Iniciativa sobre as actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para a defensa dos sectores gandeiro e marítimo-pesqueiro de Galicia
Tras meses sufrindo as consecuencias da invasión rusa de Ucraína no noso país, cuxa afectación supuxo efectos a nivel xeral dos prezos e, en especial, de certos bens fundamentais –como é o caso dos alimentos–, o Goberno de España decidía comezar o 2023 cunha redución do Imposto ao Valor Engadido (en adiante, IVE), que, ademais de chegar con retraso e erixirse como unha iniciativa puramente electoralista, resultou, desde un primeiro momento, unha medida totalmente discriminatoria co sector primario.
Neste contexto, o Goberno de Pedro Sánchez poñía en marcha esta rebaixa tributaria o pasado 1 de xaneiro, coa pretensión de mantela activa ata o vindeiro 30 de xuño de
2023. Así mesmo, a devandita rebaixa aplicouse, desde o momento da súa posta en práctica, segundo a propia definición da iniciativa, aos “produtos alimentarios básicos”, excluíndo, deste xeito, a produtos de primeira necesidade como son a carne e o
pescado. Ao respecto, manter inalterado o IVE dos produtos do mar e da carne, mentres se baixa o doutros produtos como o aceite ou a pasta, supón, sen lugar a dúbidas, unha desvantaxe competitiva e un prexuízo directo para ámbolos dous sectores.
Neste sentido, é evidente a necesidade, dadas as circunstancias actuais e a inflación rexistrada en España, de aliviar a situación das familias, especialmente daquelas con baixos ingresos; non obstante, débese avogar por unha redución inclusiva de todos aqueles alimentos que, non só sexan considerados de primeira necesidade, senón que, ademais, contribúan á alimentación equilibrada da nosa cidadanía, como é o caso da carne e do pescado. A estes efectos, defendemos que estes produtos básicos se consideren –tamén por parte do Goberno central– como o que son, alimentos de primeira necesidade, e que acaden o IVE máis baixo, tal e como xa esixiu a Xunta de Galicia noutras ocasións e apoian as instancias europeas.
Non é posible que, como ocorreu coas desafortunadas declaracións do ministro Garzón, se continúe discriminando sen parangón ao sector gandeiro español por parte do Goberno de España, sobre todo en consideración da aposta deste tipo de produción alimentaria de calidade a prol do medio ambiente, do benestar animal, da recuperación da terra agraria –eixo para o cal, ademais, o sector conta en Galicia cunha lei específica, a Lei de recuperación da terra agraria– e a anticipación aos incendios forestais.
A redución ou eliminación deste imposto aumentaría o consumo dos produtos do mar e do agro cos conseguintes beneficios, tanto para a saúde dos consumidores como para a economía do sector. E, precisamente, desde antes da alerta sanitaria pola covid-19, o Parlamento de Galicia aprobou en distintas ocasións iniciativas que foron remitidas ao Goberno central e nas que se solicitaba a rebaixa deste imposto do 10% ao 4% para igualalo ao que aplican outros países da Unión Europea.
Neste respecto, desde Galicia e, concretamente, desde este Parlamento, seguimos insistindo nesta demanda e defendendo o papel esencial do sector marítimo-pesqueiro e mailo sector gandeiro de Galicia.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a exercer a presión negociadora necesaria co obxecto de que se aplique á rebaixa tributaria dos alimentos básicos e que se consideren produtos de primeira necesidade tamén polo Goberno central á carne e ao pescado -e ás súas conservas-, co fin último de estimular a demanda interna e mellorar as previsións de crecemento da economía de ámbolos dous sectores, evitando o prexuízo derivado da iniciativa recentemente aprobada polo Goberno de España.”