Parlamento aproba conmemorar 4º centenario Cervantes e homenaxear VII Conde de Lemos

O PARLAMENTO APROBA A INICIATIVA DO PPDEG PARA CONMEMORAR O CUARTO CENTENARIO DO PASAMENTO DE CERVANTES E HOMENAXEAR AO SEU MECENAS O VII CONDE DE LEMOS

·    Ademais, Rodríguez dixo que o VII Conde de Lemos “é unha figura que ten relevancia polo seu legado cultural e histórico, por ser defensor do voto en Cortes de Galicia e por terse comprometido co desenvolvemento de actividades industriais”

Santiago, 5 de febreiro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a impulsar e acompañar as principais iniciativas culturais que se realicen en Galicia para a conmemoración en 2016 do cuarto centenario do pasamento de Miguel de Cervantes, así como render unha homenaxe ao seu mecenas o VII Conde de Lemos. A deputada Julia Rodríguez salientou que “se trata de facer un recoñecemento de ambas figuras e poñer en valor o importante vínculo que une á un dos autores mais destacados da literatura universal, Miguel de Cervantes, con Galicia”.

Julia Rodríguez lembrou que o VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, “é unha figura notable da historia e a cultura de Monforte, pero que transcende do ámbito local, para  tomar relevancia en toda Galicia, non so polo legado cultural e histórico que deixou senón tamén por ter sido defensor do voto en Cortes de Galicia e por terse comprometido co desenrolo de actividades industriais encamiñadas a beneficiar os galegos da época, como a manufactura téxtil da seda ou a introdución do millo en Galicia”.

“Ademais, o VII Conde de Lemos, actuou como mecenas de importantes escritores do século de ouro, garantindo así a publicación de obras notables daquela época”, sinalou a deputada popular.

Un deses escritores foi Miguel de Cervantes, que dedicou unha boa parte das súas obras, entre elas, a segunda parte do Quixote, ao VII Conde de Lemos, con quen o escritor mantivo unha intensa relación ata os seus derradeiros días de vida.


PERSOEIRO POLIFACÉTICO

Ao longo deste ano 2016 conmemóranse os 400 anos da morte de Cervantes. “É esta unha boa ocasión para recoñecer a un persoeiro tan polifacético e destacado da historia e a cultura de Galicia, e, sobre todo, para poñer en valor o importante vínculo que une a un dos escritores mais importantes da literatura universal, Miguel de Cervantes, con Galicia”, manifestou Julia Rodríguez.

O Grupo Popular aceptou, ademais, a emenda do BNG para que a Xunta impulse medidas para o coñecemento da figura do VII Conde de Lemos e a súa influencia na sociedade do seu tempo, así como a importancia dos cargos que desempeñou e a súa relación coa cultura e coa Historia de Galicia.

Feijóo salienta o Plan de seguridade viaria 2016-2020, cun orzamento de 300M€

Santiago, 4 de febreiro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para este mesmo ano consignan unha partida de máis de 60 millóns de euros para a posta en marcha do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, que prevé reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ao ano 2011 e un investimento próximo aos 300 millóns de euros durante a súa vixencia.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, que hoxe deu o visto e prace a este documento, Feijóo explicou que o Plan de seguridade viaria 2016-2020 apóiase en cinco piares que son: optimizar a xestión da seguridade viaria, acadar vías de tránsito e mobilidade máis seguras, apostar por vehículos máis seguros, mellorar a resposta tras un accidente, e traballar para achegar maior seguridade aos usuarios destas vías.

Reforzar a seguridade dos peóns e ciclistas
Ao respecto, apuntou que o plan aumenta a atención especialmente sobre os usuarios máis vulnerables, peóns e ciclistas. E para iso, dixo, propón medidas específicas para nenos, persoas maiores e mesmo peregrinos que estean a realizar o Camiño de Santiago.
Así mesmo, indicou que a Xunta vai acometer actuacións concretas nas vías de titularidade autonómica para a execución, por exemplo, de cunetas de seguridade, para a colocación de barreiras e sistemas de protección de motoristas, e na protección de salvacunetas. E, xunto con isto, mencionou que este mesmo ano porase en marcha unha campaña de educación e sensibilización para reforzar a seguridade dos peóns e aumentar a súa visibilidade.
Feijóo destacou que este novo plan dá continuidade ao anterior, relativo ao período 2011-2015, e salientou que foi elaborado cunha alta participación, posto que foi tratado na Comisión autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria —onde están as tres administracións e a Garda Civil de Tráfico—, e contou coa implicación das distintas consellerías e coa participación de diferentes axentes sociais. É o caso de vítimas de accidentes, usuarios de estradas, autoescolas, aseguradoras, ciclistas e motoristas, peregrinos, enxeñeiros, fabricantes de vehículos ou representantes de centros médicos e psicotécnicos.

Feijóo di que a Xunta mobiliza cos Jeremie 25M€ en 45 proxectos de pemes galegas

Santiago, 4 de febreiro de 2016.- O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía que o Consello da Xunta deu hoxe luz verde a apoiar 15 novos proxectos con préstamos Jeremie que mobilizan sete millóns de euros.
Feijóo puxo así de manifesto o compromiso da Administración autonómica co tecido empresarial galego a través de iniciativas como os préstamos Jeremie que, desde a súa activación a finais de 2014, teñen mobilizado 25 millóns en 45 proxectos promovidos por pemes, contribuíndo así ao mantemento de 900 empregos e á creación de 168 novos postos de traballo.
Durante a rolda de prensa, o mandatario precisou que tres de cada catro destes proxectos están a ser desenvolvidos por microempresas e pequenas compañías, que se benefician duns préstamos con xuros fixos de arredor do 0,2%, ata 11 anos de amortización e un de carencia.
“Os Jeremie consolídanse así como unha importante ferramenta de apoio ás pequenas e medianas empresas galegas”, incidiu, destacando que a contía media dos préstamos é de 300.000 euros.
A tipoloxía dos proxectos apoiados vai desde un obradoiro tradicional para a fabricación de pan ata a adquisición de maquinaria para incrementar a capacidade produtiva das compañías. E, o 56% das actuacións enmárcanse no sector industrial; o 19%, no sector servizos; o 14% corresponde á hostalería.
Ademais desta iniciativa, Feijóo lembrou tamén a aprobación hai menos dun mes de catro liñas de axudas que mobilizan, no seu conxunto, preto de 100 millóns de euros: “Trátase –precisou- do plan Galicia Inviste2016; do Galicia Emprende2016; dos proxectos piloto de Fábrica 4.0 e dos programas de financiamento de circulante”.
Con estas medidas, xunto con outras de impulso á eficiencia enerxética, á innovación e á internacionalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva lanzados neste ano programas de axudas por 185 millóns de euros, o que significa que, a primeiros de febreiro, xa están aprobadas o 70% das axudas para 2016.

A oferta pública de emprego da Xunta para 2016 suma preto de 2.400 prazas

Santiago, 4 de febreiro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Oferta Pública de Emprego para 2016 suma case 2.400 prazas entre Sergas, Educación e Administración Xeral, é dicir, máis do dobre de prazas que as ofertadas no ano anterior.
Como sinalou, a OPE do presente exercicio superará con creces o volume de todas as convocatorias acumuladas dos últimos anos. De feito, prevé ofertar 818 prazas de diferentes categorías sanitarias e ás 1.112 prazas xa anunciadas no ámbito da Educación.
A isto hai que engadirlle a oferta de prazas que se levou hoxe a Consello, outras 448 prazas para persoal da Administración Xeral, oferta que, como sinalou o presidente, será trasladada á mesa de negociación nas vindeiras datas.
Máis polo miúdo, Feijóo sinalou que, do total destas prazas, 146 serán para persoal laboral no eido dos servizos sociais, o que permitirá aumentar a estabilidade no emprego desta área e mellorar a prestación do servizo.
Por outra banda, outras 124 prazas irán destinadas a reforzar a prevención e extinción de incendios, sendo a primeira vez desde 2003 que se inclúe este servizo na oferta de emprego.
Ademais, por primeira vez na historia da autonomía, convocaranse 22 prazas de especialistas en seguridade e saúde no traballo.
Segundo o mandatario, tamén se ofertarán 40 prazas no corpo de xestión, no corpo auxiliar e na agrupación profesional do persoal funcionario subalterno, mentres que as 116 prazas restantes serán para promoción interna.
Como concluíu Feijóo, estas case 2.400 prazas de emprego público equivalen á oferta pública de emprego de cinco anos, desde 2010 a 2014. Así, unha vez que se acabou a limitación estatal do 10 por cento na taxa de reposición e que a Xunta empregou na súa totalidade, o Goberno galego agora está tratando de consolidar postos de traballo e de acadar que as persoas que tiñan contratos temporais ou de interinidade poidan ter opción a ser funcionarios de carreira da Comunidade.
O obxectivo, segundo engadiu, é finalizar as ofertas públicas de emprego que estaban en trámite en 2016 e avanzou tamén que se buscará levar a cabo as convocatorias das prazas de servizos sociais e de extinción de incendios antes do verán.

Pilar Rojo, elegida presidenta de la Comisión de Peticiones del Congreso

03. feb. 2016.- La ex presidenta del Parlamento Gallego y diputada por Pontevedra, Pilar Rojo, ha sido nombrada esta mañana presidenta de la Comisión de Peticiones del Congreso de los Diputados.

La Comisión de Peticiones, que se ha constituido oficialmente, es la encargada de gestionar el derecho de petición de los españoles ante las Cámaras, un derecho fundamental en España que se puede ejercer de forma individual o colectiva y que está recogido en el artículo 29 de la Constitución, desarrollado en la Ley Orgánica 4/2001 y regulado en el Congreso en el artículo 49 del reglamento.

Pilar Rojo cuenta con experiencia en este ámbito, ya que durante su etapa al frente del Parlamento Gallego ella presidió la Comisión de Peticiones de O Hórreo.

Junto a Pilar Rojo, integrarán la Comisión de Peticiones de la Cámara Baja siete diputados más: Guadalupe Martín, del PSOE, que ocupará la vicepresidencia; Isabel Franco, de Podemos, que será la secretaria, así como Iñigo Barandiaran (PNV), Frances Xavier Eritja, de ERC, Pedro Gómez de la Serna, del Grupo Mixto, Rodrigo Gómez, de Ciudadanos y Elena Ribera i Garijo, de Democracia y Libertad, que actuarán todos ellos como vocales.

El también diputado gallego Jaime de Olano ha sido reelegido esta tarde portavoz del Grupo Parlamentario Popular en la Comisión de Presupuestos del Congreso, que también se ha constituido oficialmente hoy.

Jaime de Olano, que se incorporó a las filas del Grupo Parlamentario Popular ya en la pasada Legislatura, es concejal en Viveiro y ocupaba el cargo de  portavoz de Presupuestos para el que acaba de ser reelegido desde el 2 de febrero del 2015.

En la Comisión de Presupuestos estarán presentes también la propia Pilar Rojo y la también diputada gallega Irene Garrido, que serán vocales.

Con estos nombramientos, los diputados gallegos del PP arrancan oficialmente el curso de esta XI Legislatura en las Cortes, a la espera de que en las próximas semanas se continúen constituyendo Comisiones parlamentarias de la Cámara Baja.

Feijóo apela á estabilidade como factor fundamental para impulsar o crecemento

O titular da Xunta interveu hoxe no acto inaugural do II Encontro de Directivos 100 consellos para o 2016

Feijóo apela á estabilidade, á confianza e á planificación como factores fundamentais para soster e impulsar o crecemento económico

  • Subliña que non pode existir prosperidade económica se os axentes implicados nela non confían no sistema; de igual xeito que a confianza na institucións, dixo, achega uns cimentos sólidos para que a sociedade prospere
  • Asegura que esa é a vocación coa que nace o Plan estratéxico 2015-2020, que plasma a vontade de acadar unha Galicia con máis oportunidades, máis emprego, máis produtiva e cohesionada territorialmente, e na que o benestar chegue a toda a cidadanía
  • Sinala que, de cara ao final desta década, o obxectivo é que a Comunidade creza de xeito sostido por riba do 2,5% e que se creen 100.000 empregos ata 2020
  • Subliña que “non se pode conseguir a prosperidade económica e social se as institucións traballan de xeito unilateral, se actúan en contra da vontade maioritaria da cidadanía ou se coas súas accións dividen á sociedade”. Conséguese, di, “cando existe estabilidade e certeza; cando existe un marco institucional estable e digno da confianza que reclama a cidadanía”
Santiago, 3 de febreiro de 2016.- Alberto Núñez Feijóo apelou hoxe á estabilidade, á confianza e á planificación como factores fundamentais para soster e impulsar o crecemento económico. Así o manifestou durante a súa intervención no acto inaugural do II Encontro de Directivos 100 consellos para o 2016.
O titular da Xunta subliñou que non pode existir prosperidade económica se os axentes implicados nela —emprendedores, consumidores e traballadores—, non confían no sistema; de igual xeito que a confianza nas institucións, dixo, achega uns cimentos sólidos para que a sociedade prospere. Segundo apuntou, a confianza ciméntase na estabilidade e, nese sentido, recoñeceu que é fundamental o labor previsible dos representantes públicos á hora de propoñerlle aos cidadáns un modelo de sociedade e un camiño a seguir para chegar a el.
Un plan sustentado na estabilidade
Feijóo asegurou que con esa vocación naceu o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, recentemente aprobado polo Goberno galego, e que recolle o traballo conxunto da Xunta e a sociedade civil para determinar as prioridades de Galicia de aquí a 2020. Segundo indicou, o texto plasma a vontade de acadar unha Galicia con máis oportunidades, máis emprego, máis produtiva e cohesionada territorialmente e na que o benestar chegue a toda a cidadanía.
Así, sinalou que, de cara ao final desta década, o obxectivo é que a Comunidade creza de xeito sostido por riba do 2,5% e que se creen 100.000 empregos ata 2020. Ao respecto mencionou os últimos datos da EPA que sinalan que no último ano en Galicia saíron do desemprego 41.100 persoas e se crearon 32.100 postos de traballo.
Na mesma liña, afirmou que apostar por un novo modelo produtivo supón duplicar o investimento en I+D e elevar ata o 40% as exportacións nos distintos sectores. E como exemplo resaltou que 2013, 2014 e 2015 foron os anos en que Galicia máis exportou.
No eido demográfico, destacou a necesidade de frear a caída de poboación e lembrou que a Xunta xa puxo en marcha o Plan de apoio á natalidade e medidas como a Tarxeta Benvida.
Ademais destes retos, de cara ao 2020, Feijóo referiuse tamén a outros obxectivos no ámbito da formación, —como continuar reducindo a taxa de abandono escolar temperá—da inclusión, do coidado do medio ambiente, da enerxía e da converxencia coa UE. “Buscamos —dixo— unha converxencia coa media da renda da UE en oito puntos e unha converxencia en cinco puntos coa media da renda de España”.
Este plan, remarcou, “traza unha folla de ruta cara á Galicia que queremos, unha folla de ruta que intenta evitar as improvisacións”. Segundo indicou é unha resposta á vontade dos cidadáns, que esperan das institucións que teñan un modelo de país, “que se consensue ao máximo posible e que haxa un goberno que non delegue as súas responsabilidades”.
Contar cun marco institucional estable
O titular da Xunta mencionou, por outra banda, os avances acadados en Galicia nestes últimos anos e citou como os logros máis importantes que a Comunidade deixou de destruír emprego; de feito, subliñou que neste mes de xaneiro os niveis de desemprego se situaron por debaixo dos de 2011. Tamén destacou que Galicia foi a única Autonomía que non acudiu nin ao FLA nin ao Fondo de provedores.
Salientou, nesta liña, que a responsabilidade e o control das contas públicas permitiu á Xunta suprimir o Imposto de sucesións e doazóns para o 99% dos galegos e reducir novamente o IRPF. E, igualmente, asegurou que se nos anos máis complicados da recesión o Goberno galego mantivo as axudas sociais, agora que empeza a haber máis marxe de manobra, está a amplialas.
Feijóo concluíu asegurando que “non se pode conseguir a prosperidade económica e social se as institucións traballan de xeito unilateral, se actúan en contra da vontade maioritaria da cidadanía ou se coas súas accións dividen a sociedade”. Conséguese “cando existe estabilidade e certeza; cando existe un marco institucional estable e digno da confianza que reclama a cidadanía”, asegurou

Feijoo felicita aos alumnos con premio extraordinario

Alberto Núñez Feijóo felicitou hoxe aos alumnos con premio extraordinario e aos mestres e todo o sistema educativo galego por acadar a menor taxa de abandono escolar.
Durante o acto de entrega de diplomas dos Premios do Concurso Hispanoamericano de Ortografía e Premios Extraordinarios de Bacharelato, Formación Profesional de Grao Superior e Ensinanzas Artísticas Profesionais de Música, Danza e Artes Plásticas, Feijóo afirmou que a Galicia que queremos é a Galicia das oportunidades, “e as oportunidades –aseverou- están no coñecemento”.
Logo de felicitar aos premiados polo esforzo e a valía, o titular do Goberno galego animounos a continuar ese camiño e quixo facer extensiva esta felicitación, tamén, a todos os mestres que, xunto con todo o sistema educativo público, están a acadar resultados extraordinarios para Galicia.
Sobre este aspecto, Feijóo referiuse aos datos que acreditan unha constante diminución da taxa de abandono escolar temperá no sistema educativo galego, situándose a media do ano 2015 no 17%, case 9 puntos menos ca media de 2009. “Estamos –dixo- na taxa de abandono escolar temperá máis baixa desde que temos estatística”.
Máis polo miúdo subliñou que o dato do último trimestre de 2015 é de 15,7%, “achegándonos así ao obxectivo da Estratexia Educación e Formación 2020 da Unión Europea, do 15%”.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención lembrando que a pesar da recesión económica durante estes anos creáronse máis de 13.000 novas prazas de Formación Profesional, un 50% máis.

O GPP pide ao Goberno un programa de mellora progresiva das estradas lucenses

Santiago, 2 de febreiro de 2016.- O deputado do Grupo Popular Ángel Camino vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se insta ao Goberno galego a poñer en marcha un programa de actuacións progresivas para a mellora das estradas lucenses.
Máis en concreto, o deputado popular empraza á Xunta a acometer as obras necesarias para o reforzo dos firmes de todas aquelas estradas pertencentes ás redes primaria e tamén secundaria de titularidade autonómica.
1.500 QUILÓMETROS DE ESTRADAS AUTONÓMICAS
Camino lembra que a Xunta de Galicia é titular de aproximadamente 1.500 quilómetros na provincia lucense desde que se completou a transferencia destes viarios en aplicación do Decreto  Decreto 3317/1982.
O deputado popular recoñece o compromiso notorio que durante estes case 35 anos fixo o Goberno galego para levar adiante melloras no firme e na capa de rodadura de moitas destas estradas, ao tempo que subliña as obras impulsadas durante este período que implicaron sensibles modificacións no trazado doutras. “Non obstante cómpre seguir traballando para estender estas melloras ao resto da rede autonómica de estradas”, sinala.
ESFORZO ORZAMENTARIO
A través desta iniciativa parlamentaria, o Grupo Popular solicita que se faga un novo esforzo orzamentario que permita atallar o deterioro destas estradas lucenses e, consecuentemente, a fortaleza, seguridade viaria e a comodidade dos usuarios. 
“Isto, aínda tendo contrastado a certeza, como xa se dixo, do esforzo feito pola administración autonómica para resolver o problema do que hoxe tratamos, e sendo para nós tamén notoria a preocupación da Axencia Galega de Infraestruturas por atender esta cuestión”, conclúe Camino.

Feijóo subliña a importancia de impulsar o emprendemento desde a universidade

O titular da Xunta presidiu o acto de presentación do Proxecto Mentoring. Desenvolvemento Profesional da USC

Feijóo subliña a importancia de impulsar o emprendemento desde a universidade para conectar o mundo académico ao mercado laboral

  • Asevera que o Proxecto Mentoring facilita identificar aos alumnos participantes “os camiños que hai a partir da finalización do grao, como se pode acceder a un mercado laboral e como se poden desenvolver os proxectos profesionais”
  • Sostén que esta iniciativa vai en liña coas medidas que se están a impulsar desde a Xunta para fomentar o emprendemento como a sinatura do convenio de colaboración coa Fundación Barrié para o desenvolvemento do Fondo Autonómico de Proba de Concepto; as Unidades Mixtas; o Programa Oportunius e a Rede Galega de Mentores
Santiago, 1 de febreiro de 2016.- Alberto Núñez Feijóo destacou hoxe a importancia de impulsar o emprendemento desde a universidade para conectar o mundo académico ao mercado laboral.
Nesta liña e durante o acto de presentación do Proxecto Mentoring. Desenvolvemento Profesional da USC, Feijóo aseverou que esta iniciativa dá as claves para que os estudantes poidan acadar un posto de traballo ou emprender un proxecto empresarial naqueles ámbitos para os que se formaron. “O obxectivo é contribuír a mellorar a conexión entre o mundo académico e o mundo laboral. Identificar aos alumnos participantes os camiños que hai a partir da finalización do grao, como se pode acceder a un mercado laboral e como se poden desenvolver os proxectos profesionais”, precisou, ao que engadiu que se trata dunha iniciativa universitaria innovadora na que participan 79 mentores.
Así mesmo, o titular do Goberno galego afirmou que no Mentoring se dá unha alianza entre a experiencia e o talento, “entre o coñecemento e o talento”. “Trátase dunha ferramenta de orientación laboral que hai que saudar”, dixo, logo de precisar que se trata dunha iniciativa que está dentro da órbita do Plan Boloña, “porque busca reforzar a formación permanente, os índices de empregabilidade e situar o alumno como centro do sistema”.
Acorde coa Universidade do século XXI
Durante a súa intervención, Feijóo afirmou tamén que este proxecto é acorde coa Universidade do século XXI “e co compromiso que temos todos de ser útiles no funcionamento dos servizos públicos, sendo a universidade a cima do servizo público educativo”.
Por outra banda, o presidente da Xunta destacou que este programa vai en liña, ademais, coas medidas que se están a impulsar desde o Goberno galego para fomentar o emprendemento. E, neste sentido, lembrou a sinatura do convenio de colaboración coa Fundación Barrié para o desenvolvemento do Fondo Autonómico de Proba de Concepto; os 22 millóns de euros que a Xunta puxo á disposición das Unidades Mixtas; o Programa Oportunius e a Rede Galega de Mentores, “na que están inscritos 150 empresarios experimentados e que están traballando co Goberno galego”.

Puy reitera a vontade do PPdeG para modificar a Lei do Solo co consenso de AGE

O portavoz popular avanza que, “no caso de que non varíe a súa postura, a Xunta e o Grupo Popular levarán adiante unha modificación puntual da Lei que estaría aprobada a finais de febreiro ou principios de marzo” 
PUY REITERA QUE “INTENTAREMOS ATA O ÚLTIMO MOMENTO” QUE AGE RECONSIDERE A SÚA POSTURA E LEVANTE O BLOQUEO Á MODIFICACIÓN DO ARTIGO 144 DA LEI DO SOLO
Lanza unha mensaxe de tranquilidade sobre o mantemento do emprego e a continuidade da factoría de PSA en Vigo ante as declaracións realizadas esta mañá polo director da planta demandando unha solución á situación urbanística
Na sesión plenaria tamén se procederá ao debate de totalidade do proxecto de Lei do patrimonio cultural
Santiago, 1 de febreiro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou hoxe que “intentaremos ata o último momento” do Pleno da vindeira semana que AGE reconsidere a súa postura e levante o bloqueo á modificación do artigo 144 do proxecto de Lei do Solo, que habilitaría a realización de proxectos de urxencia ou excepcional interese público nos concellos galegos e permitiría de forma inmediata dar saída ao problema que sofre Vigo logo da suspensión do Plan Xeral desa cidade. Porén, Puy avanzou que, no caso de que AGE non varíe a súa postura, a Xunta e o Grupo Popular levarán adiante unha modificación puntual da Lei do Solo nese aspecto concreto para solucionar o problema, que podería aprobarse a finais de febreiro ou principios de marzo.
Pedro Puy cualificou a nova Lei do Solo como “unha das relevantes do conxunto da lexislatura” e que facilitará unha ordenación racional do territorio, o desenvolvemento sustentable do rural e a protección da paisaxe. Na súa intervención, destacou que ao longo da ponencia incorporáronse 79 emendas ao texto, das cales 45 foron a iniciativa da oposición. 
Porén, lamentou que “non se puido incorporar a emenda que modifica o artigo 144 para habilitar a realización de proxectos de urxencia ou excepcional interese público nos concellos galegos que permitiría de forma inmediata dar saída ao problema de Vigo logo da suspensión do Plan Xeral desa cidade”.  “Ímolo intentar ata o último momento antes de que aprobe esta lei na sesión plenaria”, subliñou Puy, quen criticou a AGE porque “non quere corrixir este problema de maneira inmediata”. 
SOLUCIÓN A PROBLEMA GRAVE
O portavoz popular lembrou as declaracións realizadas esta mañá polo director da fábrica de PSA de Vigo nas que afirma que se non se resolve a situación urbanística xeraría un problema grave para a ampliación da fábrica. “A solución se pide para antes do verán e estou en disposición de garantir que a solución para manter os postos de traballo e a continuidade da factoría de PSA en Vigo podería aprobarse antes do remate do mes de febreiro ou principios de marzo”, indicou.
“A solución proposta polo Goberno galego e o Partido Popular, aceptada por todos os grupos parlamentarios menos AGE, en ningún caso supón que exista unha barra libre urbanística e ofrece todas as garantías posibles”, xa que “as modificacións deberán realizarse co común acordo de todas as administracións competentes, de xeito que os propios concellos poden rexeitar a modificación urbanística”, explicou Pedro Puy.
Finalmente, o portavoz popular felicitouse porque “haxa unha norma urbanística axeitada para os nosos tempos, que vai permitir o gran obxectivo de que todos os concellos de Galicia teñan nesta década normas urbanísticas perdurables no tempo”. Así, dixo que neste momento 57 concellos carecen de normas urbanísticas e 173 non teñen adaptado o seu PXOM á nova normativa.
A LEI DO PATRIMONIO UNIFICA TRES TEXTOS
En segundo lugar, na sesión plenaria procederase ao debate de totalidade do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, un texto que substitúe e unifica as regulacións de tres leis: a do Patrimonio cultural de 1995, a de Protección dos Camiños de Santiago de 1996; e a de Traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago de 1991.
Puy sinalou que este proxecto de lei chega ao Parlamento logo de recibir achegas de máis de 60 entidades, entre as que figuran as tres universidades galegas, a Academia de Belas Artes, o Colexio de Arquitectos e a fiscalía especializada en delitos contra o patrimonio, así como o ditame do Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, indicou que a nova lei persegue catro obxectivos fundamentais: incrementar a colaboración de todas as Administracións, especialmente dos concellos; regular novos patrimonios, como o inmaterial, o subacuático, o industrial e o científico; implantar un réxime sancionador máis estrito; e simplificar a lexislación e a xestión administrativa do patrimonio cultural.
O portavoz popular salientou que “un dos aspectos máis salientables do proxecto de Lei é a creación dun novo Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que reducirá a dúas as categorías de bens de patrimonio: Bens de Interese Cultural (BIC) e bens clasificados (na que se integra a categoría de bens inventariados”.