Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España das actuacións necesarias para reducir o prezo dos combustibles
Segundo os datos de Instituto Nacional de Estatística (INE), o prezo de carburantes e combustibles pechou o ano 2021 cun incremento do 24%, sendo esta un crecemento sen precedentes desde o verano de 2008, cando o ex-presidente Rodríguez Zapatero utilizou por primeira vez a palabra “crise” para referirse á situación económica que daquela vivía España, aprobando no mes de agosto un plan de choque.
Esta espiral inflacionista continúa neste 2022, golpeando directamente á economía de empresas, autónomos e familias xunto coa subida da electricidade, entre outros factores de produción ou consumo. De feito, o prezo da gasolina tense disparado ata un máximo histórico de case 1,56 euros por litro, mentres que o diésel se sitúa a un paso do teito de 1,45 euros, converténdose nunha nova ameaza para a recuperación económica e social tras a pandemia sanitaria e para a cohesión territorial.
Segundo estimación da Asociación Española de Operadores Petrolíferos (AOP) máis do 45% do prezo dos carburantes son impostos recadados polo Estado, a través do Imposto Especial dos Hidrocarburos e un IVE do 21%. Polo tanto, a subida dos prezos enerxéticos ten contribuído a que o Goberno central teña aumentado a recadación tributaria en 2021 nun 15,1% ata situarse nos 223.382 millóns de euros, superando tamén os ingresos de 2019 nun 5%, ano sen crise sanitaria.
A pesar diso e de que a Comisión Europea vén de confirmar unha previsión de crecemento do 5,6% para este ano – moi por debaixo das feitas polo Goberno -, non hai a día de hoxe unha posición clara do Executivo central sobre se descarta ou non a súa pretensión de subir os gravames sobre a gasolina, así como a equiparación do diésel coa gasolina, para recadar ata 8.500 millóns de euros máis, trasladando ao tecido produtivo e ao conxunto da cidadanía un novo coste social por mor dunha transición ecolóxica inxusta e desordenada.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España as actuacións necesarias para reducir o prezo dos combustibles a todas as persoas consumidoras e, nomeadamente, evitar subir os impostos a estes produtos para non agravar a economía de empresas, autónomos e familias”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002706