentos de propaganda 4G”.
 
Ademais, pediulles que dean a batalla ideolóxica polo PPdeG, que non concedan o seu voto por moda senón por intelixencia. “Porque as modas rara vez duran catro anos pero do noso voto somos presos ata o final da Lexislatura”.
 

Tellado: “Nin Podemos pisará Moncloa nin Galicia porá 9.000M€ en mans de Beiras»

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou hoxe que a nova Executiva do partido non ten reto máis importante por atender que “gañar os dous procesos electorais que terán lugar en verán, as xerais, e en outono, as autonómicas”. O novo número dous dos populares galegos dixo que nestes cinco meses traballarán para protexer aos galegos daqueles que nada saben de gobernar e pouco entenden do que é Galicia.
 
Tellado avanzou que co traballo de todos “nin Podemos pisará o Palacio da Moncloa nin Galicia porá os case 9.000 millóns de euros dos seus orzamentos en mans de Beiras e das Mareas”. 
 
O dirixente popular reuniu en Santiago aos novos vicesecretarios e coordinadores do PPdeG, elixidos no Congreso que tivo lugar o pasado fin de semana na cidade Ourense. Na xuntanza, Tellado dixo que o PPdeG era un partido de equipos e apostou por ir definindo estratexias cara aos dous próximos procesos electorais.
 
En todo caso, admitiu que os populares están nunha situación privilexiada. “Non só somos os únicos, xunto ao BNG, que temos elixido ao noso candidato. Ademais, con Alberto Núñez Feijóo somos os que mellor cabeza de cartel temos”, apuntou. 
 
Tellado di non envexar aos que aínda non só non teñen candidato, senón que nin sequera teñen partido. “As enquisas din que o noso principal adversario é unha agrupación indeterminada que non ten nin nome, nin logo, nin representante. E isto di moi pouco dos que sendo oposición si o teñen pero están por detrás de non se sabe quén”.
 
En todo caso, o secretario xeral pediu aos vicesecretarios e coordinadores que non se confíen coas desgrazas da esquerda porque “nós non podemos aspirar soamente a que a xente non lles vote a eles; temos que aspirar a que voten por nós”.
 
SUPERÁVIT DE RESPONSABILIDADE
Para o dirixente popular unha boa mostra do que a xestión de Alberto Núñez Feijóo é capaz de conseguir está nos fondos adicionais que a Xunta poderá gastar grazas a súa política orzamentaria rigorosa. “Os que dicían que cumprir o déficit non era levar a recuperación á rúa agora ven como, mentres outras autonomías seguen a padecer estreitezas, Galicia terá 50 millóns extra para estender outro ano a axuda por nacemento; mellorar o equipamento de 100 garderías, de un de cada tres colexios e institutos; para crear novas becas para investigadores; dar transporte metropolitano gratuíto a menores de idade; e para programas de aprendizaxe de inglés a 1.400 rapaces”. “Todo isto grazas ao superávit de responsabilidade”, indicou.
 
“A labor do Goberno é facer; a nosa, explicar”, apuntou Tellado, que engadiu que temos que converter a cada militante nun posto de información ambulante que saiba explicar qué fixemos e por qué a calquera que pregunte.
 
Ademais, o secretario xeral avanzou que o vindeiro luns celebrarase un Comité Executivo para ratificar nomeamentos e facer outros novos. Por exemplo, o Comité de campaña das eleccións xerais, que dende ese día empezará a traballar para recuperar parte do voto perdido nas eleccións xerais do 20-D.
 
Segundo explicou, hai xente que votou a En Marea e agora votará ao BNG porque non confían nos que só son a muleta de Pablo Iglesias e non pelexan por ter voz e voto a través dun Grupo Parlamentario propio; e hai xente que votou a Ciudadanos para que pactara co PP e que non volverá a facelo porque entregaron o seu apoio ao PSOE. Polo tanto, asegura que haberá cambios no comportamento do voto e que os populares queren ser os que reciban ese apoio extra que outros perderán.
 
Ademais, lembrou que na Executiva do PPdeG medra o número de mulleres con cargos de responsabilidade e que case a metade dos membros debuten na dirección do partido. Así, recordou que renovaron a Xunta, o partido a nivel provincial e a nivel autonómico. 
 
“Hai que ser humildes para recoñecer erros perdendo pero máis aínda hai que selo para facelo gañando. Nós, que seguimos gañando eleccións e que estamos na posición que calquera outro partido querería, actualizamos actitudes, equipos e políticas para seguir a dar resposta ás inquedanzas dos galegos”, concluíu.
 

Feijóo concreta as medidas que garanten un mellor futuro dos nenos e da mocidade

Santiago, 12 de maio de 2016.- O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta destinará, aproximadamente, un terzo dos recursos do superávit de responsabilidade en garantir un mellor futuro dos nenos e da mocidade galega. “O noso futuro son os nenos galegos e é a mocidade; son mellores condicións para a sanidade pública e máis axudas para as familias e as persoas que máis o precisan; e son maiores facilidades para o emprendemento e a dinamización económica, e máis investimentos produtivos que sexan rendibles hoxe e mañá”, aseverou.
Na rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou deste xeito que o Goberno galego xa está a traballar, coa máxima dilixencia posible, para poder poñer a disposición de Galicia o superávit do que dispón a comunidade; “un superávit –recalcou- que logramos con responsabilidade e que agora tamén imos reinvestir con responsabilidade”.
Nesta liña, e logo de precisar que nas próximas semanas irase debullando con maior profusión as decisións, as medidas e os programas que permitan cumprir con estas prioridades, referiuse, nun primeiro termo, ao paquete de medidas que se porán en marcha no eido da infancia e da mocidade.
No tocante á infancia, o mandatario afirmou que, do mesmo xeito que a comunidade galega iniciou a vacinación infantil antipneumocócica, defendeu a vacinación contra a varicela antes dos tres anos e puxo á disposición plans sanitarios concretos como o da prevención da obesidade infantil ou a proba de cribado a recén nacidos, a Xunta porá en marcha o Bono Coidado para completar a oferta de apoio ás familias, tamén en casos en que os pequenos teñan que permanecer na súa vivenda debido a unha enfermidade.
No eido social, afirmou que se axilizará a entrada en funcionamento para o próximo curso de 7 novas garderías con 479 novas prazas públicas; e impulsaranse obras de mellora de equipamento en 100 garderías públicas. “E faremos ademais os trámites necesarios para estender a Tarxeta Benvida ao próximo ano, de xeito que bebés nados en 2017 tamén reciban a axuda de 100 euros”, dixo.
Feijóo subliñou que estas medidas complementarán a outras xa postas en funcionamento, entre as que destacou: o Bono Concilia, para que todas as familias que o precisen teñan acceso a unha praza pública ou, no seu defecto, a unha axuda directa para gardería; as casas-niño no rural ou o servizo de axuda no fogar para a infancia; e as deducións fiscais.
En relación á educación, resaltou que a Xunta inxectará –ademais dos fondos de investimento previstos xa- 20 millóns máis de euros para realizar distintas melloras nos colexios e nos institutos, que permitirán acometer diversas actuacións en 372 centros educativos, o que suporá actuar en 1 de cada 3 centros de ensino, beneficiando a preto de 100.000 estudantes.
Igualmente, duplicarase a oferta de bolsas e becas destinadas a que os rapaces poidan aprender inglés, de xeito que este mesmo ano duplicaranse as prazas para actividades de inmersión lingüística, coa previsión de chegar a uns 1.400 rapaces.
No eido da mocidade, avanzou dúas decisións: a primeira delas, será a gratuidade do transporte público interurbano metropolitano para todos os galegos menores de idade. “Todos os mozos de menos de 18 anos terán gratuítos os desprazamentos dentro da área metropolitana”, dixo, ao que engadiu que a Xunta se porá en contacto con aqueles concellos do ámbito rural que aínda non estean no transporte metropolitano, para que se incorporen voluntariamente e así poder chegar ao 100% de Galicia.
No tocante á segunda decisión, destacou que o Goberno galego incrementará nun 50% as prazas de investigadores, co obxectivo de que 300 investigadores permanezan en Galicia.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que defender unha política responsable fixo posible falar dunha “prima de solvencia” que agora, ten consecuencias concretas e positivas para os cidadáns. 
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/b-eoEvVGHcA» frameborder=»0″ allowfullscreen ]