O PP lucense afea a Sánchez o descoñecemento da realidade da provincia tras asegurar que “a A-54 está plenamente operativa” e urxe ao Ministerio de Transportes o remate da autovía

A presidenta provincial do PP e voceira municipal, Elena Candia, afea dende Palas de Rei acompañada por alcaldes, deputados e senadores o descoñecemento da realidade da nosa provincia por parte de Pedro Sánchez tras asegurar que “esta autovía A-54 está plenamente operativa” e amosa a súa preocupación porque “todo parece indicar que non se van cumprir os prazos anunciados”.

Así mesmo, subliña a “falta de comunicación dos representantes socialistas da provincia -tanto o presidente da Deputación como o alcalde da capitalidade- co presidente do Goberno en relación a esta infraestrutura da que deberían estar moi preocupados”. Pero tralas últimas declaracións do presidente, evidénciase que “non están preocupados, nin fan seguimento, nin informan correctamente ao presidente do Goberno nin teñen interese no remate desta infraestrutura”.

Polo tanto, os populares pídenlle ao presidente do Goberno que se desculpe ante os lucenses e ao PSOE e BNG “que se sumen a esta reivindicación para que o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible rectifique”, segundo manifestou Francisco Conde. E, ante o incumprimento dos prazos, o deputado no Congreso asegura que “o que precisa Lugo é transparencia e compromiso claro coa palabra dada por parte do Goberno” ante a falta de infraestruturas de comunicación.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, explica que “esta autovía é importante para comunicar o municipio e a comarca con Lugo ou Santiago” e tamén “para darlle acceso aos camións que pasan polos medios das nosas vilas a diario causando trastornos no tráfico ordinario”. Así, lamenta “o estado de execución desta importante infraestrutura que os veciños levamos anos agardando e que parece a cuestión de nunca acabar” toda vez que “as datas que daba o Ministro en febreiro están, a todas luces, incumpridas”. Así mesmo, condena que “o señor Besteiro se alegre das desgraza da provincia” e, polo tanto, “non agardamos que defenda a A-54”.

UNHA AUTOVÍA E TRES VERSIÓNS DO GOBERNO
José Manuel Barreiro considera “intolerable” que, en escasos meses, “o Goberno de Sánchez diga tres cousas diferentes sobre a A-54”. O propio Ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, anunciara en febreiro na inauguración do tramo Palas de Rei – Melide que esta autovía estaría rematada este ano -e, incluso que, os 6 km que discorren entre o enlace de Melide Sur e a saída de Santiso, estarían este verán-; pero, a comezos deste mes e en resposta ás preguntas formuladas polos senadores do PP de Lugo, non confirma o prazo anunciado limitándose a asegurar que traballan para “finalizar o antes posible o último tramo”. E, este mesmo mércores, o propio presidente do Goberno aseguraba no Congreso que a A-54 está plenamente operativa.

O senador popular cre que “os lucenses non podemos agardar nada dun Goberno que nin entre eles mesmos se entenden, nin tampouco do PSOE nin dos seus socios, o BNG, que permiten esta situación”.

INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA
Os representantes do PP lucense no Congreso, no Senado, no Parlamento de Galicia e nos Concellos unen forzas para reivindicar a importancia da autovía A-54 e esixir a finalización das obras e a súa posta en funcionamento da totalidade desta infraestrutura estratéxica que permitiría conectar as cidades de Lugo e Santiago de Compostela en menos dunha hora. Candia subliña que “os lucenses non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco seguir sendo ignorados polo descoñecemento que ten o presidente do Goberno da nosa provincia”.

O PP de Pontevedra denuncia o agravio constante do Goberno central a Galicia e reclama a transferencia da AP-9 dende todas as institucións

O PP de Pontevedra denuncia o agravio constante a Galicia e reclaman ao Estado que cumpra porque a nosa comunidade merece xestionar a súa principal vía de comunicación. “Seguiremos esixindo dende todas as institucións que se poña fin a este bloqueo e que se cumpra co compromiso adquirido”, indicaron os populares.

O presidente provincial, Luis López; a secretaria provincial, Luisa Piñeiro; os deputados nacionais Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Bayón; autonómicos, Raúl Santamaría e María Deza; o alcalde de Portas, Ricardo Martínez e os voceiros de Caldas e Pontecesures, estiveron hoxe en Caldas co eurodiputado Adrián Vázquez.
Adrián Vázquez, explicou que ten pedido á Defensora do Pobo europea que medie para conseguir o expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9, unha información que o Goberno de Sánchez segue sen facilitar a Galicia. Vázquez realizoulle a consulta a Teresa Anjinho durante a celebración da Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo e tamén por escrito, e a Defensora do Pobo Europeo comprometeuse a analizalo.

“O caso da AP-9 é paradigmático. Xa non é un problema galego, xa non é un problema español, é un problema europeo. Desde o ano 2021, a Comisión Europea ten aberto dous procedementos sancionadores contra o Goberno de España pola terrible xestión da AP-9, que se considera unha infraestrutura estratéxica non só da nosa terra, tamén de toda Europa. Levamos catro anos tentando entender que sucedeu con esa sanción, que respondeu o Goberno, que alega. Por iso non nos quedou máis remedio que solicitar á Defensora do Pobo Europeo que nos dean acceso a esa documentación. E a Defensora do Pobo xa respondeu de maneira positiva que vai traballar para que dunha vez por todas, xa que o Goberno de España négase a darnos esa información, podamos entender en que situación atópanse eses dous procesos sancionadores que poden afectar aínda máis á AP-9”, explicou o eurodeputado popular.

Pola súa banda, o deputado nacional no Congreso, Pedro Puy indicou que a AP-9, é a autopista que vertebra o 60% da poboación de Galicia, e que esta autoestrada. xa foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento de Galicia a súa transferencia ao país. “Con todo, o PSOE leva anos tomándonos o pelo nesta lexislatura, por exemplo, unha lei tan sinxela que só ten 3 artigos, un que establece a transferencia a outro que establece as compensacións económicas e outro que establece a forma de transferila, leva nada máis e nada menos que 59 prórrogas. É dicir, aos que somos ponentes desa norma nin sequera se nos permite debatir”, lamentou

“Nós vimos a pedir que se deixe de facer propaganda, porque se anuncia o levantamento dun trámite cando aínda quedan todos os fundamentais. Vimos pedir que se lle deixe de tomar o pelo a Galicia, que é un caso único no conxunto de España. Esiximos que se deixe xa por fin tramitar unha lei, insisto aprobada 4 veces por unanimidade polo Parlamento de Galicia, e que se cumpran as promesas que se deron, como a do señor Besteiro, garantindo a gratuidade da autopista na súa campaña das eleccións autonómicas. Que deixen de poñer obstáculos que son simplemente trampas parlamentarias que impiden que por fin Galicia teña unha autopista AP9 gratuíta e ademáis de titularidade autonómica”, rematou Pedro Puy.

O PPdeG reivindica a “liberdade” da mocidade galega e avanza que apostará “máis que nunca” pola xente nova nas candidaturas de próximas eleccións

O PPdeG reivindicou hoxe a “liberdade” da mocidade galega e avanzou que en próximas eleccións apostará “máis que nunca” pola mocidade nas súas candidaturas para exemplificar que “Galicia goberna o seu futuro” e demostrar que a xente nova “tamén é sinónimo de estabilidade e solvencia”.

Así o manifestou hoxe a secretaria xeral Paula Prado acompañada polo presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, nun acto celebrado en Ourense por iniciativa da organización xuvenil dos populares galegos.

Un acto que, na súa opinión, demostra que o PPdeG “conta cun equipo que non só é pasado e presente, senón que tamén é futuro”. Algo que é froito da aposta “con feitos e non só con slogans” do partido pola xente nova: “Os mozos e mozas galegos necesitan un partido como o noso de referente e non a un PSOE e un Sánchez que son incapaces de celebrar un Premio Nobel da Paz tan relevante como o de María Corina Machado ou a un BNG que se senta, como fixo onte, cos herdeiros de ETA”

“Somos o único partido que traballa para ofrecer á mocidade galega as oportunidades que necesitan para demostrar a súa valía e abrirlles paso para que asuman o papel protagonista que merecen no porvir que están chamados a construír”, asegurou neste sentido.

Aproveitando a temática do acto, a secretaria xeral quixo reivindicar “a importancia da liberdade” en cuestións como a educación, a política de vivenda, o rural, o medio ambiente ou a cultura que “non son patrimonio de ningún partido e moito menos do PSOE e do BNG”. De feito, puxo en valor as políticas “pioneiras” aplicadas polo Goberno galego nos últimos anos  como a matrícula universitaria gratuíta, a potenciación da FP e da ciencia, as axudas de vivenda para a xente moza, o bus interurbano gratuíto ata os 21 anos ou as axudas ao carné de conducir.

Paula Prado concluíu trasladándolle á organización xuvenil “máis importante e comprometida de Galicia” o orgullo que sente polo seu traballo diario: “Sodes o futuro do Partido Popular e por suposto, o futuro de Galicia. Un futuro que, da man do resto de galegos e das galegas, seguiremos gobernando”.

UNHA XERACIÓN INVOLUCRADA NO PRESENTE E NO FUTURO DE OURENSE

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Ourense felicitou a Novas Xeracións por organizar este encontro que permitiu poñer de relevo cuestións fundamentais que figuran entre “as prioridades de traballo do Goberno galego, pero tamén, e dentro das súas competencias, entre os obxectivos do resto de administracións gobernadas polo Partido Popular”.

Luis Menor destacou a importancia a dedicar un “espazo propio” á mocidade que “recolle o sentir dunha parte importante da sociedade” para ter en conta as súas propostas á hora de acertar nas políticas promovidas desde as administracións.

Así mesmo, destacou o traballo “ben feito” pola mocidade do partido, unha experiencia que se traduce nunha xeración de mozas e mozos “preparadísimos, involucrados no devir futuro da provincia e mesmo partícipes da política municipal”. Puxo como exemplo disto a Pablo Graña, novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, ou Manuel Ángel Fernández, que recuperou para o PP a alcaldía de Baños de Molgas.

Por último, agradeceu o traballo e o compromiso dos máis novos que desde o PP de Ourense queren “harmonizar coa experiencia dos máis veteranos” e comprometeuse a seguir impulsando a un lugar prioritario do partido o papel que exercen as NNXX “tanto no futuro como no presente” do mesmo.

“SOMOS O PARTIDO MÁIS VOTADO POLA MOCIDADE”

Mentres, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, fixo fincapé en que o PPdeG “aposta polo presente e polo futuro da xente nova” e por iso é “o partido máis votado pola mocidade galega”. “E ademais, temos un presidente, Alfonso Rueda, que cre, aposta e traballa por nós”, engadiu.

Neste sentido, abundou en que a Xunta de Galicia “está investindo nas áreas que máis importan aos mozos: educación, emprego, medio rural ou vivenda”, algo que “non é casualidade, senón unha forma de gobernar, mirando cara a adiante e pensando no futuro, non no titular de cada día”.

GALICIA GOBERNA O SEU FUTURO

No acto celebrado hoxe tamén participaron o secretario xeral de Novas Xeracións de Galicia, Max Novoa, o presidente de Novas Xeracións da provincia de Ourense, Nacho Campo, e a líder local do PP de Ourense, Ana Méndez; que foron os encargados de dar a benvida e dar paso á mesa redonda.

Unha mesa redonda que estivo moderada pola presidenta de Novas Xeracións da provincia da Coruña, Ximena Louro, e na que interviñeron o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, o deputado nacional Juan Bayón, o profesor ourensán de FP Martín Gil e a concelleira de San Xoán de Río Ari González.

O obxectivo da xornada era poñer en valor todas as oportunidades que Galicia ofrece á xuventude, trasladando unha mensaxe positiva e de futuro fronte ao pesimismo da oposición e destacando catro eixos fundamentais: educación, emprego, vivenda e medio rural.

O PPdeG reivindica os servizos e recursos «fundamentais» que necesitan os concellos rurais ante un Goberno central que «ri na cara de todos os galegos»

O PPdeG reivindícase como “o partido do rural” reafirmando a súa aposta por garantir a prestación de servizos fundamentais nos pequenos concellos e en contraposición a un PSOE e un BNG que “consenten que se prive aos galegos deses recursos polos intereses persoais e políticos de Pedro Sánchez”.

A secretaria xeral do partido, Paula Prado, referiuse así hoxe ao feito de que tanto socialistas como independentistas apoiaran onte no Congreso dos Deputados o “novo agravio de Sánchez a Galicia” que supón a Lei de mobilidade sostible. Unha norma coa que o Goberno central vai deixar sen parada de autobús estatal a 22 concellos e máis de 130.000 galegos.

“Un claro exemplo do que lle importa ao Goberno central o rural galego e da complicidade do PSOE e do BNG con este desleixo”, resumiu Prado criticando ademais que Pedro Sánchez “ría na cara de todos os galegos” asegurando onte que a autovía A-54 entre Santiago e Lugo está “plenamente operativa” cando esta mesma semana o propio Goberno central confesou que esta infraestrutura non se vai rematar este ano —tal e como prometera —.

Fronte a isto, a número dous dos populares galegos defendeu que “os veciños do rural non merecen que os seus servizos fundamentais se vexan recortados, nin tampouco as súas infraestruturas”. E de aí a aposta do PPdeG e do Goberno de Alfonso Rueda por “ofrecer medidas que, desde a estabilidade, o rigor e o sentidiño, están pensadas para facilitar o asentamento de poboación e os servizos no rural”.

“Unhas medidas reais e efectivas que son froito do noso convencemento de que cada galego, viva onde viva, ten dereito a estar previsto dos servizos fundamentais”, concluíu insistindo na necesidade de contar con recursos suficientes e “en ningún caso consentir que se recorten”.

O COMPROMISO DO PPdeG COS PEQUENOS CONCELLOS

Para Paula Prado o compromiso do seu partido cos pequenos concellos queda demostrado co feito de que o PPdeG goberna neste momento en Galicia en preto do 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes e traballa día a día para aumentar nas eleccións municipais de 2027 o número de alcaldías cunha xestión “pensada por e para o rural”.

É o caso de Begonte, onde hoxe se reuniu a Comisión de Pequenos concellos do partido e no que o seu alcalde, José Ulla, obtivo máis dun 77% de apoio nos últimos comicios.

O rexedor quixo agradecer a celebración deste encontro no seu concello na medida en que “permite debater sobre os problemas comúns e compartir solucións”. Neste sentido, salientou a experiencia de Begonte no que se refire ao abastecemento e o saneamento da auga.

Dous servizos fundamentais e cuxa xestión implica notables dificultades dada a particularidade dun concello que, neste caso, conta con pouca poboación pero cunha gran extensión. Aínda así, o Concello conseguiu nestes anos que todas as parroquias e núcleos de poboación teñan acceso á rede de auga e, ademais, garante o abastecemento a dous polígonos industriais e ás ganderías asentadas no termo municipal.

Un compromiso coa mellora dos servizos e coa innovación que se reflexa ademais na posta en marcha doutras medidas como é, por exemplo, o Mercado Local de Enerxía, que permite que Begonte poida producir a súa propia enerxía e con iso reducir a factura eléctrica tanto das arcas municipais como dos propios veciños.

O PPdeG lamenta que o PSOE e o BNG “leven case seis anos bloqueando” o debate no Congreso da transferencia da AP-9 a Galicia

O deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, lamentou hoxe a aprobación da prórroga número 59, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei orgánica relativa á transferencia da AP-9 a Galicia.

A novidade da sesión da Mesa do Congreso de hoxe foi que se pechou o prazo de presentación de emendas á totalidade da proposición, despois dos citados adiamentos, pero aínda continúa aberto o prazo para as emendas ao articulado.

En total, sinalan os populares, son xa case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición na Cámara Baixa.

Así, o PPdeG vai seguir insistindo en que debe pecharse o prazo de presentación de emendas parciais, porque “só deste xeito” a proposición poderá ser debatida na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, onde se deberá reunir unha ponencia e tomar unha decisión ao respecto.

“Sorpréndenos moito que o BNG pretendera asumir hoxe o protagonismo dun cambio de posicionamento que non é así, porque hai que lembrar que é un socio de investidura de Pedro Sánchez, un socio habitual das posicións que defende o Goberno central”, sinala Celso Delgado.

O deputado deixa claro que o independentismo galego é “responsable” de que esta transferencia, un mandato unánime de todos os grupos do Parlamento de Galicia, “se prorrogara tantas veces a pasada lexislatura e seguira bloqueada na actual”. “É responsable de que a día de hoxe sigamos nesta situación: sen traspaso da autoestrada e sen gratuidade”, engade.

“O único partido que leva protestando e criticando semana a semana esta posición do Goberno central, ese é o PPdeG. Levamos anos denunciando, desde todas as cámaras, este agravio de Sánchez con Galicia e cos galegos e galegas, e seguirémolo facendo ata conseguir o que queremos”, conclúe Delgado.

Paula Prado reivindica as alcaldías lideradas polo PPdeG como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou hoxe as alcaldías lideradas polo seu partido como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños” fronte aos “pactos de perdedores” protagonizados por BNG e PSOE e que “son pan para hoxe e fame para mañá”.

Na visita que realizou esta mañá a Fisterra, amosouse convencida ademais de que estas características do proxecto do PPdeG serán tamén o “selo” que Luis Insua “imprimirá” como alcalde deste concello, contribuíndo así a facer del “un tractor da comarca” que visualice a diferenza con outros gobernos municipais caracterizados pola “inestabilidade” derivada dun “reparto de cromos feito pensando en intereses partidistas e non no beneficio dos veciños”.

A número dous dos populares galegos quixo desexar éxito ao alcalde destacando a súa “enerxía” e as súas “ganas de cambiar as cousas”. De feito, indicou que Luis Insua é, aos seus 33 anos, un dos cinco alcaldes máis novos do PPdeG e un dos 13 alcaldes do partido menores de 40 anos.

“Luis é un exemplo da nosa aposta por fomentar a participación activa da mocidade na política”, asegurou. Unha aposta que, tal e como engadiu, responde a que o partido é “consciente de que hai moito talento, moito bo facer e moito que aportar entre a xente nova de Galicia”.

Non en balde, o PPdeG foron os máis votados pola mocidade nas pasadas eleccións autonómicas. Por iso, concluíu Paula Prado, o partido “agora está devolvendo ese apoio confiando na xuventude para postos de responsabilidade”.

LUIS INSUA: “FISTERRA VAI SER O COMEZO DA RECUPERACIÓN”

O alcalde, pola súa banda, quixo destacar que “a pesar de que Fisterra é o final de todo, final do Camiño e quilómetro cero, neste caso vai ser o comezo da recuperación das alcaldías do PP na Costa da Morte”.

Asegurou que, á súa chegada á alcaldía, atopouse con “numerosos expedientes parados, moitos traballos pendentes e outros mal xestionados”. Pero, sen embargo, neste escaso mes e medio, el e o seu equipo foron quen de que “os veciños poidan ver que con traballo e esforzo as cousas poden facerse doutra maneira”.

Alfonso Rueda defende en Lugo unha política de vivenda que incremente a oferta urbana e garanta a fixación de poboación no rural

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, avogou hoxe en Lugo por unha política de vivenda “de dobre nivel” que permita actuar tanto nas cidades e vilas medias, onde a demanda é maior, como no rural, onde é necesario fomentar e garantir a fixación de poboación.

Nesa liña é na que, tal e como explicou ante a Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo, está a traballar precisamente o Goberno galego. Por unha banda, con programas de vivenda pública e rehabilitación do parque existente no eido urbano e, por outra, garantindo que haxa vivenda digna dispoñible no rural para ofrecer oportunidades reais ás familias para quedar no seu lugar de orixe e así facer fronte tamén ao reto demográfico.

Unha política que xa se está a aplicar na provincia de Lugo e no conxunto de Galicia con outras medidas complementarias como programas para facilitar a mobilización de vivendas baleiras, avais para a compra de primeiras vivendas ou liñas de axuda para a rehabilitación e a eficiencia enerxética.

Alfonso Rueda defendeu que Lugo tamén ten que ter un papel propio no eido da investigación e a innovación. Non en balde, a Universidade e os seus grupos de investigación en ciencias da saúde, biotecnoloxía, agroalimentación ou economía circular son un referente. Ademais, na súa opinión, o polo de innovación alimentaria e os proxectos en enerxías renovables e dixitalización do rural son a demostración de que esta provincia pode ser vangarda en sectores estratéxicos e “unha das portas á Galicia do futuro”.

Na súa intervención, o líder dos populares galegos, tampouco quixo esquecerse de abordar unha vaga de lumes que “non entende de provincias nin de límites xeográficos” e que fixo que Lugo este ano estivese no centro da emerxencia, con concellos afectados como Pantón, Barreiros e A Fonsagrada.

Por iso, xunto ás responsables dos departamentos implicados na posta en marcha das axudas aos afectados –María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático)–, reivindicou a velocidade, a cobertura e a flexibilidade que caracterizan a estas axudas e as diferencian das do Goberno central.

ELENA CANDIA: “REIVINDICAMOS O NOSO PROXECTO”

Elena Candia, pola súa banda, defendeu ao PP da provincia como “un partido que chega a acordos e defende os intereses da provincia” fronte a un PSOE que “non é capaz de poñerse de acordo cos seus – tras protagonizar unha crise na Deputación a comezos do verán e votacións contraditorias, por exemplo, na institución provincial e no Concello de Lugo– e un BNG “cómplice” dos socialistas onde forman gobernos de coalición.

“O PP continúa a reivindicar o seu proxecto en cada concello e na provincia”, engadiu subliñando que “os socialistas lucenses, cando teñen que elixir, elixen a Sánchez por diante dos seus veciños” e lamentando que “permitan ao Goberno central desconectar á nosa provincia cada vez máis”.

En materia de infraestruturas e mobilidade, a presidenta provincial do partido lembrou: “Lugo é a única capital de provincia sen conexión coa alta velocidade. A pesar da inauguración do túnel de Oural, a liña ferroviaria non permite a circulación da alta velocidade nin se reduce o tempo da viaxe porque Sánchez renunciou á construción das variantes”.

Tamén apuntou que “a pesar dos anuncios do alcalde de Lugo, os lucenses continuamos sen dispoñer dunha conexión directa con Madrid que permita chegar á capital pola mañá para facer xestións porque o primeiro tren chega a mediodía”. E, ademais, afeou “o desprezo de Óscar Puente á provincia ao non lembrarse de Lugo para o estudo da implantación de cercanías en Galicia”.

Alfonso Rueda participa na firma da ‘Declaración da Rexión de Murcia’

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou esta mañá xunto ao resto de dirixentes dos gobernos autonómicos do Partido Popular no acto de presentación e firma da ‘Declaración da Región de Murcia’, que estará encabezado polo presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo.

Unha declaración que ten por obxectivo facer fronte aos grandes retos que afronta España en materia de igualdade, inmigración, transporte, infraestruturas e enerxía e defensa do sector primario.

Alfonso Rueda destacou a abordaxe de tres «retos crave» como son o financiamento autonómico, a vivenda ou a migración. «Un compromiso conxunto para recuperar a política como servizo público e dar respostas reais á xente», asegurou.

O PPdeG contrapón a «máxima prioridade» que se lle dá á vivenda en Galicia fronte aos «anuncios baleiros» e as «improvisacións» do Goberno central

O PPdeG sitúa a vivenda como unha das “máximas prioridades” do Goberno galego nesta lexislatura e contrapón este compromiso “ambicioso” e “decidido” fronte aos “anuncios baleiros” e as “improvisacións” dun Goberno central cuxa política neste ámbito é “inexistente”.

Así o manifestaron hoxe a secretaria xeral Paula Prado e o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, durante a clausura da xornada informativa organizada polo partido en Barbadás para abordar, desde distintas perspectivas e con especial atención á mocidade, o problema do acceso á vivenda.

“É unha obriga buscar solucións reais, pragmáticas e aplicables ante este problema”, sinalou ao respecto a número dous populares galegos ao tempo que poñía en valor as “receitas eficaces” que se levan aplicando desde hai anos en Galicia e entre as que destacou o compromiso do presidente Alfonso Rueda de duplicar o parque público de vivenda ata chegar ás 8.000.

Entre as medidas pensadas especificamente para a mocidade, e dada a importancia que teñen para unha provincia como Ourense, citou as axudas dirixidas a menores de 36 anos para a adquisición da súa primeira vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. Unhas axudas das que se concederon un total de 49 nesta provincia e 15 delas só no concello de Xinzo de Limia.

“Así é como se fai unha política seria, realista e apegada ao territorio”, subliñou ao tempo que criticaba “as políticas de vivenda inexistentes ou, no mellor dos casos, erradas”, do Goberno central nesta materia. Puxo como exemplo a Lei de Vivenda, que “venderon como remedio para todos os males e só conseguiu agudizalos”.

De aí que demandase ao Executivo estatal, como xa ten reivindicado o presidente Alfonso Rueda en numerosas ocasións, a cesión das vivendas que a Sareb ten en Galicia, un novo Plan Estatal de Vivenda “eficiente e dialogado” e máis seguridade para os propietarios ante a ocupación ilegal.

Paula Prado concluíu a súa intervención animando a todas as administracións a “remar na mesma dirección” e evocando as palabras do presidente do PPdeG, quen no seu día sinalou o camiño a seguir afirmando que “en Galicia somos menos de anuncios baleiros e máis de chaves en man dos galegos e galegas”.

LUIS MENOR: “O GOBERNO DE RUEDA DEMOSTROU UNHA GRAN CAPACIDADE DE RESPOSTA E AXILIDADE ANTE A PERDA DE VIVENDAS NOS LUMES”

Pola súa banda, Luis Menor afirmou que os partidos políticos e os gobernos teñen “a imperiosa obriga” de ofrecer solucións reais a un problema como a vivenda, “que leva camiño que converterse no maior obstáculo de progreso da sociedade do século XXI”.

Nesta liña subliñou o “absoluto compromiso” do Goberno de Alfonso Rueda para combater as dificultades de acceso á vivenda, cunha folla de ruta “ben definida” e que terá o seu impacto positivo en toda a cidadanía, “contribuíndo a que haxa vivenda dispoñible, sexa nas cidades, vilas e sobre todo no rural”.

O presidente provincial incidiu no mundo rural, salientando “a gran capacidade de resposta” da Xunta de Galicia fronte aos lumes de agosto, que provocaron a perda de preto de 200 vivendas. O Goberno galego atendeu coa máxima axilidade ás persoas que perderon os seus fogares e propiedades ofrecendo unha ampla cobertura de axudas para inmobles habituais, rehabilitacións, enxoval doméstico ou segunda residencia. “E o que máis importa é que non só comezaron a tramitarse, senón que xa empezaron a pagarse”, dixo.

SEGURIDADE XURÍDICA E PLANS DE AXUDA EN VIVENDA

A xornada comezou coa intervención do coordinador da Área de Vivenda e Urbanismo do PPdeOU, Benito Iglesias, quen subliñou a necesidade de derrogar a Lei Estatal de Vivenda “para dotar de seguridade xurídica a propietarios e inquilinos e mobilizar vivenda baleira cara o mercado de aluguer”.

Mentres, a concelleira do grupo popular no Concello de Ourense, Sonia Ogando, desmontou cunha análise xurídica o mito da recualificación urbanística de terreos tras un incendio forestal, ao tempo que repasou as axudas impulsadas pola Xunta en materia de vivenda tralos devastadores lumes de agosto.

Pola súa banda, Pilar Fernández, directora territorial en Ourense da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, debullou ás liñas de axuda para facilitar o acceso á vivenda da mocidade, así como para os propietarios de pisos baleiros que queiran incorporalos ao mercado de aluguer. Axudas, dixo que abren o camiño a un fogar digno, “porque ofrecer vivenda tamén é ofrecer futuro”.

O PPdeG insta a Inés Rey a “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e condenando a corrupción do PSOE

O PPdeG insta á alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rey, a demostrar o seu feminismo e “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e esixindo “dunha vez por todas” explicacións polas tramas de corrupción do seu partido.

En declaracións aos medios esta mañá e antes de participar nunha reunión con representantes do PP na cidade da Coruña, a secretaria xeral Paula Prado acusou á rexedora herculina de ser “unha das máis fieis soldados sanchistas” e cualificou de “inexplicable” que “unha alcaldesa e muller siga mantendo o seu apoio férreo, sen unha crítica, ao Goberno central despois dos escándalos que coñecemos de corrupción e contra as mulleres”.

Recordou neste sentido que “non hai nada menos feminista” que a Lei do ‘só si é si’, con “máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados”; que “pretender combater a prostitución rodeándote de compañeiros que a consumen” ou que “comprar en AliExpress unhas pulseiras antimaltrato defectuosas”.

A número dous dos populares galegos reivindicou, en contraposición á situación interna do PSOE, a “unidade” que caracteriza ao PPdeG: “O noso proxecto é común e grazas a iso somos o partido con máis apoio nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.

Proba disto é, tal e como subliñou, que o PP foi quen gañou as eleccións municipais de 2023. “Despois de máis de dous anos de lexislatura, demostrouse que os pactos de perdedores non están para gobernar, senón para manterse no poder. Hai infinidade de cuestións que son unha prioridade para os veciños e veciñas da Coruña e non están resoltas”, engadiu.

“A Coruña podería estar falando de prosperidade da man dun alcalde como Miguel Lorenzo, pero no seu lugar fala das pelexas entre PSOE e BNG, de presupostos aprobados logo de cuestións de confianza e da corrupción que emerxe do goberno municipal”, incidiu a secretaria xeral do PPdeG.

Para concluír, dixo que na Coruña dixo que “dá gusto ver como están traballando todos os compañeiros nas diferentes cámaras”. “Seguimos traballando para que en algo máis de ano e medio esta cidade teña un goberno do Partido Popular”, rematou.

“ESTAMOS FARTOS DO NINGUNEO DE SÁNCHEZ AOS CORUÑESES”

Pola súa banda, o líder local dos populares coruñeses explicou que son moitas as promesas incumpridas na cidade por parte do Goberno central “co silencio cómplice de Inés Rey e do BNG” e que, por iso, a través dos seus representantes nas diferentes cámaras, o PP da Coruña “traballará de xeito coordinado para denunciar e reverter eses incumprimentos”.

Miguel Lorenzo apelou así aos deputados autonómicos Gonzalo Trenor e Roberto Rodríguez para que “sigan defendendo á cidade no Parlamento galego” e traballen para “asegurar que os Orzamentos da Xunta para 2026 teñan os fondos necesarios para continuar coa execución de obras como o novo CHUAC, construír novas vivendas e continuar coa tramitación do Monte Mero”.

“A Xunta de Galicia é a única administración que inviste na nosa cidade”, asegurou afeando ao Goberno local a súa “incapacidade” para executar obras públicas que “acumulan retraso tras retraso” e “non adoptar ningunha medida para solucionar o problema da vivenda”.

No que se refire ao labor dos deputados nacionais Álvaro Pérez e Tristana Moraleja e da senadora Rosa Gallego, o líder do PP da Coruña destacou que, grazas ás súas preguntas, esta semana descubriuse que o Goberno central “só ten a 23 persoas contratadas na AESIA cando tiña que haber 80” e confirmouse que a posta en marcha do novo Xulgado de Violencia de Xénero implicará a eliminación dun de Instrución “cando Inés Rei afirmou que conseguira que non se suprimise”.

“Seguiremos preguntando polo atraso na licitación das obras do Estado nos accesos á cidade, como son a gran promesa de Inés Rey, a Cuarta Ronda, o Vial 18 ou a ampliación da Pasaxe”, explicou concluíndo que “non haberá nada disto a pesar dos anuncios da alcaldesa porque non hai Presupostos Xerais do Estado”.