Medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia en relación coa creación dun centro integral para a loita contra o lume dotado con persoal especializado no comportamento e análise dos lumes forestais e para darlles formación aos bombeiros forestais e desenvolver a análise e a investigación
Os efectos do cambio climático obrigan ás administracións públicas a adaptar os seus sistemas para loitar con maior eficacia contra os seus efectos, un dos cales son os lumes forestais de última xeración. As conclusións da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais creada no Parlamento de Galicia na pasada lexislatura, expresadas no seu Ditame, facían unha especial incidencia na necesidade de incrementar a investigación e a formación sobre este tipo de lumes.
En consecuencia, o Partido Popular de Galicia optou por incorporar ao seu programa electoral para as eleccións autonómicas de 2020 unha proposta neste sentido: a posta en marcha dun centro, promovido pola Consellería do Medio Rural, para dar formación aos bombeiros forestais, converténdoo nun centro de análise de incendios que englobe a formación, a prevención e a I+D+I.
Esta proposta foi, deste xeito, incluída no programa electoral que foi avalado pola maioría dos votantes galegos nas pasadas eleccións autonómicas pero desde o Grupo Parlamentario Popular consideramos de interese sometela a debate deste Parlamento antes de implementala para poder recoller as achegas dos restantes grupos e sacar adiante este proxecto co maior respaldo político posible.
Polo exposto, os deputados e deputadas asinantes presentan a seguinte Proposición non de Lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia á creación dun Centro Integral para a Loita contra o Lume dotado con persoal especializado no comportamento e análise dos lumes forestais para dar formación aos bombeiros forestais e desenvolver análise e investigación”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000026