O PPdeG comprométese a “seguir defendendo Galicia ante quen nos considera menos”, como o Goberno central

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reafirmou hoxe o compromiso do seu partido coa defensa de Galicia “ante quen nos considera menos” contrapoñendo a un Goberno autonómico que “atende cada día as demandas reais dos galegos e galegas” fronte a un Pedro Sánchez e un Goberno central que “van a escándalo por día”.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos acusou ao Goberno de España de “maltratar” e “desprezar” a Galicia e a un bo número de comunidades autónomas poñendo como exemplo disto o “decepcionante” Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado esta semana ou a noticia do levantamento das peaxes na AP-7.

“No Consello de Política Fiscal ocorreu o que esperabamos: invitaron ás comunidades autónomas a ser convidadas de pedra mentres se facían negociacións bilaterais entre o Estado e Cataluña”, asegurou ao tempo que tachaba este encontro de “paripé” e criticaba a falta de vontade do Goberno central por chegar a acordos.

Ao respecto da supresión das peaxes na AP-7, Paula Prado considera unha “broma de mal gusto” esta decisión coa que “o Goberno central está ríndose dos acordos aos que chegaron o propio PSOE e o BNG respecto da AP-9 e das peaxes máis caras do Estado”. Recordou ademais a promesa electoral realizada na campaña das autonómicas polo candidato socialista, Gómez Besteiro, de facer gratuíta a autopista.

“O Goberno de Sánchez segue a ser unha peaxe para Galicia”, concluíu a secretaria xeral poñendo sobre a mesa os prexuízos que está a xerar para a competitividade da nosa Comunidade e para a economía das familias a negativa do Estado a transferir a titularidade da principal autopista de Galicia.

De aí que os populares galegos vaian “seguir loitando por que tamén aquí se levanten as barreiras e a AP-9 sexa galega” e facendo fronte a un Goberno que “reparte o de todos entre os seus socios e despois pretende que os demais nos quedemos coas migallas, que cede a todas as chantaxes e cuxo presidente é incapaz de recibir ao presidente da Xunta meses despois de gañar as eleccións”.

100 DÍAS DE GOBERNO DE ALFONSO RUEDA

Paula Prado aproveitou o aniversario dos 100 de goberno de Alfonso Rueda para reafirmar que o Goberno central “ten aquí un modelo de estabilidade e sentidiño, de cumprimento da palabra dada e de políticas que non dependen dos caprichos de terceiras forzas”.

Puxo en valor que o Goberno galego se puxo a traballar “desde o minuto un e sen perder o tempo en leas que non conducen a nada” e que, grazas a iso, o presidente Rueda e o seu equipo “poden presumir de cumprir un bo número de medidas prometidas para estes primeiros 100 días”.

Tamén quixo destacar que Galicia vai camiño de contar cos seus décimo sextos Orzamentos aprobados de xeito consecutivo en tempo e forma “para atender as necesidades dos galegos e das galegas”.

CONGRESO DO PP DE OURENSE

A secretaria xeral do PPdeG aproveitou a súa comparecencia para felicitar publicamente a Luis Menor polo seu nomeamento como novo presidente provincial do Partido Popular, amosándose convencida de que con el, “sairá gañando o partido e, sobre todo, sairá gañando todo Ourense”.

“Xunto a Diego Calvo, Elena Candia e Luis López, temos un póker de presidentes dos que nos sentimos realmente orgullosos, e que lideran con ilusión e faena o partido máis votado en cada unha das súas provincias. Todos eles encabezados polo mellor líder posible: o presidente Alfonso Rueda, concluíu.

A Asociación Nacional de Pacientes con EPOC salienta o liderado de Galicia na loita contra esta enfermidade pulmonar

Os deputados do Grupo Popular Encarna Amigo, Julio García Comesaña e Noelia Pérez veñen de manter un encontro no Parlamento de Galicia con representantes da Asociación Nacional de Pacientes con EPOC (APEPOC), onde se puxo de manifesto o liderado de Galicia na loita contra a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica nos últimos anos. Porén, recoñeceuse a necesidade de incrementar a detección desta doenza, para o que se considerou necesario un cribado específico da mesma e facilitar a realización de espirometrías entre a cidadanía.

O obxectivo da reunión celebrada entre os deputados do Grupo Popular e representantes de APEPOC era facer un seguimento e balance das diferentes iniciativas impulsadas en Galicia para a detección e tratamento da enfermidade pulmonar obstrutiva.

Por unha banda, recoñeceuse que o infradiagnóstico de la EPOC sigue sendo elevado, polo que se puxo en valor a necesidade de realizar un cribado específico da enfermidade mediante espirometrías, valorando a posibilidade de achegar os espirómetros á cidadanía de maneira proactiva por parte da Xunta.

COMPRIMISO DOS CIDADÁNS E PROFESIONAIS

Así mesmo, incidiuse na necesidade dun compromiso tanto por parte da cidadanía como dos propios profesionais da atención primaria para visibilizar e sensibilizar sobre unha enfermidade cunha prevalencia del 16,8 por cento.

Pola súa banda, APEPOC puxo en valor el liderado de Galicia en materia de loita contra a EPOC nos últimos años, partindo dunha colaboración e participación dos pacientes e profesionais sanitarios na toma de decisións, como é o caso da introdución da recomendación de prescrición de inhaladores de polvo seco ou néboa fina, sempre e cando sexa clinicamente posible nos acordos de xestión do SERGAS.

A asociación nacional valorou positivamente que Galicia fora a primeira comunidade autónoma que tomou partido na loita contra a falta de adherencia dos pacientes con EPOC, a redución da exposición a propelentes nocivos e a descarbonización do sistema de saúde.

Deste xeito, o pasado 30 de maio aprobouse unha iniciativa parlamentaria no Congreso que insta a todas as comunidades autónomas a incluír esta recomendación que xa está en vigor en Galicia, sendo el SERGAS un exemplo a nivel nacional. Por este motivo, APEPOC e os deputados populares acordaron instar á Consellería de Sanidade a liderar no seno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a extensión desta recomendación ao resto de comunidades españolas.

Alfonso Rueda: “A receita para que Galicia e Ourense sigan funcionando é a da centralidade, a estabilidade e o sentidiño que representa o Partido Popular”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que na centralidade, na estabilidade e no sentidiño que caracterizan ao Partido Popular está “a receita” para que Galicia e Ourense “sigan funcionando, progresando e recuperando o terreo perdido” e trasladou aos seus a importancia do traballo conxunto, do cumprimento da palabra dada e da vocación de servizo público para poder cumprir coa confianza depositada pola cidadanía nos seus políticos.

“A xente confía en nós para que xestionemos e ofrezamos solucións, non para que discutamos entre nós, nin para que inventemos problemas onde non existen ou magnifiquemos os xa existentes. Para todo iso xa están os demais partidos. Nós somos outra cousa”, remarcou ante os asistentes ao 19º Congreso Provincial do PP de Ourense no que Luis Menor foi proclamado presidente cun apoio do 93,74%.

Rueda felicitou ao novo líder provincial definíndoo como “un compañeiro leal, traballador, con sentidiño e ourensán ata a médula” e poñendo en valor “o traballo de escoita, a humildade e as ganas de triunfar” que hai detrás desta elección. “Luis estaría moito máis cómodo dedicándolle todo o seu tempo aos veciños do Pereiro de Aguiar, pero decidiu asumir este gran traballo cun gran equipo detrás. E cando hai traballo e equipo, os resultados chegan”, explicou.

Tamén tivo palabras de agradecemento para o anterior presidente, Manuel Baltar, do que destacou a súa “raza” como político poñendo en valor o “traballo feito durante anos, con moitísimos máis acertos que erros, para manter un partido unido e gañador” e sen o que sería imposible entender os éxitos do PP de Ourense.

O líder dos populares galegos trasladou o seu convencemento de que “hai moitas cousas por facer” aínda en Ourense e por iso pediu á nova dirección provincial do partido “dedicación, responsabilidade, coordinación e lealdade para poder facelo”. Porque, subliñou, a esta provincia “hai que prestarlle a atención que merece”.

De aí que avogase por “seguir traballando e facendo o que a xente espera de nós afastados dos gritos, do espectáculo, os paripés e os postureos dos que di queren cambiar as cousas cando realmente non fan nada nin ofrecen solucións”.

“GAÑAMOS PORQUE FACEMOS O CONTRARIO DO QUE FAN OUTROS”

Rueda explicou que a clave das vitorias do Partido Popular na provincia está en facer o contrario do que fan os outros partidos: “O PSOE e o BNG nunca se explican por que gañamos sempre as eleccións en Ourense, pero é porque nós, ao contrario do que fan eles, non dedicamos todo o noso tempo a mirar cara o noso embigo, incorrer en contradicións nin poñer e sacar caretas”.

Referiuse así a un BNG que “vai de suave e intenta disimular o que realmente é” pero en realidade comparte listas con Bildu e, tal e como se ratificou hai uns días “aposta polo monolingüismo e o independentismo e ten como obxectivo facer de Galicia unha república comunista”.

“Todo isto non o poden negar porque é o que está detrás da careta e do Photoshop”, afirmou ironizando co traballo que require manter estas posturas en pleno século XXI e a pesar de que “ninguén está xa de acordo en absoluto con estas posturas”.

Apuntou tamén a un PSOE que “iniciou hai un mes o postureo na cidade de Ourense apelando á responsabilidade” e que é o mesmo que “preferiu perder a alcaldía do Carballiño e poñer fin a un goberno responsable antes que gobernar co PP”. O mesmo socialismo tamén que cala ante un Goberno de España que “non está dando a Galicia o que merece porque prefire darllo todo a quen lle interesa, a aqueles con quen ten hipotecas e que o chantaxean”.

Neste sentido quixo dar as grazas ao presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, por «darnos a esperanza de que o trato que o Goberno de Sánchez lle da a Galicia pode cambiar” e polo orgullo demostrado esta semana.

“Grazas por facer de galego máis que nunca, por demostrarnos que non cedes a chantaxes, que somos un partido con principios e que somos solidarios. Sentímonos orgullosos de ti e de todos os nosos compañeiros, presidentes e presidentas autonómicas que se comportaron como se tiñan que comportar”, engadiu.

Por todo isto, concluíu, é importante contar cun partido “ben organizado, que funcione ben e que ofreza credibilidade cara dentro e cara fora” e por iso precisamente era importante a celebración deste congreso extraordinario do PP de Ourense: “Para que o partido poida dedicarse plenamente ao territorio, á provincia no seu conxunto e a cada concello en particular”.

O PPdeG denuncia a “deriva partidista” da Fegamp fronte ao sentir maioritario dos concellos galegos: “Prímase o partidismo e non o municipalismo”

O Partido Popular de Galicia denunciou hoxe a “deriva partidista” da Fegamp e acusa ao seu presidente, o socialista Alberto Varela, de “estar utilizando a federación en beneficio do PSOE e en detrimento do espírito municipalista e do sentir maioritario dos 313 concellos galegos”.

“O espírito da Fegamp debería ser a unanimidade e a concordia, pero estase distorsionando coa asunción de posturas totalmente partidistas en asuntos que deberían ser consensuados entre todas as forzas políticas”, afirmou hoxe o vicepresidente da federación e alcalde do Incio, Héctor Corujo, nunha rolda de prensa acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.

Puxo como exemplo a reunión do presidente da Fegamp co líder dos socialistas galegos, que se celebrou “de xeito unilateral, sen ter en conta a outras forzas e excluíndonos improcedentemente” e na que se abordou a situación do canon que os concellos abonan a Sogama.

Unha situación, engadiu o portavoz popular, derivada da aprobación da Lei estatal 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que “impón un imposto que grava a actividade de Sogama para a reciclaxe dos residuos” e que “supón un incremento artificial do custo de actividade desta planta”.

Neste sentido Corujo reprocha aos dirixentes do PSOE Alberto Varela e José Ramón Gómez Besteiro que “optaran por criticar o modelo Sogama para evitar explicar a orixe do problema e disimular a implicación do Goberno de Sánchez”.

O MODELO SOGAMA É O MÁIS EFICAZ, EFICIENTE E ECONÓMICO

Desde o PPdeG apuntan que, fronte aos outros dous sistemas de xestión de residuos en Galicia, o promovido por Sogama é o máis eficaz, eficiente, económico e respectuoso co medio ambiente. De feito, sosteñen que de non existir esta empresa pública, os concellos mandarían o 50% dos seus residuos a vertedoiro e, en lugar de pagar 9 millóns de euros en concepto de imposto estatal, pagarían 18”.

De aí que consideren desconcertante que a Fegamp se preocupe tanto do canon de Sogama, o máis barato de Galicia e de España, e non se alarme polo que pagan os concellos adheridos ao Consorcio das Mariñas ou á planta do Barbanza, nos que o canon supera os 100 euros/tonelada fronte aos 66 euros de Sogama.

Denuncian así mesmo que e lei aprobada polo Goberno central repercutiu nun incremento dos custos para a compañía e que a carga impositiva derivada da mesma non ten por obxectivo fomentar a redución, a reutilización e a reciclaxe, senón que ten un fin única e exclusivamente recadatorio.

Os populares galegos conclúen que, grazas á aportación da Xunta de Galicia, o canon de Sogama para 2024 quedará nos 66 euros/tonelada, o mesmo que en 2023. E que, polo tanto, a mellor bonificación que se pode aportar a todos os concellos é que continúen a pagar o canon máis barato de Galicia e de España.

O PPdeG reivindícase como “o partido da mocidade” con medidas como a gratuidade da matrícula universitaria e a ABAU común

O Partido Popular de Galicia reivindicouse hoxe como “o partido da mocidade galega” como a gratuidade da matrícula ao longo de toda a carreira universitaria ou o acordo para “acabar coas desigualdades entre comunidades” cunha ABAU común e máis xusta.

En declaracións aos medios esta mañá en Santiago de Compostela –acompañada pola presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira e o coordinador de Educación do PPdeG, Ovidio Rodeiro­–, a secretaria xeral do PPdeG insistiu na aposta do seu partido por “premiar e estimular o esforzo do alumnado” e de aí medidas pioneiras impulsadas desde Galicia.

Medidas como a proposta dunha ABAU común a partir de 2025 formalizada esta semana nun acordo asinado polas 12 comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, que representan ao 70% do alumnado español, e coa que se pretende poñer fin aos “17 camiños distintos” que existían ata o de agora nesta proba e que prexudicaban aos mozos e mozas galegas.

“Galicia lidera o debate a nivel nacional e logramos sacar adiante a nosa postura, dando solucións onde o Goberno central e os seus socios só ofrecen división, mantendo a nosa autonomía e competencias, pero cunha mellor coordinación”, explicou Paula Prado subliñando que este pacto “se axusta á lei e blinda as singularidades da nosa Comunidade, especialmente en todo o que respecta á nosa lingua propia”.

No que se refire á gratuidade da matrícula universitaria á que deu luz verde o Consello da Xunta este luns, a número dous dos populares galegos recordou que o presidente Alfonso Rueda comprometera en campaña electoral que esta medida sería unha realidade nos primeiros 100 días de goberno e “aquí temos o resultado”.

“Galicia foi pioneira coa conxelación das taxas universitarias, tamén ratificada para o vindeiro curso por décimo cuarto ano consecutivo, e agora damos un paso máis coa gratuidade da matrícula”, engadiu ao respecto.

Prado quixo aproveitar tamén a ocasión para animar á mocidade galega a “seguir apostando polo partido que mellor defende os seus dereitos” cun apoio maioritario como o acadado o pasado 18 de febreiro, no que máis do 40% dos mozos e mozas galegas escolleron a papeleta do PPdeG.

Román Rodríguez, sobre a proposta dunha ABAU común nas comunidades do PP: “Estamos facendo o que non fai o Goberno á hora de garantir a igualdade de oportunidades dos estudantes”

O responsable de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional do Goberno galego, Román Rodríguez, asinou hoxe xunto a outros representantes autonómicos do Partido Popular un acordo para a implantación dunha ABAU común nas comunidades gobernadas polo partido.

“Estamos facendo o que non fai o Goberno de Pedro Sánchez no que se refire a xerar un marco de igualdade de oportunidades para todos os estudantes”, asegurou a este respecto en declaracións aos medios antes de asinar ese acordo no marco do acto Por unha ABAU máis xusta organizado polo PP en Salamanca.

Rodríguez puxo en valor a capacidade de coordinación das 12 comunidades autónomas gobernadas polos populares, que representan ao 70% do alumnado español, e a súa “capacidade para aportar unha serie de criterios comúns en termos de organización, contidos e avaliación para facer unha proba de acceso á universidade máis xusta e que garanta a igualdade”.

De aí o acordo asinado hoxe e que, tal e como defende o responsable desta área no Executivo autonómico, non só “combina o rigor e o respecto á lexislación vixente”, senón que ademais “garante as características específicas de Galicia como é a nosa lingua propia”.

Paula Prado: “O Partido Popular é un exemplo para o resto, a mellor opción para gobernar, liderar e trazar un futuro próspero”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amosou hoxe o seu orgullo de que o seu partido “poida ser un exemplo para o PSdeG e o BNG” na medida en que “alí onde ten a oportunidade, o Partido Popular é a mellor opción para gobernar, liderar e trazar un futuro próspero”.

Nunha rolda de prensa na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos explicou que votar ao PPdeG é sinónimo de “máis estabilidade, máis sentidiño e mellor xestión” e puxo en valor o encontro do presidente Alfonso Rueda, esta semana, co alcalde de Vigo, un dos máis críticos cos populares.

“A hostilidade por sistema non leva a nada e mesmo prexudica aos veciños da primeira cidade de Galicia. Os vigueses merecen que se poñan sempre os seus intereses por diante e se abandone unha forma de ver a política que é absolutamente estéril”, explicou ao respecto.

Tamén ao fío da actualidade da semana, referiuse ao episodio de “inestabilidade e ruptura” protagonizado en Santiago de Compostela por un PSOE “dividido” e que “puxo os intereses dos composteláns no último lugar da súa listaxe de prioridades”. Algo que, na súa opinión, é “o que acaba pasando cando un partido apoia un Goberno local que ten menos dun terzo do Pleno”.

A secretaria xeral dos populares considera que “para Galicia é unha pena que o socialismo se siga rompendo”, xa que “con hostilidade dentro dun partido, en ningún caso se lle pode aportar algo bo aos galegos e galegas”. Por iso pediu a Besteiro que “colla as rendas do seu partido e deixe de facer seguidismo ao BNG, como se veu primeiro en Santiago e vémolo agora tamén en Ourense, onde se fala de sillóns en lugar de falar dun proxecto de cidade”.

No que respecta ao BNG, Paula Prado puxo en evidencia as consecuencias que ten que seguir pagando o nacionalismo por apoiar a investidura de Pedro Sánchez ata en dúas ocasións. E, neste sentido, afirmou que “Galicia xa non cre ao BNG”.

“Os galegos non cren ningunha das súas propostas, que acaban sempre servindo de muleta ao independentismo catalán e vasco; nin cren na súa representación en Europa, onde se acaban de integrar unha vez máis no Grupo dos Verdes que tanto dano lle fixo á nosa terra en cuestións como a protección do lobo ou o veto á pesca de fondo”, subliñou.

GALICIA ORGULLOSA

Na véspera do Día do Orgullo LGTBI, a secretaria xeral do PPdeG quixo conmemorar esta data reivindicando que “Galicia converteuse nas últimas décadas nun lugar xusto e igualitario, e fíxoo co esforzo e compromiso de todos e todas”.

“O PPdeG vai loitar sempre por consolidar os avances e garantir que non se dá un só paso atrás nos dereitos dos galegos e das galegas”, remarcou ao tempo que reivindicaba a súa convicción nun país “onde todas as persoas poidan construír un proxecto de vida en liberdade e de acordo aos seus valores e a súa expresión”.

Rematou insistindo en que os populares galegos sempre estarán ao carón de quen sofre calquera tipo de discriminación ou delito de odio por razón de orientación sexual e avogando por “unha sociedade onde a convivencia e o respecto sexan valores fundamentais”.

O PPdeG traslada a Roberta Metsola as prioridades de Galicia para “seguir sendo a reposta de todos os galegos e galegas no Parlamento Europeo”

O Partido Popular de Galicia trasladou hoxe á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, os seus eixos programáticos de cara a estes cinco anos de lexislatura co obxectivo de “comezar a ser a resposta de todos os galegos e galegas na Eurocámara”.

Fíxoo a través da delegación que estes días visita o Parlamento Europeo –encabezada pola secretaria xeral Paula Prado e as alcaldesas do partido nos concellos galegos, así como outras representantes municipais, acompañadas polos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez– e que esta mañá foi recibida pola presidenta desta institución, coa que abordaron cuestións prioritarias para a nosa Comunidade como son a pesca, o rural, os fondos europeos ou as políticas demográficas.

Desde o PPdeG incidiron en que, dado que Galicia é a primeira rexión pesqueira de Europa, o noso sector pesqueiro debe ser respectado e escoitado nas súas reivindicacións. Do mesmo xeito que a Política Agraria Común ten que adaptarse ás necesidades do sector primario galego e dun rural onde o equilibrio entre o lobo e os gandeiros sexa unha realidade.

No que se refire aos fondos europeos, os populares galegos demandan a súa chegada á industria, as pequenas empresas, as infraestruturas ou a rehabilitación de vivenda “sen os atrancos habituais do Goberno central”. E, en canto ás políticas demográficas, pediron que a loita polo despoboamento ou as oportunidades para a mocidade sexan tamén protagonistas nas políticas europeas.

“Estivemos toda a campaña lembrando a importancia do que ocorre neste Parlamento para Galicia e lembrando que o 9 de xuño xogabámonos moito. Os galegos e galegas responderon nas urnas e, desde hoxe mesmo, comezamos a ser a súa resposta en Europa”, afirmou ao respecto a secretaria xeral do PPdeG.

Paula Prado considera que, cos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, está garantido “ter o dobre de Galicia en Europa” e agradeceulles que ao longo dos próximos cinco anos vaian ser “a voz dos galegos en Europa” logo de obter a confianza maioritaria dos electores nas eleccións ao Parlamento Europeo.

“Ter aquí a Millán Mon e Adrián Vázquez significa contar con dúas voces autorizadas defendendo os nosos intereses a tempo completo e que Galicia vaia contar con dous galegos para trasladar todas as ideas e inquedanzas que teñan que ver con Europa”, concluíu a número dous dos populares galegos.

Durante o encontro, a modo de agradecemento, a secretaria xeral do PPdeG fíxolle entrega a Roberta Metsola da figura dunha redeira de Sargadelos e dun exemplar do libro Boas noites, Galicia, de Teófilo Edicións.

MILLÁN MON: “SOMOS UN PARTIDO CON PROFUNDO CARÁCTER EUROPEÍSTA E UNS DOS FUNDADORES DA UNIÓN EUROPEA”

O eurodeputado Francisco Millán Mon quixo agradecer ao PPdeG o seu interese por coñecer de primeira man as institucións Europeas: “Somos un partido cun profundo carácter europeísta. Somos fundadores da Unión Europea”.

“Celebro moito recibir no Parlamento Europeo a este numeroso grupo de representantes de Galicia e teño que lembrar que unha de cada dous concelleiras galegas son do PPdeG e que somos o partido con máis alcaldesas de Galicia”, engadiu en referencia ás rexedoras e representantes municipais que conforman a comitiva dos populares galegos.

Millán Mon tamén quixo valorar os excelentes resultados cultivados polo partido liderado por Alfonso Rueda nas recentes eleccións europeas do 9 de xuño: “Somos o partido que máis se parece en Galicia e é por iso que os nosos resultados foron moi bos. As galegas e os galegos queren que o PPdeG siga outros cinco anos máis en Bruxelas facendo máis Galicia en Europa”.

Por último, subliñou que “os próximos cinco anos serán moi importantes para Galicia en canto á pesca, a industria, os fondos europeos, as infraestruturas, a agricultura e a gandería, o transporte, a enerxía ou o comercio exterior”, tal e como lle trasladaron hoxe á presidenta do Parlamento Europeo. “O Partido Popular Europeo estará sempre defendendo os intereses das galegas e dos galegos. Comprométome a iso”, concluíu neste sentido.

ADRIÁN VÁZQUEZ: “HAI QUE ACURTAR A DISTANCIA ENTRE OS MUNICIPIOS E AS INSTITUCIÓNS EUROPEAS”

Pola súa banda, o tamén eurodeputado Adrián Vázquez subliñou que as alcaldesas e representantes municipais trasladadas a Bruxelas nesta viaxe son “un exemplo do tipo de política que debe estenderse por Europa: baseada na proximidade, a xestión e o compromiso cos seus veciños”, e que precisamente isto é o que mostrou a delegación no encontro con Metsola.

Esta viaxe é, na súa opinión unha forma de “acurtar a distancia que desgraciadamente ás veces se percibe entre os municipios e as institucións europeas” e avoga así por unha lexislatura na que os protagonistas sexan os cidadáns e na que “a voz dos representantes públicos que mellor coñecen Europa, os seus alcaldes e alcaldesas, sexa escoitada en Bruxelas”.

Unha delegación do PPdeG visita o Parlamento Europeo para abordar cuestións prioritarias para os concellos galegos

Unha delegación do Partido Popular de Galicia, encabezada pola secretaria xeral Paula Prado e alcaldesas do partido nos concellos galegos, así como outras representantes municipais, realizan a partir de hoxe unha visita á sede do Parlamento Europeo en Bruxelas acompañadas polos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez.

Unha viaxe de traballo de carácter municipalista que coincide co primeiro aniversario da toma de posesión das 28 alcaldesas do PPdeG –o partido con máis rexedoras de Galicia– e na que os populares galegos se marcan como obxectivo trasladar a Europa as prioridades da nosa Comunidade e especialmente dos concellos.

Neste sentido recordan que, en todos os concellos galegos nos que hai unha alcaldesa popular, o partido foi a primeira forza nos catro procesos electorais do último ciclo cunha media de apoio superior ao 57%. “Os galegos e galegas confiaron maioritariamente en nós e agora devolverémoslle esa confianza reivindicando as cuestións que lles afectan e que dependen das políticas comunitarias”, apuntan.

Así mesmo, esta visita prodúcese apenas uns días despois do triunfo acadado polo PPdeG nas eleccións europeas, con máis de 486.000 votos, un apoio de case o 44% e na que o partido foi primeira forza no 97% dos concellos. Deste xeito, os populares galegos darán inicio ao traballo da nova lexislatura na Eurocámara, que estará protagonizada polos seus dous representantes elixidos: Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez.

Precisamente, os dous eurodeputados galegos exercerán de anfitrións da visita, e esta mesma tarde encabezarán, xa no Parlamento, a sesión de traballo Os teus concelleiros en Europa, prioridades galegas para a lexislatura 2024-2029.

Entre mañá e o xoves, a delegación do PPdeG terá unha axenda de visitas e reunións na que destacan un encontro coa presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e outro co administrador do Comité de Fondos Rexionais do Parlamento Europeo, Gustavo López Cutillas.