Santiago, 10 de marzo de 2016.- O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello aprobou o Plan de sendas de Galicia, que concreta a construción de 170 quilómetros de itinerarios seguros e integrados, desde o punto de vista dos materiais a utilizar, na paisaxe.
Como sinalou o mandatario, estas vanse construír na marxe das estradas de titularidade autonómica. Para decidir a prioridade de cada actuación, a Xunta seguirá criterios de poboación, tráfico, sinistralidade, orografía e clima.
Deste xeito, Feijóo engadiu que, nunha primeira fase, executaranse 55 sendas que discorren por máis de 75 quilómetros en sete comarcas: Bergantiños, Santiago, Salnés, A Coruña, Ferrol, A Terra Cha e Vigo.
Ademais, o Goberno galego xa está a traballar nunha segunda fase, que se estenderá ás comarcas de Lugo, Ourense, Pontevedra e O Morrazo.
Segundo explicou o presidente, en cada unha destas comarcas identificáronse aqueles treitos da Rede Autonómica de Estradas que teñen un maior potencial para que os peóns e ciclistas se despracen por eles de xeito cotián.
Do mesmo xeito, Feijóo subliñou que as sendas estarán deseñadas de xeito que perduren, se integren na paisaxe e sexan seguras. Así, contarán co pavimento integrado, bordo con sinalización, separador verde e a gabia de seguridade.
Por outra banda, destacou que se contemplan catro tipos de sendas: a completa, onde se dispón de maior espazo e a zona de peóns e o carril para bicicletas será segregado; a mixta, compartida para peóns e ciclistas; a mixta con bordo, na que a gabia de seguridade se substitúe por bordo e canalización de pluviais; e a senda mínima, onde se manteñen como elementos de identidade o pavimento integrado e o bordo con sinalización.
Logo de asegurar que a Xunta vai investir na construción destas 55 sendas da primeira fase do Plan 26,3 millóns de euros, Feijóo destacou que se trata dunha iniciativa que se enmarca no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 aprobado o pasado mes de febreiro e que se aliña no Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia no eido da promoción dunha economía baixa en carbono e fomento da mobilidade sustentable.
Segundo subliñou, o Plan de sendas é outra medida para facer de Galicia un mellor lugar para vivir, e para mellorar a calidade de vida dos galegos e que, neste caso, tamén reforza o compromiso do Goberno galego coa mobilidade sustentable.