Reiteración do Acordo da Comisión 8ª, do 7 de xuño de2022, sobre a demanda que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España para poñer en marcha unha operación de traballo subacuático que permita localizar o buque afundido «Villa de Pitanxo»
O pasado mes de febreiro conmocionáronnos as novas que apuntaban ao naufraxio do
arrastreiro conxelador “Villa de Pitanxo” cando este buque de Marín faenaba a unhas
250 millas de Canadá, en Terranova, cobrándose as vidas de 21 dos seus 23 tripulantes.
Co obxecto de acadar novos datos que permitan avanzar nas causas do naufraxio sería moi oportuna a observación directa do pecio afundido e dos danos que presenta, unha demanda que lideran os familiares dos tripulantes e tamén distintas institucións como o Parlamento galego.
Así, con data 7 de xuño de 2022, o Parlamento de Galicia aprobaba, a iniciativa do Grupo Popular e por unanimidade, unha proposición non de lei que incluía un mandato expreso ao Goberno de España para que puxera en marcha unha operación de traballo subacuático que permita localizar e inspeccionar os restos do buque afundido.
Co todo, as informacións que achegan os responsables do Goberno de España en relación vontade de levar adiante esta actuación son contraditorias: Por unha banda, a Comisión Europea asegura, citando fontes do Goberno de España, que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación prevé enviar un robot ao pecio afundido. Mentres que o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, desminte esta afirmación.
As continuas contradicións dos responsables do Goberno de España en relación con este asunto e a falta de transparencia, comunicación e de sensibilidade do Ministerio, está a incrementar o sufrimento e a incerteza das familias dos tripulantes falecidos e do conxunto dos profesionais do mundo do mar que observan e falta de criterio da administración central á hora de avaliar a investigación dun suceso destas características.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia resolve:
1º- Reiterar o acordo aprobado por unanimidade na Comisión 8ª, de Pesca e
Marisqueo, na sesión que tivo lugar o 7 de xuño de 2022 que di o seguinte:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a posta en marcha dunha operación de traballo subacuático que permita localizar o pecio do buque «Villa de Pitanxo», descender ao esmo e elaborar un traballo fotográfico e audiovisual sobre o seu estado, así como a recoñecer os seus arredores e zona exterior do buque para verificar a posible localización de corpos dos tripulantes desaparecidos.
2º- Instar á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España có obxecto de que clarifique, con carácter de urxencia, as características e previsións respecto da posta en marcha da operación para a localización e observación directa do pecio afundido e asuma o compromiso de executala coa maior brevidade”.