Santiago, 6 de marzo de 2018.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, asegurou hoxe no Parlamento que “o plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 e a Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020 Educonvives.gal ofrecen un marco efectivo e claro de actuación para conseguir espazos de relación coeducativos, nos que se promova a igualdade”.
César Fernández asegurou que o sistema educativo galego “aposta decididamente pola coeducación e se caracteriza por ser un sistema educativo profundamente igualitario”. “A coeducación e a igualdade son dous dos piares básicos sobre os que se sustenta toda a acción da Consellería e, polo tanto, obxectivos específicos no deseño das políticas educativas en Galicia”, apuntou.
FERRAMENTAS PROPIAS
Deste xeito, e diante da ausencia dun marco lexislativo estatal, “o Goberno galego optou por dotarse de ferramentas propias, como a Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020 Educonvives.gal, que, xunto co plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, constitúen o marco autonómico de actuacións en materia de igualdade e coeducación”.
Un dos eixos básicos desta estratexia é a planificación e xestión activa dos espazos de tránsito e lecer, así como a planificación e xestión activa da convivencia noutros espazos, como entradas e saídas dos centros, comedores ou transporte.
César Fernández subliñou “a importancia dos espazos de lecer como espazos de aprendizaxe nos que impulsar a educación vivencial e inclusiva, como un recurso máis dos que posúe o centro de ensino”. ”Calquera dos múltiples estudos que existen en materia de deseño e usos dos patios escolares sinala que a intervención nestes ámbitos debe partir dun diagnóstico sobre a situación concreta de cada centro escolar no que participe toda a comunidade educativa para, a partir dese diagnóstico, elaborar unha serie de propostas de intervención individualizadas para a realidade escolar, social e económica de cada centro, garantindo dese xeito unha intervención individualizada e conforme ás necesidades de cada entorno concreto”, indicou.
“Esa foi a metodoloxía seguida polo Goberno galego para elaborar a Estratexia galega de convivencia escolar 2015-2020, que supuxo o procesado de 200.000 cuestionarios e permitiu que cada centro educativo recibise o seu informe individualizado de modo confidencial e automatizado”, explicou o portavoz popular.