Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Axencia Galega de Infraestruturas xestionará entre 2016 e 2017 un orzamento de case 500 millóns de euros para conservar, mellorar e ampliar a rede viaria autonómica; “o que supón –aseverou- un 6% máis que nos dous anos anteriores”.
Feijóo lembrou que a Axencia Galega de Infraestruturas concreta a súa actuación en catro grandes obxectivos estratéxicos: exercitar as competencias de planificación e programación en materia de estradas; optimizar a construción de novas infraestruturas viarias e a mellora das existentes; garantir a seguridade no transporte, mellorando as condicións das infraestruturas e dos usuarios; e mellorar o funcionamento e a calidade dos servizos da axencia. E, nese marco, subliñou que a axencia levará a cabo entre 2016 e 2017 varios programas e varias liñas de traballo.
Nun primeiro termo, o mandatario referiuse ao Plan de reforzo de firmes que este ano suporá un investimento de máis de 23 millóns de euros, “e que permitirá o arranxo de 570 quilómetros de estradas, neste 2016”. E precisou, ademais, que na liña de mellora da seguridade viaria e ampliación da rede de estradas investiranse 36 millóns de euros neste 2016, tendo xa 39 proxectos licitados.
No tocante ao Plan de sendas, Feijóo subliñou que esta iniciativa prevé executar 170 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas seguros, recollendo na primeira fase 55 sendas en sete comarcas galegas.
Sobre a execución de novas estradas, o presidente resaltou que actualmente están en construción obras que supoñen un investimento de 266 millóns de euros, tales como: a finalización da autovía da Costa da Morte; o acceso ao porto de Burela, “que esperamos rematalo este mesmo ano”; o tramo Celeiro-San Cibrao da vía de alta capacidade do norte; “e estamos apurando os treitos un e dous do Corredor do Morrazo, e posteriormente faremos o tres”.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/28Tq8OBUzgY» frameborder=»0″ allowfullscreen ]