Sobre a demanda pola Xunta de Galicia ao Goberno de España para que a achega dunha porcentaxe significativa de investimentos públicos do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica Nova economía da lingua se empregue no desenvolvemento de proxectos de intelixencia dixital ao servizo da lingua galega
O Goberno central ten anunciado un Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTE) “Nova Economía da Lingua”, co obxectivo de mobilizar investimentos públicos e privados para maximizar o valor do español e das linguas cooficiais no proceso da transformación dixital a nivel mundial.
Este PERTE, anunciado como aprobado no Consello de Ministros do 1 de marzo de 2022, parece que estará dotado cun orzamento de 1.100 millóns de euros de investimento público. Segundo o Executivo central, dentro deste orzamento global está incluída unha partida de cando menos 30 millóns que se destinarán en exclusiva a apoiar proxectos de linguas cooficiais.
Dado que a partida sinalada é de mínimos, desde o Grupo Parlamentario Popular considérase prioritario que a lingua galega, tanto pola súa dimensión de lingua cooficial como polos seus vínculos coa lusofonía, acade unha importante achega para apoiar proxectos xa deseñados en Galicia e outros que poidan xurdir proximamente.
Cabe lembrar que a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago teñen constituído un convenio dotado xa no ano 2022 con 600.000 € de fondos propios o Proxecto Nós, unha iniciativa coa que se quere potenciar a incorporación do galego ao eido dixital. Trátase dun ambicioso proxecto de desenvolvemento das tecnoloxías da linguaxe, destinado a garantir o dereito dos galegos e galegas a accedermos na nosa lingua propia a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento da fala ou os tradutores de alta calidade para que, deste xeito, poidamos interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas. Trátase do maior reto que ten ante si a lingua galega neste momento e non podemos deixar pasar ningunha das oportunidades que os fondos europeos poñen ante nós para que o noso idioma propio chegue ás tecnoloxías en pé de igualdade coas grande linguas do mundo.
Parece que o PERTE “Nova Economía da Lingua” xorde con vontade integradora e plurilingüe, ao tempo que xirará en torno a proxectos de intelixencia artificial e corpus lingüísticos. Neste contexto, o “Proxecto Nós. Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega” e outras que poidan desenvolverse neste eido deberían contar con achegas significativas procedentes deste fondo creado a partir de recursos procedentes da UE.
Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a demandar ao Goberno de España a achega dunha porcentaxe significativa de investimentos públicos do PERTE “Nova Economía da Lingua” para o desenvolvemento de propostas que teñan a lingua galega como elemento fundamental no proceso de transformación dixital da sociedade, con especial atención aquelas iniciativas que estean centradas na aplicación da Intelixencia Artificial, como é o caso do Proxecto Nós, e outras que poidan desenvolverse”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-003120