29, marzo, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que os votos sen escano pola división nas urnas só favorecen a Pedro Sánchez e aos seus socios: “A maioría que preferimos un goberno presidido polo Partido Popular que por Pedro Sánchez con Podemos e cos independentistas non podemos permitirnos votos sen escano”. Así, avogou por non dispersar os esforzos e en unir o voto no PP: “O que queira un Goberno do PP que vote ao PP; o que queira un Goberno de Pedro Sánchez que vote a calquera”.
Durante a presentación dos candidatos ao Congreso e ao Senado pola provincia da Coruña, á que asistiron 600 persoas, Feijóo apuntou que é imprescindible unirse o 28 de abril para acadar o obxectivo común que ten a maioría de galegos e de españois: un goberno que respecte Galicia, que fale das familias, dos parados e dos maiores, e que goberne. E é que tal e como sinalou, aínda que hai máis xente que prefire un goberno de Pablo Casado que de Pedro Sánchez, esa maioría de votos podería ser unha minoría de escanos pola división do voto en tres partidos. “Coa división do voto só lle saen as contas a Pedro Sánchez e, por iso, está encantado co Vox e Ciudadanos”, indicou.
PEDRO SÁNCHEZ, PREXUDICIAL PARA GALICIA
Para Feijóo, non se pode permitir prolongar nin un minuto máis de frivolidade e de irresponsabilidade; nin dun presidente prexudicial para a nosa Comunidade. Neste punto, recordou a situación dos traballadores de Alcoa e do sector electrointensivo, que seguen cos seus empregos no limbo, e dos traballadores de Ence e do sector da madeira, que corren o risco de perder o seu emprego. E tamén se referiu ás trabas para que Galicia invista o superávit: “Escusas, escusas e máis escusas para gastar o que é noso”.
O líder do PPdeG sinalou tamén que España non pode entregar a súa economía a Pablo Iglesias nin estar en mans dos que queren que lle vaia mal e dos que, como Pedro Sánchez, lles importa máis el mesmo que o país.
O PP, PARTIDO CON PROPOSTAS
Para Feijóo, non se trata de que goberne o que grite máis, senón de que goberne o que xestiona mellor. Fixo fincapé en que, fronte ao presidente do Goberno, que se dedica a alimentar o seu propio ego; aos nacionalistas, que só pensan no que lle van pedir a Pedro Sánchez; a Podemos, que esixe ministerios; a Ciudadanos, que pide ministerios ao PP; e a Vox, que reivindican o uso das armas; está o Partido Popular, o único que presenta propostas e que defende os intereses de Galicia.