Alfonso Rueda subliña na Coruña que o Goberno galego conta cunha “folla de ruta clara” para actuar ante a “prioridade” de facilitar o acceso á vivenda

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que para o seu Goberno é unha “prioridade” actuar para facilitar o acceso á vivenda e que para iso conta cunha “folla de ruta clara” destinada a actuar nas áreas urbanas onde, como na cidade da Coruña, a demanda é máis alta.

Ante a Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña –que encabezou xunto ao presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado–, o líder dos populares galegos explicou cales son as principais medidas que a Xunta ten marcha para combater as dificultades de acceso á vivenda derivadas da suba de prezos e da escaseza de alugueiros e que afectan de xeito especial á xente nova.

Ademais de recordar o seu compromiso de duplicar o parque público de vivenda para pasar de 4.000 a 8.000 vivendas protexidas, puxo en valor tanto o programa para mobilizar vivendas baleiras e poñelas no mercado como os avais para a compra de primeira vivenda, así como as diversas liñas de axuda para a rehabilitación e a eficiencia enerxética.

Animou neste sentido a todos os alcaldes e portavoces do partido na provincia a que continúen sinalando as necesidades concretas dos seus concellos e propoñendo solucións para que, deste xeito, as políticas de vivenda da Xunta poidan chegar a todos os veciños e veciñas e poidan contribuír tanto a atender a demanda como a garantir que no rural haxa vivenda dispoñible para fixar poboación.

Rueda sinalou como estratéxico actuar tamén no eido da investigación e a innovación cos obxectivos de crear e potenciar unha marca propia de investigación galega e que a I+D+i poida ser unha ferramenta útil para crear emprego de calidade na provincia. Uns obxectivos nos que, tal e como apuntou, A Coruña está chamada a ser referente en innovación a través de sectores como o enerxético, o naval, as TIC e as universidades.

Co fin de afondar ademais no paquete de medidas extraordinarias postas en marcha polo Goberno galego para axudar ao afectados polos incendios, na reunión interviñeron tamén as responsables dos principais departamentos implicados:  María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático).

Xunto a elas, o presidente recordou que, a pesar de que a provincia da Coruña non foi a máis castigada, tamén aquí houbo lumes e mesmo casos de incendiarios, como en Muxía. O cal demostra, como subliñou, que segue habendo quen xoga co patrimonio de todos e que contra eles hai que actuar con toda a firmeza da lei.

“A CORUÑA QUERE PP E MÁIS PP QUE NUNCA”

Diego Calvo, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para dar a benvida aos tres novos alcaldes que o partido sumou na provincia: Luis Insua (Fisterra), José Luis Fernández Mouriño (Carral) e Esteban Ares (Lousame). Tanto a eles como ao resto de alcaldes e alcaldesas animounos a seguir demostrando o seu esforzo e compromiso a pé de rúa.

De feito, xa coa mirada posta nas próximas eleccións municipais, o líder provincial do PP de Coruña amosouse convencido de que en 2027 a provincia “falará alto e claro dicindo que quere PP e máis PP que nunca”.

Un desexo de cambio que fixo tamén extensivo a nivel nacional, xa que “España non pode seguir condenada ao enfrontamento e á decadencia que promoven o PSOE e os seus socios”, senón que necesita “un Goberno como o galego, que funcione, que cumpra e que se ocupe e preocupe dos problemas da súa xente”.

O PPdeG pide a dimisión da ministra de Igualdade ante o escándalo das pulseiras antimaltrato e por “empregar o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade socialista”

O PPdeG pediu hoxe a dimisión da ministra da Igualdade polos fallos “inadmisibles” nas pulseiras antimaltrato e pola súa complicidade cos escándalos do PSOE: “É hora de aforrarnos a unha ministra que decidiu aforrar na protección das mulleres e a un Goberno que só emprega o feminismo como escudo político para tapar a inmoralidade do seu partido”.

Faino tras a reunión da Comisión de Igualdade do partido celebrada esta mañá na véspera do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Unha reunión que estivo encabezada pola secretaria xeral Paula Prado, a responsable de Promoción da Igualdade no Goberno galego, María Quintiana, e a coordinadora deste órgano, Raquel Touriño.

Logo de analizar o balance do Goberno central en materia de igualdade, desde o PPdeG recordan con ironía as palabras de Pedro Sánchez presumindo de encabezar o Goberno “máis feminista da historia” cando en realidade “en ningún caso pode ser feminista porque é socialista”.

Argumentan así que “non hai nada menos feminista que comprar nas rebaixas unhas pulseiras antimaltrato defectuosas para supostamente protexer ás vítimas cando o único para o que servían era para facilitar a absolución dos seus agresores”. Uns feitos que van na liña das nefastas consecuencias da Lei do ‘só si é si’, aprobada co voto a favor do BNG e coa que “máis de 1.000 agresores sexuais saíron do cárcere ou viron rebaixadas as súas penas”.

Tampouco é feminista, en opinión dos populares galegos, que Sánchez pretenda agora combater a prostitución “cando ten no seu entorno a persoas como Ábalos, Koldo ou o ‘Tito Berni’, cando todos sabemos cales eran os negocios do seu sogro e cando leva sete anos gardando nun caixón a aprobación dunha Lei de Trata que é indispensable para erradicar unha lacra que está detrás de máis do 80% dos casos de mulleres prostituídas”.

“Xa non é que non sexan feministas, senón que nin sequera lles importan os dereitos das mulleres”, conclúen no PPdeG incidindo en que, nesta materia, “ao Goberno de Sánchez hai que valoralo máis que polo que di, polo que fai e especialmente por aquelo que non fai”.

Nesta liña remarcan o incumprimento na aprobación da Lei de Trata que se contemplaba no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2017, así como decisións tan “lesivas” para os dereitos das mulleres no eido da conciliación como a eliminación do 100% de bonificación por baixa de maternidade ou o recorte dos fondos destinados ao Plan Corresponsables.

Os populares pregúntanse se todo isto responde a un desinterese real polos dereitos das mulleres ou a unha estratexia deliberada de Sánchez por baleirar de contido o Ministerio de Igualdade e acabar suprimíndoo como xa fixera no seu día o expresidente socialista José Luis Rodríguez Zapatero en 2010.

O PPdeG acusa ás xuventudes do BNG de “estar cruzando liñas vermellas” ao pretender “disfrazar o seu vandalismo como activismo”

O PPdeG censura as pintadas en espazos públicos por parte do BNG e das súas organización “satélites” ao considerar que “o vandalismo non pode disfrazarse de activismo” e polo prexuízo económico que xera o feito de ter que empregar recursos públicos a limpar estes espazos “só porque os de sempre decidiron usalos como escaparate para propaganda política”.

A deputada autonómica e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, acusa directamente á organización Galiza Nova de “estar cruzando liñas vermellas” coa súa campaña de pintadas en espazos públicos “como se estes fosen da súa propiedade”. Pon como exemplo disto as pintadas que son visibles en numerosas rúas das vilas e cidades galegas.

“Esta forma de actuar non representa nin á maioría dos galegos nin especialmente á mocidade. Porque a ninguén representa alguén que rompe co respecto, a dignidade e a educación”, sostén ao tempo que defende que “o que é de todos non é de ninguén e menos para estragalo” .

Grueira insta ás xuventudes do independentismo galego a que fagan isto “nas súas sedes” e non nos espazos públicos “que pagamos e mantemos entre todos” e conclúe lamentando que haxa que empregar recursos públicos “que poderían investirse en cousas moito máis importantes” en limpar estas pintadas.

INICIATIVA NO PARLAMENTO GALEGO

Ante isto, os populares galegos levarán ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para “rexeitar actitudes que buscan a apropiación dos espazos públicos mediante pintadas ou empapelados con símbolos e consignas de contido ideolóxico e partidista que representan actos vandálicos”. Uns actos que, argumentan, distan moito dunha “sociedade plural, libre, aberta, democrática e tolerante”.

Instan así a todas as forzas políticas a “non incorrer neste tipo de comportamentos e condenalos publicamente cando se produzan, asumindo a responsabilidade compartida na defensa do respecto institucional e do uso responsable dos espazos públicos”, xa que estes feitos “non constitúen unha forma lexítima de expresión política, senón actos que vulneran a legalidade e o respecto pola convivencia cidadá”.

“Estas actitudes proxectan unha mensaxe negativa á sociedade e especialmente á xuventude, á que se debe educar na participación política libre, respectuosa e construtiva, afastada da imposición e do pensamento único e sempre dentro do marco democrático e legal”, conclúen.

O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central na súa decisión sobre a AP-9: “Abríase unha oportunidade, pero Pedro Sánchez optou por seguir castigando a Galicia”

O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central ao volver desbotar a oportunidade de liberar a AP-9 e con iso “seguir castigando a Galicia” e “condenar aos galegos a continuar pagando peaxes abusivas por unha autoestrada que, por xustiza e por eficacia, debería ser galega e gratuíta”.

Así o manifestaba esta mañá a secretaria xeral Paula Prado no marco da reunión da Comisión de Infraestruturas do partido celebrada hoxe en Pontevedra. Unha reunión na que, ademais dos integrantes deste órgano coordinado por Antonio Ameijide, tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, o líder local do partido, Rafa Domínguez.

“O único compromiso do Goberno central, apoiado polo BNG, é co bloqueo e coa falta de respecto a Galicia”, sintetizaba en referencia ao bloqueo constante por parte do Executivo estatal á posibilidade de transferir a titularidade desta infraestrutura “tal e como demandan de xeito unánime a sociedade galega e o Parlamento de Galicia”.

De feito, a día de hoxe ascenden xa a 56 as veces que a Mesa do Congreso dos Deputados prorrogou o debate sobre a transferencia da AP-9 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.

A número dous dos populares galegos censurou neste sentido a “incoherencia” tanto dun PSdeG que “levaba no seu programa e prometía en campaña electoral a liberación e gratuidade da AP-9 e agora aplaude esta decisión de Sánchez no sentido contrario” como dun BNG que “di ser nacionalista pero apoia a un Goberno que vai en contra dos intereses dos galegos”.

“Desde o PPdeG seguiremos traballando con iniciativas en todas as Cámaras para que se faga realidade dunha vez por todas o que Galicia leva anos reclamando: pedir o divorcio de Pedro Sánchez e quedar coa custodia da AP-9”, concluíu.

LUIS LÓPEZ: “PEDRO SÁNCHEZ PREFIRE DEIXARSE CHANTAXEAR ANTES QUE TOMAR DECISIÓNS”

O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, indicou que Pontevedra, sendo unha das provincias máis poboadas e dinámicas de Galicia, está a seguir con inquedanza a parálise do Goberno socialista con relación ás infraestruturas.

Luis López detallou que, por mar, Vigo segue aínda ser estar recoñecido como Porto Nodal; por aire, por culpa das taxas de Aena que precipitaron a saída de de Ryanair de Peinador e os experimentos con torres de control remotas que son criticadas polos axentes do sector; e por terra, con estradas nacionais en pésimo estado que máis ben son camiños, como por exemplo a N-120 o seu paso por Ponteareas, os retrasos e caos continuos na rede ferroviaria de media e larga distancia, e agora para rematar cos agravios, coa perda da oportunidade de liberar a AP-9 para que sexa por fin gratuíta.

“Desde Pontevedra lamentamos que o Goberno renunciara a librar a miles de usuarios das peaxes. Prefire deixarse chantaxear a tomar decisións. Coa AP-9, non hai nin rescate, nin máis bonificacións, e nin permiten sequera que se debata o traspaso da vía a Galicia que suma xa 56 bloqueos no Congreso. Atrás quedan promesas electorais e palabras, porque o certo é que a parálise de Sánchez sáelle cara aos milleiros de usuarios”, lamentou o presidente provincial.

A COMPLICIDIDADE DO PSOE E O BNG EN PONTEVEDRA

O líder local do partido na cidade, Rafa Domínguez, engadiu que o Grupo Municipal logrou aprobar dúas mocións neste mandato para instar ao Goberno de España a asumir o rescate da AP-9 e avanzar na liberalización das peaxes.

Domínguez criticou a actitude do BNG e do PSOE de Pontevedra, aos que acusou de ser “cómplices da estratexia de dilación de Pedro Sánchez”. O presidente local do PP está convencido de que os outros dous grupos políticos da Corporación municipal apoian propostas pola reivindicación social, “pero non exercen ningunha presión real sobre o Executivo central porque antepoñen os seus intereses partidistas aos da cidadanía”

A OBSESIÓN DE SÁNCHEZ CON ILLAR A GALICIA

O coordinador de Infraestruturas do PPdeG, pola súa banda, tamén se manifestou nesta liña preguntándose «cales son os motivos que xustifican a obsesión de Pedro Sánchez con illar a Galicia por terra, mar e aire”.

Referíase así ao feito de que a nosa Comunidade estea perdendo conexións aéreas por “decisións unilaterais e imposicións do ministro Óscar Puente” e de que as estradas galegas de titularidade estatal estean “no peor estado de mantemento da historia”. Algo ao que habería que engadir os “incumprimentos reiterados” por parte do Goberno central na posta en marcha de novas infraestruturas.

Para Antonio Ameijide, portavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, o máximo exemplo deste “illamento” é o que acontece tamén no eido ferroviario, con “problemas constantes” e con “provincias enteiras como a de Lugo illadas e desconectadas da Alta Velocidade”.

Alfonso Rueda destaca a velocidade das axudas do Goberno galego para os afectados polos incendios en Ourense: “Xa empezan a estar resoltas e pagadas”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor a velocidade, a cobertura e a flexibilidade das axudas postas en marcha polo Goberno galego para os afectados polos incendios deste verán en Ourense anunciando que, no caso das axudas para vivenda, das 83 solicitudes, 9 xa están resoltas e pagadas.

Esta tarde, na Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense e acompañado polo presidente do partido na provincia, Luis Menor, o líder dos populares galegos tivo a oportunidade de afondar neste paquete de medidas extraordinarias xunto ás responsables dos departamentos autonómicos implicados: María José Gómez (Medio Rural), María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas) e Ángeles Vázquez (Medio Ambiente e Cambio Climático).

Rueda recordou que esta axudas, dispoñibles desde o 1 de setembro, non teñen límite de importe global e abranguen desde axudas persoais por falecemento ou incapacidade ata axudas para a reconstrución ou compra de vivendas, así como a cobertura do 100% dos custos ocasionados polos lumes no caso de explotacións agro-gandeiras e forestais, empresas e comercios. Tamén os concellos contan con apoio para a reparación de infraestruturas e servizos afectados e a asunción dos gastos derivados das evacuacións e da restauración ambiental.

A maiores, tal e como anunciou a pasada semana na súa comparecencia no Parlamento galego, o presidente destacou a adopción de novas medidas como o reforzo do dispositivo de extinción aéreo con novas unidades e bases (como a prevista en Verín), a mellora da prevención no entorno de vivendas e infraestruturas coa asunción da competencia para limpar faixas secundarias en concellos de menos de 10.000 habitantes, ou o avance na reforma legal para que as administracións poidan intervir directamente en fincas de propietarios incumpridores.

Tamén quixo reiterar a súa reclamación, compartida polo partido en Ourense, de que o Goberno central poña en marcha unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia e máis concretamente nas instalacións do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.

O obxectivo de todo isto, concluíu, é aprender do vivido e estar mellor preparados para o futuro. De aí que comprometera o seu traballo e o de todo o seu equipo para actualizar a estratexia de prevención de incendios e mellorar a resposta sendo conscientes de que “o que queda por diante é tan importante como o que pasou”.

Neste sentido lanzou unha mensaxe dirixida aos incendiarios que estiveron detrás de moitos dos lumes, remarcando que Galicia non está disposta a tolerar nin un só paso atrás e que por iso se actuará contra eles con toda a firmeza da lei co fin de que cada responsable responda ante os tribunais.

En clave política tamén quixo trasladar aos seus a súa intención de seguir gobernando con feitos, sen desviarse do camiño marcado e sen perder tempo en polémicas estériles nin en aqueles cuxa estratexia de oposición non consiste en propoñer, senón en bloquear e buscar a confrontación constante.

LUIS MENOR: “OS GOBERNOS DO PP ACTÚAN E CON AXILIDADE”

Pola súa banda, Luis Menor puxo en valor a visita do presidente do PPdeG por tratarse da primeira Xunta Directiva provincial na que participa despois deste verán, “expresando así unha vez máis o seu total apoio a unha provincia devastada polos lumes”. Neste sentido, subliñou que “o Goberno galego non só fala, senón que actúa e, ademais, coa máxima axilidade”.

Tamén a Deputación de Ourense “actuou desde o minuto un”, defendeu o presidente do PPdeOU recordando que se integrou no CECOP e facilitou todos os medios materiais e humanos dispoñibles, asumiu pola vía de urxencia e nunha tramitación exprés a extinción do lume do vertedoiro municipal da Rúa (traballos concluídos hai 8 días) e constituíu unha mesa con grupos políticos e axentes económicos e sociais implicados nos labores de recuperación,

Todo isto, dixo Luis Menor, demostra que o Partido Popular “actúa, compromete, promete, realiza e sabe responder” porque “é o partido máis implantado no territorio e o que mellor coñece ás súas xentes e necesidades”.

Un partido que, no caso da provincia de Ourense “cada vez máis está máis forte, máis cohesionado, máis unido e mesmo renovado para facer fronte aos retos electorais que xa asoman no horizonte”.

Lembrou así a celebración de 17 congresos locais e a próxima convocatoria doutros cinco, a aprobación de oito xestoras ou a renovación das alcaldías de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, “con relevos coa máis absoluta normalidade, sen estridencias e con total unidade”. Neste capítulo tivo palabras de agradecemento para Andrés Montesinos, que deixou a alcaldía de Viana do Bolo tras unha moción de censura presentada por PSOE e BNG.

O PPdeG celebra os nomeamentos de Irene Garrido e Rosa Quintana nos equipos de economía e pesca do Partido Popular

O Partido Popular de Galicia celebra os nomeamentos de dúas das súas deputadas do Congreso, Irene Garrido e Rosa Quintana, nos equipos de pesca e economía do Partido Popular.

O presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta fin de semana o reforzo das dúas áreas, que contarán a partir de agora coas dúas representantes galegas.

Por unha banda, Irene Garrido foi nomeada coordinadora de Economía como parte da Vicesecretaría de Economía e Desenvolvemento Sostible, que está encabezada por Alberto Nadal. A viguesa é doutora en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e foi presidenta do ICO e secretaria de Estado de Economía e Apoio á Empresa durante a etapa do Goberno de Mariano Rajoy.

Os populares fortalecen así o seu equipo económico, tanto “para facer fronte a un Goberno equivocado na súa política económica, industrial e laboral”, como “para empezar a deseñar a España que ha de vir despois de Pedro Sánchez”.

Pola súa parte, Rosa Quintana encargarase da política pesqueira do Partido Popular, baixo a coordinación de Carmen Crespo, nova coordinadora da Política Rural do PP —dependente tamén da Vicesecretaría de Nadal— e líder dun equipo de catro mulleres que traballarán co sector primario en dez áreas prioritarias. «É unha das persoas que máis sabe do mar», dixo Feijóo sobre a parlamentaria galega.

Quintana, doutora en Bioloxía e conselleira da Xunta durante máis de 14 anos, formará parte polo tanto do equipo que elaborará o Libro Branco polo futuro do sector primario de España, anunciado polo presidente nacional e acordado cos principais representantes do sector e “para que as políticas agrarias se deseñen xunto ao quen as compoñen e non desde os despachos de Bruxelas ou da Castellana”.

Desde o PPdeG, a secretaria xeral, Paula Prado, salienta que estas dúas designacións “volven demostrar que Galicia é un referente en todos os eidos para o resto de España” e asegura que tanto Irene Garrido como Rosa Quintana “serán parte fundamental da chegada doutro galego, Alberto Núñez Feijóo, á presidencia do Goberno de España”.

O PPdeG reprocha ao BNG que as súas “únicas solucións para todo” sexan “as manifestacións e as consignas apocalípticas”

O Partido Popular de Galicia reprocha ao BNG que as súas “únicas solucións para todo” sexan “as manifestacións, o alboroto e as consignas apocalípticas”, lamentando neste sentido que o independentismo galego sexa incapaz de facer o tipo de críticas construtivas que realmente requiren as necesidades e os problemas dos galegos e galegas.

“Dá igual que se trate do emprego industrial, da sanidade, da Vuelta Ciclista a España ou dos incendios. Ante calquera cuestión, a resposta do BNG é sempre a mesma: a manifestación e o alboroto”, explica Paula Prado.

A secretaria xeral do PPdeG censura aos independentistas galegos que “en vez de axudar, como se puido comprobar mesmo en plena vaga de incendios deste verán, o único que fan é sacar a pancarta”.

“Esa non é a solución aos problemas e demandas dos galegos e galegas”, conclúe contrapoñendo esta actitude coa do seu partido e especialmente coa do Goberno de Alfonso Rueda, que “está dando unha resposta extraordinaria ante unha situación extraordinaria” a través das súas “eficaces” axudas aos afectados.

O PPdeG lamenta que Yolanda Díaz “priorizara a pancarta” en plena vaga de lumes e “agora veña a Galicia a dar leccións”

O Partido Popular de Galicia lembrou hoxe que a vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz, “priorizou coller a pancarta” en plena vaga de lumes, o 21 de agosto, e lamenta que despois diso “agora veña a Galicia tres semanas despois a dar leccións con palabras ocas”.

“Parece unha mala broma que hoxe na súa visita pedira que as administracións se dean a man e deixen as leas a un lado, apelando á política útil, cando durante os incendios non apareceu para axudar pero si para manifestarse”, critican desde o PPdeG.

Os populares galegos rememoran que, en agosto, a galega “interrompeu as súas vacacións polas Rías Baixas unicamente para criticar”, uníndose ás manifestacións convocadas polo BNG e sen nin sequera desprazarse ás zonas queimadas; e “en ningún momento tivo a intención de aportar”.

“Non se corta un pelo. En 2024 xa veu a Galicia a posturear e buscar pélets con lupa nunha praia. Menos mal que aos galegos xa non nos engana”, censuran.

“Non é casualidade”, engaden, que cando se trata da corrupción do PSOE, da quita da débeda ou de esixir medios para os lumes ao Goberno central, “aí Yolanda Díaz non sae á rúa coa pancarta”.

Por último, os populares denuncian que este venres Díaz “volveu lanzar o bulo” de que a extinción de incendios está en mans privadas, cando os 3.000 efectivos do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia son traballadores públicos. “Nótase que non coñece a nosa Comunidade, nin lle interesa, nin vén moito por aquí, e así lle vai”, conclúen.

O PPdeG destaca a rapidez e a eficacia das axudas que o Goberno galego puxo a disposición dos afectados polos incendios “coa ilusión dun futuro máis próspero”

O PPdeG destaca a resposta “extraordinaria” e “eficaz” que o Goberno galego está ofrecendo logo da vaga de incendios deste verán a través dunhas axudas “completas” e “rápidas” que están a disposición dos afectados e que foron concibidas “desde a ilusión de pensar nun futuro máis próspero”.

Esta mañá a secretaria xeral Paula Prado visitou precisamente un dos concellos máis afectados por eses lumes, Vilariño de Conso, acompañada pola secretaria provincial do PP de Ourense, Sandra Quintas, a alcaldesa Melisa Macía e outros alcaldes e portavoces na comarca. Unha visita na que puido comprobar de primeira man como está sendo o proceso de recuperación.

“Logo de pisar o terreo e estar ao carón de todas as persoas que nese momento extraordinario precisaban unha resposta tamén extraordinaria, o presidente Rueda puxo á súa disposición un abano de axudas completas, rápidas e cuxa eficacia xa se está comprobando estes días”, apuntou salientando que, unha semana despois de que se abrira o prazo, a Xunta xa está a pagar cun anticipo do 100% as primeiras dúas axudas para reconstruír casas.

Unhas axudas que, tal e como recordou, están “exentas de tributación” e para cuxa solicitude e posterior tramitación se optou pola simplificación burocrática e pola posta a disposición dos interesados de 16 oficinas de atención cidadá (11 delas nos concellos ourensáns de Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e Vilamartín de Valdeorras).

Paula Prado lamentou que, fronte a esta resposta por parte do Goberno galego, os partidos da oposición “seguen instalados no ‘non’, na manifestación, no alboroto e totalmente afastados da realidade e das necesidades dos veciños dos concellos afectados polos incendios”.

“Nós seguiremos movéndonos só polo obxectivo ilusionante de recuperar estas zonas e prepararnos para todo o que teña que vir no futuro”, concluíu facendo fincapé na necesidade de profundar en todas aquelas medidas necesarias para previr os lumes e de condenar a acción dos incendiarios.

O MOMENTO DAS SOLUCIÓNS

Pola súa banda, Melisa Macía quixo agradecer ao PPdeG e nomeadamente ao seu presidente, Alfonso Rueda, o apoio trasladado aos veciños do seu concello durante as últimas semanas: “Mentres outros nin sequera pisan o terreo, el soubo que tiña que estar ao carón dos alcaldes e dos veciños para saber as súas necesidades”.

Nesta liña subliñou que “o que se necesita nestes momentos son solucións” e “non perder o tempo en buscar outros culpables que aqueles que prenden o lume”. Por iso valorou positivamente o anuncio de que a Xunta asumirá a limpeza das faixas secundarias en concellos de menos de 10.000 habitantes.

O PPdeG reafirma o seu apoio á xestión de Alfonso Rueda na medida en que supón a constatación de que “Galicia goberna”

O PPdeG quixo hoxe reafirmar o seu apoio á xestión do presidente Alfonso Rueda na medida en que supón a constatación de que “Galicia goberna” e permite que a nosa comunidade teña unha posición de liderado “tanto cando hai unha situación extraordinaria, como cando hai que xestionar e propoñer novas medidas ou cando se trata de escribir o futuro da nosa terra”.

Así o manifestou a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá e na que se referiu á ola de incendios sufrida este verán como “unha situación extraordinaria”. Unha situación á que o Goberno galego deu “unha resposta que tamén foi extraordinaria poñendo en marcha o maior dispositivo da historia de Galicia, con axudas completas e rápidas e cun equipo e un presidente, Alfonso Rueda, que estiveron onde debían estar”.

“Todo o mundo que traballa ten acertos e erros, e a Xunta tamén os ten porque traballou”, engadiu ao tempo que avanzaba que na comparecencia parlamentaria do presidente Rueda a próxima semana “verase quen trae propostas útiles e un discurso construtivo, e quen vén unicamente con dogmas de fe e consignas aderezadas co seu tradicional discurso apocalíptico e catastrofista”.

Prado criticou con dureza que “como ocorreu sempre” a oposición “xa tiña escritas as súas conclusións, os seus ataques e os seus insultos á intelixencia dos galegos antes de que empezara a vaga de lumes”. Só así se entende, na súa opinión, que “primeiro pediron unha comparecencia e, como a van ter, agora xa pasaron ao capítulo de petición de dimisión”.

“No seu dicionario hai tres palabras que se repiten constantemente cando falan da Xunta ou do PP: ‘non’, ‘manifestación’ e ‘dimisión’”, concluíu lamentando que “con iso pretenden arranxar todo sen necesidade de analizar cada situación” e afirmando que “en política é fácil distinguir a quen quere buscar solucións de quen só pretende enredar”.

Referíndose ao caso concreto do BNG, censurou que o independentismo galego, en plena vaga de incendios, “só pensara en organizar manifestacións e en saír á rúa coas súas bandeiras”. Unha crítica que fixo extensiva tamén a Abel Caballero e a Yolanda Díaz, aos que cualificou de “invitados estrela” desas manifestacións e aos que afeou que “pensaran antes na política que nos galegos”.

Nesta liña apuntou que “unha barbaridade como a de convocar manifestacións en plena vaga de incendios si que merecía algunha dimisión” e lamentou que Ana Pontón e Besteiro non demostren a mesma actitude “cando se trata da corrupción do PSOE, da quita da débeda ou de esixir medios ao Goberno central”.

BULOS SOBRE A QUITA DA DÉBEDA

Precisamente sobre a cuestión da quita da débeda, a secretaria xeral do PPdeG cuestionou o concepto de “normalidade” que teñen tanto o PSOE como o BNG ao aplaudir que “un presidente dunha comunidade autónoma se reúna cun prófugo da xustiza” –en referencia ao encontro entre Salvador Illa e Carles Puigdemont– e ao pretender “enganar aos galegos” a través de “bulos”.

“A condonación da débeda non vai supoñer contar con cartos que se poidan usar para gasto social nin para as axudas dos incendios”, explicou indicando que esta condonación é “unha fraude e un negocio ruinoso para Galicia que só serve para beneficiar a Pedro Sánchez e aos seus socios independentistas”.

O que se busca con esta medida, engadiu, é “que todas as comunidades autónomas paguemos os compromisos que Pedro Sánchez adquiriu de xeito unilateral co independentismo catalán”. Algo que suporía un “negocio ruinoso para Galicia” na medida en que a nosa comunidade “tería que asumir uns 600 millóns de euros de débeda procedente doutras comunidades cos seus correspondentes intereses”.

“A cada galego se lle reduciría a débeda autonómica en 1.477 euros, pero pasa a asumir da débeda estatal 1.702 euros. É dicir, cada galego tería que pagar 225 euros máis”, sintetizou concluíndo que no PPdeG non están dispostos a que “se castigue a Galicia desa maneira” e que por iso o Goberno galego xa anunciou que non se vai acoller a este mecanismo.