Santiago, 24 de agosto de 2020.- Alberto Núñez Feijóo aceptou esta mañá a encomenda do Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para ser o candidato á Presidencia da Xunta de Galicia e afrontar a sesión de investidura os días 1 e 3 de setembro. “Intentarei responder á confianza que me depositaron os cidadáns, porque nesta lexislatura ímonos centrar máis que nunca na saúde, para que esta pandemia sanitaria non se converta nunha pandemia económica e social”, sinalou.
O Presidente do Parlamento realizou esta mañá a rolda de consultas cos portavoces dos tres grupos parlamentarios para coñecer as súas propostas para a Presidencia da Xunta de Galicia. Á saída da súa reunión, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou que Feijóo “é a mellor opción para as actuais circunstancias”.
ESPECIALMENTE RESPONSABLES
“O respaldo democrático obtido nas eleccións galegas fainos especialmente responsables pola extraordinaria dificultade dunha situación á que teremos que facer fronte, tanto desde o punto de vista sanitario como polo condicionamento que esta situación conleva na economía e na vida social e a política”, sinalou.
Puy manifestou que a vindeira lexislatura “ven marcada pola loita contra a Covid-19, a procura dunha recuperación económica e que os cidadáns volvamos ás actividades normais”, polo que pediu “responsabilidade á oposición, logo de que durante a campaña electoral amosara unha predisposición aos grandes acordos que esperamos manteña no inicio da lexislatura”.
MOMENTO CLAVE
Posteriormente, o Presidente do Parlamento galego reuniuse con Alberto Núñez Feijóo para trasladarlle que conta co apoio da maioría dos deputados do Parlamento galego e, polo tanto, a súa candidatura a Presidente da Xunta.
“É a cuarta vez que me someto a unha sesión de investidura, nun momento clave na miña vida persoal e política, especial porque sei perfectamente que non é moi común poder afrontar un cuarto mandato, moito menos de forma consecutiva e moito menos aínda incrementando os apoios dos cidadáns”, subliñou.
Feijóo felicitou a Miguel Santalices pola súa elección como Presidente do Parlamento “por unha amplísima maioría e o recoñecemento expreso dos demais grupos parlamentarios que non se amosaron en contra de que presidira a Cámara galega”.
FINALIZAR SEN MÁSCARA
Na súa intervención, amosouse “consciente de que esta cuarta lexislatura, xunto coa primeira entre o 2009 e 2012, son as dúas lexislaturas máis difíciles para un presidente dunha comunidade autónoma”. “A primeira foi durísima desde o punto de vista económico por unha crise na que se estivo a punto de pedir a intervención da economía de España; pero esta cuarta lexislatura comeza con mascara e queremos finalizala sen esa máscara que imposibilita falar das cuestións que tiñamos previsto hai poucos meses”, dixo.
Deste xeito, cualificou esta lexislatura como “dificilísima”, pero afirmou que “podemos aportar estabilidade, fiabilidade e solidez ao goberno”. “Temos persoas que coñecen Galicia, temos experiencia de goberno en momentos de crises e en situacións de melloría económica, polo que podemos aportar estabilidade nas institucións, no goberno e nas propostas sanitarias, económicas e sociais”, asegurou.
“Espero poder ofertar un debate construtivo”, avanzou o candidato, que anotou que “imos intentar que tanto o grupo parlamentario do PPdeG, do BNG como o do PSdeG poidamos traballar xuntos por unha Galicia que sexa capaz de facer fronte á pandemia e evite os profundos efectos na economía e no ámbito social que está tendo a Covid-19”.