Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa lexislación orgánica en materia de saúde pública
O pasado 13 de maio de 2020 o Goberno de España, a través da súa Vicepresidenta Primeira, recoñeceu no Senado a necesidade de abordar reformas lexislativas en materia sanitaria e facelo atopando acordos básicos entre todas as forzas políticas coa finalidade de “pertrechar” ás Administracións Públicas de instrumentos suficientes, á marxe do estado de alarma, para combater con eficacia a pandemia da Covid-19.
Ante a inacción dos poderes executivo e lexislativo, as Comunidades Autónomas procederon a desenvolver normas de distinto rango para poder xestionar a pandemia sanitaria con eficacia e có único obxectivo de preservar a saúde e a vida da cidadanía.
Deste xeito o Parlamento de Galicia aprobou a reforma da Lei de saúde de Galicia, a través da Lei 8/2021, do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Pese a que nin durante a tramitación da mencionada Lei 8/2021, nin despois da súa aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia, o Goberno central manifestou obxección algunha pola posible inconstitucionalidade deste texto; nin recorreu ós mecanismos de diálogo previstos na normativa vixente para evitar a conflitividade constitucional, o Goberno central procedeu a presentar un recurso de inconstitucionalidade con petición de suspensión da nova redacción do artigo 38. Todo isto despois de que o Consejo de Estado manifestase que o contido da Lei era basicamente constitucional, se ben consideraba que a redacción dalgúns aspectos do artigo 38 xustificarían a presentación dun recurso de inconstitucionalidade, non tanto porque o propio Consejo de Estado a apreciase, senón coa finalidade de que o Tribunal Constitucional se pronunciase sobre a capacidade de desenvolvemento normativo das Comunidades Autónomas en relación ás leis orgánicas que regulan os dereitos fundamentais.
Adicionalmente o Consejo de Estado recomendaba ao Goberno que procedese á reforma da Lei Orgánica 3/1986, de medidas especiales en materia de salud pública.
Tendo coñecemento da intención do Goberno central de presentar un recurso de inconstitucionalidade en relación á Lei 8/2021 de Galicia, e ademais solicitando a suspensión automática dalgún contido desta norma, o Goberno da Xunta solicitou a convocatoria dunha Comisión Bilateral coa finalidade de discutir e, no seu caso, concertar unha interpretación da norma naqueles aspectos nos que o Goberno de España entendese que a norma autonómica sobrepasase o marco constitucional. Pese a terse aceptado ese diálogo o Goberno central ten manifestado que dito diálogo non vai a conlevar nin a retirada do recurso nin o levantamento da suspensión solicitada.
Desta maneira Galicia verá substancialmente diminuída a súa capacidade de xestionar a pandemia unha vez que finalice o vixente Estado de Alarma o vindeiro 9 de maio, dado que o propio Goberno de España ten anunciado que non contempla prorrogalo.
Por todos estes motivos, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1. Que proceda a unha adecuación da lexislación orgánica en materia de saúde pública que lle aporte maior detalle e concreción, en orden a proporcionar ás autoridades sanitarias competentes o mellor marco xurídico posible para afrontar as situacións presentes e futuras de risco grave para a saúde pública, tal e como o propio Goberno se tiña comprometido a facer e como lle reclamaron tanto a Comisión para a Reconstrución Social e Económica creada no Congreso dos Deputados como o Consejo de Estado.
2. Que, namentres non conclúa ese comprometido proceso de actualización e desenvolvemento da lexislación orgánica en materia de saúde pública, desista de solicitar a suspensión da normativa legal aprobada polos distintos órganos lexislativos autonómicos para facer fronte, de acordo cos principios constitucionais de eficacia administrativa e seguridade xurídica, ás necesidades ás que se enfrontan as autoridades sanitarias competentes e para as que aactual lexislación orgánica resulta insuficiente.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001445