Demanda da Xunta ao Goberno de España para que teña en conta as peculiaridades que ten Galicia no deseño do novo mapa concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia
O novo mapa concesional das liñas de autobús estatais, que o Goberno central presentou o pasado 26 de maio ás Comunidade Autónomas, supón unha aldraxe a Galicia, posto que propón reducir de xeito considerable a capacidade de mobilidade dos galegos, xa de por si condicionada pola situación xeográfica periférica, a dispersión e o avellentamento da poboación.
Este novo mapa, unha das 150 medidas incluídas na Estratéxica de Mobilidade Segura, Sostible e Conectada 2030 do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e no Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible, prima a rendibilidade económica e a planificación dos desprazamentos urbanos e metropolitanos, que son oss presentan unha maior demanda, en detrimento das zonas máis rurais.
Así, nesta nova planificación o Goberno de España pretende só cubrir servizos interautonómicos con rutas máis curtas e rendibles economicamente, o que, de entrada, supón a perda de 76 itinerarios interiores, que ata o de agora se viñan prestando.
Ademais, modifica os tráficos interautonómicos ou redúceos de xeito drástico, prevendo só paradas nas capitais de provincia ou cidades principais, o que significa que 23 municipios quedarán sen parada e sen servizo, afectando a máis de 136.000 galegos.
Os concellos que quedarían sen parada das liñas de longa distancia serían: Lalín, O Porriño, Tui, Silleda, Chantada, Melide, Allariz, Arzúa, Guitiriz, Ribadavia, A Rúa, Monterroso, O Corgo, Palas de Rei, Forcarei, Quiroga, Baralla, A Pontenova, Meira, Riós, Trasmiras, As Nogais e A Mezquita.
Pero non só iso, senón que estes cambios suporán, ademais, que os usuarios terán que combinar diferentes liñas e facer transbordos en máis de 1.000 traxectos que ata agora se prestaban de xeito directo.
Ante os obvios recortes no transporte público por estrada de titularidade estatal que se derivarán do novo mapa concesional de transporte presentado polo Goberno de España é polo que, desde o Grupo Parlamentario Popular, consideramos necesario presentar esta proposición non de lei para o seu debate en pleno:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a pedir ao Goberno de España que rectifique os criterios empregados no deseño do Novo Mapa Concesional das liñas de transporte por estrada da súa competencia e teña en contas as peculiaridades que ten Galicia no que respecta á dispersión territorial e poboacional, promovendo a prestación de servizos de transporte interautonómicos de calidade, que garantan, cando menos, as paradas e os tráficos actuais, ademais das conexións directas existentes ata o de agora”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-003161