Santiago, 14 de xullo de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que os galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia son Manuel Gallego Jorreto, Francisco Leiro Lois, Basilio Losada Castro e o grupo Los Suaves. Así o acordou o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá, que aprobou o decreto polo que se concede esta distinción.
A Medalla de Ouro de Galicia, que lles será entregada aos premiados nun acto solemne que se celebrará o vindeiro 24 de xullo é, segundo Feijóo, “o máximo recoñecemento que Galicia lle fai a exemplos a seguir”. “Un agradecemento en forma de medalla a aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra a nosa terra e fai unha mellor Galicia”, dixo.
Comezou a traballar no estudio de Alejandro de la Sota, logo de completar a súa formación en Noruega. Tamén exerceu como profesor no Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismos da Universidade da Coruña durante máis de 20 anos.
Aínda que traballou en vivendas privadas, os edificios máis recoñecidos están dentro das obras promovidas polas administracións públicas: o Concello de Forcarei, o Mercado de Santa Lucía (A Coruña), a Casa da Cultura de Chantada, o Centro de Saúde de Viveiro, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Complexo da Xunta en Monte Pío.
Feijóo tamén salientou a súa actividade para promocionar a nosa cultura, posto que foi membro fundador do Museo do Pobo Galego en 1976, así como membro do Seminario de Estudios Galegos e da Fundación Luis Seoane.
Gallego Jorreto ten numerosos recoñecementos, entre os que destaca o Premio Nacional de Arquitectura, a Medalla Castelao ou a Medalla de Ouro de Arquitectura.
En palabras do presidente, “hoxe é unha das principais referencias da escultura galega” e conta cunha prolífica obra nesa disciplina e tamén como pintor.
Representou a España en 1985 na Bienal de São Paulo, e desde 1986 expuxo regularmente en ARCO (Madrid), en Italia e Francia ou tamén en Nova York, nalgunhas das galerías máis prestixiosas da arte contemporánea.
Moitas das súas obras son iconas recoñecidas dalgunhas cidades galegas e españolas, como: a figura dun animal fantástico coñecido como Sireno, na Porta do Sol de Vigo, a Homenaxe a Castelao, na Alameda de Santiago de Compostela, a Batea ou “Saavedra” sobre o río Lérez no Parque da Illa das Esculturas de Pontevedra, o Astronauta, Valdemoro (Madrid), Vértigo, na autovía M50 de Madrid e Simeón sentado, Madrid (2007).
Feijóo lembrou que Leiro “converteu as súas xigantescas esculturas en ferro e madeira nunha das iconas máis recoñecibles da arte galega en todo o mundo”.
Emigrante en Cataluña desde moi novo, despois de diversos oficios vinculados ao mundo editorial, comezou a exercer a ensinanza universitaria, onde se converteu nos anos 60 e 70 en referencia da cultura galega en Cataluña, indicou o presidente.
É autor de numerosos estudos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, e ten traducido 150 libros en sete linguas.
A dimensión literaria da súa obra destaca nos seus traballos de Antoloxía e Escolma de poesía galega, publicados en edicións bilingües fóra de Galicia e que constitúen valiosas referencias da poesía galega.
En 1991 recibiu o Premio Nacional de tradución por Memorial do convento, de José Saramago. Recibiu ademais la Creu de Sant Jordi, da Generalitat de Cataluña; la Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués; la Ordem do Cruzeiro do Sul, de Brasil; a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo.
Xubilouse como catedrático no ano 2000, aínda que segue a impartir clases e tamén escribindo: aos setenta anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela La peregrina.
No ano 2015 a Real Academia Galega acorda nomealo Académico de Honra.
Formada inicialmente polos irmáns Yosi, Charly e Javier Domínguez nos anos oitenta, comezaron os seus primeiros acordes no rock máis urbano. Posteriormente, o son comezou a verse paulatinamente máis influenciado do heavy metal.
Tendo actuado xunto a grupos como Los Ramones ou The Rolling Stones, asentáronse como unha das bandas máis consolidadas da escena do rock español chegando a vender máis de dous millóns de discos.
Segundo dixo, “as súas letras e o seu estilo inconfundible teñen feito de Los Suaves un grupo mítico en Galicia e en España”, e por iso, pechan os galardoados coas Medallas de Ouro de Galicia deste ano.