Inidiciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co acceso das familias ás prestacións por fillo ao cargo e ao ingreso mínimo vital
O Goberno central ven de integrar a prestación por fillo a cargo para familias en situación de pobreza dentro do Ingreso Mínimo Vital. A partir do 1 de xaneiro de 2021, xa non é posible solicitala, polo que moitas familias que percibían esta prestación deberán pedir agora o IMV para recibir unha axuda económica.
Trátase dunha medida que ten causado moita polémica e que foi criticada duramente por moitas ONG coma Save The Children, debido ao risco de que familias con poucos ingresos que antes recibían a prestación por fillo a cargo agora non cumpran os requisitos necesarios para acceder ao IMV e en consecuencia, se queden tamén sen acceso a esta prestación que xa recibían. Non ten sentido que a prestación por fillo a cargo desapareza, porque ambas axudas non deben ser excluíntes, senón complementarias.
A supresión decretada polo Goberno central aboca a que centos de miles de familias que poderían reunir os requisitos para acceder á prestación por fillo a cargo, pero non para o IMV, se vexan privadas de ambas axudas.
Lonxe de apostar polo reforzo desta prestación, o Goberno central opta por suprimila, mediante a súa integración no Ingreso Mínimo Vital, salvo nos casos onde o fillo teña recoñecida unha discapacidade.
O Goberno sinala que os fogares que se beneficiaban da prestación por fillo a cargo agora pasarán a estar protexidos polo IMV, pero isto non é certo. Non o é, en primeiro lugar, pola propia natureza de ambas prestacións: o IMV busca garantir as necesidades básica de fogares en risco de exclusión social e a prestación por fillo a cargo é unha medida relacionada con prestar un apoio ás familias na atención aos custes da crianza.
O Goberno galego blindou este ano 2021 o orzamento destinado á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), cun investimento de 64,4 millóns de euros, pese ao descenso do número de beneficiarios polo seu traspaso ao Ingreso Mínimo Vital (IMV).
Este investimento ten por obxecto seguir poñendo esta prestación á disposición dos galegos que a precisen; reorientar unha parte do seu orzamento a garantir que o IMV vaia asociado á integración sociolaboral, unha condicionante que a día de hoxe non existe; e asegurar que estes se destinarán a cubrir as necesidades das familias máis necesitadas.
A Xunta traballa na reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia en colaboración coas entidades e os profesionais do sector para actualizar os recursos a disposición das familias máis vulnerables.
Deste xeito, preténdese redefinir a RISGA e as Axudas de Inclusión Socia (AIS) para adaptalas á realidade actual e acomodalas ao novo contexto xurdido coa entrada en vigor do IMV. Unha labor que se ve dificultado polas constantes modificacións por parte do Goberno central dos requisitos e perfís de acceso ao IMV.
O número de axudas do IMV concedidas na nosa Comunidade ata o 25 de xaneiro é de 10.364. Isto representa o 26% das 40.000 prestacións que o Goberno central estimaba para Galicia. Este reducido número de beneficiarios evidencia a mala xestión que está a realizar o Executivo central do IMV.
Ante este situación, a Xunta ofreceuse en repetidas ocasións a xestionar o IMV por ter a experiencia necesaria e porque sería máis fácil evitar solapamentos e colapsos na súa tramitación. Unha competencia que foi comprometida con Euskadi, Cataluña e Navarra.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar ao Goberno de España:
1. Garantir a complementariedade do IMV coa prestación por fillo a cargo, tendo en conta que o IMV busca garantir as necesidades básicas de fogares en risco de exclusión social e a prestación por fillo a cargo é unha medida relacionada con prestar un apoio ás familias na atención aos custes da crianza dos seus fillos.
2. Apostar polo reforzo da prestación por fillo a cargo dirixida a fogares con fillos menores de idade ou maiores afectados por unha discapacidade igual ou superior ao 65%”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001228