
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha moción, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se pide á Xunta que aborde dun xeito global o problema da seca derivada do cambio climático que afecta ás producións vexetais para consumo humano. Neste sentido, solicítase que se implique ao sistema investigador agrario e á universidade na realización de estudos sobre os graos de afectación do territorio galego e dos seus solos; e no establecemento de liñas de investigación respecto do ciclo da auga, na investigación xenética para atopar novas variedades vexetais para consumo humano ou na diminución do uso de fitosanitarios.








