Iniciativa sobre a elaboración da nova Estratexia galega de acción voluntaria
O altruísmo e a solidariedade son valores arraigados na sociedade galega. O preocuparse polos demais, ofrecer de forma xenerosa a axuda a quen o necesita, implicarse persoalmente nos problemas comúns, son actitudes que contribúen a transformar a comunidade na que vivimos.
A acción voluntaria xurde, polo tanto, como o esforzo por contribuír a temas de interese xeral de forma coordinada a través de Entidades de Acción Voluntaria.
Neste senso, Galicia conta cun sólido percorrido no traballo de promoción desta acción voluntaria, que desenvolveu desde o ano 2002, cando se aprobou o I Plan do Voluntariado de Galicia (2002-2005), o cal permitiu poñer en valor un gran número de iniciativas de voluntariado que a sociedade galega levaba a cabo.
A tarefa tivo continuidade co II Plan Galego do Voluntariado (2006-2010), que, ademais, consolidou a madurez da acción voluntaria das Entidades de Acción Voluntaria e das Administracións Públicas.
Até o ano 2014 estivo vixente o III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014), cuxo principal resultado foi camiñar cara unha estratexia común de planificación e coordinación da acción voluntaria en Galicia.
No ano 2015 avaliouse o III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014) e elaborouse a Estratexia de Acción Voluntaria 2016-2018, que contou coa participación das entidades de acción voluntaria rexistradas, as institucións educativas, o mundo empresarial e o sector público.
Con esta Estratexia de Acción Voluntaria 2016-2018, prorrogada ata a actualidade, o Goberno galego pretendeu continuar a desenvolver o traballo realizado nos Plans anteriores.
A nova realidade xurdida por mor da pandemia da Covid-19 demóstranos que é importante seguir promovendo e recoñecendo as actividades e o labor que as persoas voluntarias e as entidades achegan á sociedade, contribuíndo á súa transformación e influíndo no desenvolvemento comunitario.
Todo isto fai necesario contar cunha nova Estratexia adaptada á realidade, que permita seguir reivindicando e promovendo o espírito voluntario.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a adoptar os trámites necesarios para a iniciar a elaboración da Nova Estratexia Galega de Acción Voluntaria para os vindeiros anos que dea resposta aos novos retos do futuro”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002216