Demandas que debe realizar o goberno galego ao Goberno central en relación coa industria electrointensiva
Foi en outubro do ano 18, cando as antigas Alcoa Coruña e Avilés anunciaban o seu peche, alertando do grave problema que estaban a sufrir estas empresas grandes consumidoras de enerxía debido á falta de competitividade, causado polo prezo da electricidade que se estaba a soportar en España e a ausencia de compensacións polo servizo de interrompibilidade que o Goberno central estaba a retrasar.
As Empresas Electrointensivas en España, co servizo de interrompibilidade vixente ata á primeira metade de 2018 recibían de media 500 m€ anuais, pero no ano 2018 só recibiron 324m€ e no ano 2019 moito menos, 196m€, e no ano 2020 4,385M€; reducíndose, nun 95% as asignacións do ano anterior. Unha falta de compromiso coa viabilidade desta industria que tamén se reflicte na falta de compensacións coas axudas ao CO2 que estiveron bloqueadas polo Goberno de Sánchez, e que dende que se activaron, non alcanzaron o total permitido pola Unión Europea.
O Grupo Parlamentario Popular de Galicia advertimos naquel momento que serían máis que Alcoa Coruña as empresas que estarían en risco, entre elas Alcoa San
Cibrao, Megasa ou Ferroatlántica, e lamentablemente pouco tempo despois, foi Alcoa San Cibrao a que anunciou tamén a súa intención de pechar pola falta de competitividade a causa do elevado prezo da enerxía.
Dende o primeiro momento o Goberno da Xunta, estivo ao lado do comité de empresa de Alcoa e dos seus traballadores, incluso fixo un fronte común con outras Comunidades Autónomas como foron Asturias e Cantabria. Con todo , o Goberno central decidiu recortar as poxas de interrompibilidade ata asfixiar a este tipo de empresas, sen ter unha solución alternativa.
Fiouse toda a posible solución a un Estatuto da Industria electrointensiva que tras dous anos de anuncios por parte do Goberno central de que sería inminente a súa aprobación, se aprobou fai un par de meses confirmándose os perores presaxios
A ese Estatuto da industria electrointensiva, o Goberno da Xunta de Galicia conxuntamente cos de Asturias e Cantabria, presentou unha serie de alegacións na liña dos marcos de apoio que existen noutros países Europeos, que finalmente non foron tidas en conta polo Goberno central.
Un estatuto da industria electrointensiva moi pouco ambicioso, pois non achega solucións, pois establece máis obrigas que beneficios para a continuidade desta industria, e tampouco achega certezas pois non recolle as medidas solicitadas por Galicia, Asturias e Cantabria para competir en igualdade de condicións a nivel europeo.
É evidente que cun prezo eléctrico en España, que está máis de 20€/MWh por riba de competidores directos en Francia e Alemaña, o futuro da industria electrointensiva galega está en serio perigo, problema que claramente non queda solucionado co
Estatuto da Industria electrointensiva aprobado fai uns meses.
Advertimos, polo tanto, que a situación destas industrias vai a complicarse se non se modifica o Estatuto da industria electrointensiva para que de verdade supoña unha rebaixa no prezo da electricidade coa posta en marcha doutras accións que permitan compensar o elevado esforzo que teñen que facer estas empresas para competir coas súas empresas homólogas en Europa.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España en favor da industria electrointensiva:
1.- Que se apliquen a contía máxima das compensacións por costes indirectos de
CO2,que permite a CE.
2.- Que se estableza un sistema de poxas de interrompebilidade, recollendo a figura do consumidor hiperelectrointensivo, como fan outros países europeos.
3.- Que se eximan as peaxes de transporte.
4.- A exención, en lugar da compensación do 85% dos cargos de renovables e coxeneración.
5.- Que se reduza a fiscalidade cunha exención do imposto de xeración eléctrica sobre as electrointensivas”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001274