Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España respecto da clarificación de criterios para autorizar os cambios de uso das construcións tradicionais do litoral
A costa galega conta con numerosas inmobles situados no seu litoral actualmente en desuso. Trátase de inmobles catalogados, inventariados ou con gran valor patrimonial que, na maioría dos casos, poderían recuperarse contribuíndo a revitalizar estes espazos e evitar o seu abandono, empregándoos para novos usos, tal e como permite a Lei do Solo de Galicia.
É incomprensible a diferenciación que fai o Goberno central que, por unha banda, permite reconverter antigos faros en hoteis, mentres que, pola outra, nega esta opción ás edificacións emprazadas na servidume de protección do dominio público marítimo- costeiro. Debería aplicarse a mesma vara de medir en toda a costa.
A regulación dos espazos portuarios estatais é competencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que permite a transformación de faros que perderon a súa vella funcionalidade, promovendo a implantación de usos de hostalería e hospedaxe, para darlles unha nova vida.
Porén, na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-costeiro, competencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd),calquera posibilidade de implantar este tipo de usos nas construcións tradicionais da franxa costeira -sobre todo residenciais e hostaleiros- é rexeitada rotundamente por este departamento estatal.
Nesta liña, é urxente a necesidade de favorecer a recuperación e posta en valor do patrimonio construído no litoral galego ao longo do tempo, polo enorme valor que ten en especial nunha Comunidade como a galega, na que a ocupación tradicional do litoral nunca desvirtuou a protección do dominio público marítimo terrestre, senón que, todo o contrario, a potenciou.
Tendo en conta o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España que clarifique o seu criterio á hora de autorizar os cambios de uso das construcións tradicionais do litoral”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-003073