Santiago, 31 de marzo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a licitación do proxecto básico e de execución da nova estación intermodal da Coruña, que terá “un período de entrega de doce meses”. Este contrato terá un importe de 600.000 euros, que será aboado integramente polo Goberno autonómico, “aínda que as actuacións van ser cofinanciadas polo Concello”.
Trátase da cuarta intermodal que a Xunta está a fomentar en Galicia, dentro do esforzo por “facer que os autobuses e os trens cheguen ao mesmo sitio e desde alí parta o transporte público ás principais arterias da comunidade autónoma”, segundo dixo Feijóo. O proxecto construtivo da estación intermodal de Vigo xa está a ser redactado, mentres que nos casos de Ourense e Santiago este acaba de licitarse. Tal e como recordou o presidente, a Xunta ten consignados 34,4 millóns de euros, en parte procedentes de fondos europeos, para o fomento da intermodalidade.
A nova estación intermodal da Coruña vaise situar onde está agora mesmo a estación do tren de San Cristóbal e elevarase en altura ata a cota da avenida da Sardiñeira. O edificio terá tres plantas: na baixa estarán os aparcadoiros e a plataforma ferroviaria; na primeira, trinta dársenas para autobuses interurbanos e, á altura da devandita avenida, unha praza pública e cinco dársenas para autobuses metropolitanos e 1.000 metros cadrados que se reservan para servizos varios.
Proxecto a tres bandas
“Calculamos que a execución do edificio terá un custo de entre 17 e 18 millóns de euros —explicou o presidente—, dos cales a Xunta de Galicia pon 10 millóns e o Concello da Coruña os outros 7 ou 8, destinados a urbanizar a praza e facer os aparcadoiros”. A esta cifra habería que sumar o custo dos accesos, que corresponde executar ao Concello.
Por último, a ADIF corresponderíalle redactar os proxectos das obras da estación ferroviaria, executalas e financialas, así como ceder os terreos necesarios para que se execute a nova estación. “Deste xeito, finalizamos a licitación dos proxectos construtivos de todas as estacións intermodais”, concluíu Feijóo.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/aYZAGTOW56Q» frameborder=»0″ allowfullscreen ]