Demandas sobre a supresión do artigo do proxecto de lei de cambio climático e acadar consenso sobre modificación na lei de costas logo dun estudo e diálogo co complexo mar-industria
A tramitación do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética reactivouse en pleno estado de alarma e continúa a súa marcha sen diálogo co sector. Está na actualidade na fase de presentación de emendas; fase que remata a finais deste mes.
Un proxecto que, tras a súa paralización, sigue xerando inseguridade ao complexo mar-industria ao afectar directamente, coa inclusión do artigo 18, ao prazo de duración das concesións no dominio público marítimo-terrestre, recollido na Lei de Costas.
A proposta contravén o principio de seguridade xurídica, polo que sempre se deu garantía aos administrados de que a súa actividade non pode ser posta en risco por cambios lexislativos arbitrarios. É por iso que a falta de claridade do posicionamento do Goberno, así como a ausencia de diálogo e de consenso co sector mantén a incerteza sobre o futuro dunha Galicia costeira que se ve prexudicada de forma substancial.
No caso concreto da cadea mar-industria, das arredor de 100 empresas potencialmente afectadas son xa 29 (depuración de moluscos, conserveiras…) as que teñen ou terán problemas coa renovación da súa concesión, xa que o Goberno, neste contexto, non lles pode asegurar que a decisión última sexa hiperrestritiva, polo que a súa situación podería incluso empeorar, facendo inviables os seus negocios. Un dato que, cunha media de 100 traballadores por empresa, tradúcese en 2.900 empregos.
É dicir, a reforma podería levarse por diante a un sector que na última década aumentou as súas exportacións nun 80% e que converteu a Galicia na décima potencia mundial de produtos da pesca.
Ademais, pode supor unha ameaza de paralización de todo o sector produtivo ou extractivo, e só as bateas e o marisqueo xeran máis de 15.000 empregos e moven máis de 200 M € na primeira venta.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno do Estado e aos Grupos Parlamentarios con representación nas Cortes Xerais:
1. A supresión ou modificación substancial, previo diálogo co sector afectado, do artigo 18 do Proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética.
2. A acadar un consenso para que esta e calquera futura modificación da Lei de Costas se emprenda tras un estudio profundo e o indispensable diálogo co complexo mar-industria alimentario, ofrecendo con iso un marco de estabilidade necesario para o mantemento dos investimentos e do emprego.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-000260