Di que hai que escoitar as achegas da xente con experiencia na xestión e na práctica sanitaria en todos os niveis asistenciais para encarar as reformas
O PPdeG constituíu esta mañá a súa Comisión de Sanidade, que estivo presidida polo coordinador do partido nesta área, Julio García Comesaña, e quen afirmou que hai que escoitar a opinión e as achegas da xente con experiencia na xestión e na práctica sanitaria en todos os niveis asistenciais para seguir mellorando e construíndo a sanidade pública post-pandemia.
Como sinalou, de cara aos novos tempos, hai que abordar grandes retos como a reforma na organización da atención primaria, a reforma dos sistemas de saúde pública, a retención do talento para que os profesionais traballen nas mellores condicións posibles ou a innovación para incorporar novas terapias e tecnoloxías. Por todo isto, Comesaña resaltou a importancia de que a Comisión achegue as súas propostas e ideas, salientando que está conformada por un grupo de preto de 40 persoas de todos os ámbitos sanitarios.
Entre os integrantes desde foro destacan o presidente de honra do PPdeG, José Manuel Romay Beccaría, a vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor -ambos ex ministros de Sanidade-, os ex conselleiros Pilar Farjas e Jesús Vázquez Almuíña, deputados e senadores, e moitos profesionais da sanidade.
O PARTIDO DA SANIDADE PÚBLICA DE GALICIA
En declaracións aos medios de comunicación, o coordinador puxo en valor o labor do PPdeG ao fronte da sanidade pública de Galicia -lévaa xestionando 28 dos últimos 32 anos-. Nese senso, insistiu en que o sistema sanitario punteiro do que hoxe os cidadáns galegos están “plenamente orgullosos” é obra fundamentalmente das políticas dos populares, enxalzando o traballo dos presidentes Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo.
Comesaña tamén recalcou que a pandemia evidenciou o bo momento da nosa sanidade, lembrando que a Comunidade foi a que logrou unha menor porcentaxe de ocupación nas UCI, a que máis axilmente administrou as vacinas -estando agora no récord estatal de poboación con pauta completa, no récord de poboación con dose de reforzo e no récord de poboación infantil vacinada- e foi o sistema público de saúde de toda a Península cunha menor taxa de mortalidade. “Todo isto é froito dunha boa xestión por parte dos profesionais e tamén das políticas sanitarias do PPdeG nestes últimos anos”, sentenciou.