Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que determinados buques poidan ser beneficiarios da rebaixa dos vinte céntimos no prezo do combustible
O Consello de Ministros aprobou o 29 de marzo un paquete de axudas para o sector pesqueiro, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recollidas na Real Decreto-lei 6/2022, do 29 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.
O ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación mantivo unha reunión con representantes do sector pesqueiro para informalos das axudas aprobadas e que a frota pesqueira cualificou de insuficientes. En concreto, no referido á rebaixa de so 20 céntimos no combustible no sector da pesca, igual que ao resto de cidadáns. Rebaixa que, ademais, non afectará aos barcos de bandeira española que repoñan combustible fóra de España.
Actualmente, uns 300 buques realizan a súa actividade pesqueira fóra de augas españolas, dos que arredor de 200 pertencen á frota galega de altura e gran altura que opera e bota combustible en outros portos lonxe de España coa mediación ou intervención directa de operadores loxísticos ou subministradores españois de hidrocarburos, mais que non terán acceso ao desconto de 20 céntimos no gasóleo.
Ademais, hai que ter en conta a situación peculiar duns 50 barcos de bandeira de países da UE que operan con habitualidade en portos galegos, efectuando descargas e aprovisionamentos en Galicia.
A isto súmase a forte competitividade á que se ve sometida a nosa frota de longa distancia fronte a outras frotas que, sen cumprir os mesmos estándares socioeconómicos e ambientais que se esixen en Europa, introducen os seus produtos para o consumo dos cidadáns comunitarios, ao que se engade a situación de desequilibrio xerada polas axudas que reciben para a súa actividade.
Estas frotas, que de forma común operan baixo pavillóns de conveniencia ou de países con pouco ou nulo respecto á igualdade nos planos ambientais, sociais e económicos, poderán obter o subministro de combustible en portos españois facendo uso da rebaixa xeneralizada de prezo formulada polo Goberno central, o que pode constituír un elemento de aproveitamento dun sistema sufragado polas frotas españolas que pagan os seus impostos ao erario nacional.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei urxente en Comisión:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1º- Que se habiliten as medidas pertinentes para que os buques galegos e españois que faenen en augas internacionais ou fóra da Zona Económica Exclusiva (ZEE) española poidan ser beneficiarios da rebaixa dos 20 céntimos cando boten combustible en portos estranxeiros coa mediación ou intervención directa de operadores loxísticos ou subministradores españois de hidrocarburos.
2º- Que unha vez cumprida a anterior medida, que tamén sexa de aplicación esta rebaixa no combustible aos buques que fagan con habitualidade descargas e aprovisionamento en Galicia.
3º- Que se articulen medidas efectivas para que esta bonificación no prezo do combustible non sexa de aplicación a buques que, baixo bandeira de conveniencia ou con estándares sociais, económicos ou ambientais inferiores aos da UE, poidan repoñer combustible en portos españois
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/c-_CGjgz-LJqZ1fYnAJJ1eUcyOXwmSL8ojdsI8Yd1Rg=