Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia respecto da creación de oportunidades para a mocidade e seguir apostando por programas pioneiros como o Xuventude Mentoring
Xuventude Mentoring é un programa integral de formación e mentoring destinado a persoas mozas tituladas e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil na Comunidade Autónoma de Galicia.
Trátase dun programa pioneiro promovido pola Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e o Cixug, en colaboración coas tres universidades galegas, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
O programa está destinado á mellora das habilidades e competencias para a busca de emprego, tanto por conta propia como por conta allea, a través de accións formativas, actividades de networking e dunha rede de persoas mentoras procedentes do empresariado galego, que ofrecerán asesoramento e apoio.
Esta segunda edición é unha continuidade a un programa exitoso, que na súa primeira convocatoria logrou que o 58% dos participantes estea traballando a tempo completo ou completando formación.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir traballando na creación de oportunidades para a mocidade e seguir apostando por programas pioneiros como o Xuventude Mentoring”.