O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada por BNG nin PSdeG, a través da que se insta á Xunta a promocionar a gandaría galega a través do fomento de exposicións e concursos de gando coa habilitación dunha liña de axudas para a súa materialización.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, avogou por “fortalecer a visibilidade e o orgullo do noso rural, e para iso as exposicións e concursos de gando son ferramentas tan valiosas como calquera tecnoloxía punteira”. “Estes eventos permiten non só mostrar a calidade das nosas razas, senón tamén mellorar a rendibilidade das explotacións, modernizar o sector en ámbitos como a xenética ou a sanidade, e formar ás novas xeracións de gandeiros e gandeiras”, indicou.
ESPAZOS DE ENCONTRO, FORMACIÓN E DIVULGACIÓN
“Estes eventos non son só un escaparate, senón espazos de encontro, de formación, de divulgación e de relevo xeracional”, manifestou Miguel Viso, quen engadiu que “son ocasións para compartir coñecemento, para aprender boas prácticas, para poñer en valor a excelencia do noso gando autóctono, para establecer contactos comerciais e, sobre todo, para dignificar o traballo do gandeiro”.
Nos dous últimos anos, a Xunta financiou a celebración de 13 certames en 9 concellos galegos, para os que destinou preto de 80.000 euros. A convocatoria para o presente ano 2025 conta cunha partida de 150.000 euros para apoiar a estes eventos en réxime de concorrencia non competitiva. Por primeira vez, estas axudas están abertas tamén ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro, alén dos concellos, para ampliar a rede de certames en todo o territorio galego, así como a asociacións de criadores e a certames cabalares.