O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse a seguir defendendo as familias, o futuro e a dignidade das Pontes: “Eu invito a que, o próximo 12 de xullo, As Pontes faga un esforzo e vote por ningún partido, senón polas Pontes”.
Para o líder dos populares galegos, a decisión do Goberno central de pechar a central térmica é “exclusivamente ideolóxica”: “Non imos aceptar esta decisión, porque é mala para España e porque é absolutamente inxusta e demagóxica”, incidiu Feijóo, quen fixo fincapé en que “ten todos os ingredientes dun engano”.
Tras salientar que se trata dunha central imprescindible para España, o presidente dos populares galegos fixo fincapé en que non vai pedir perdón por seguir defendendo os postos de traballo na comarca nin vai calar ante “unha decisión parcial e inxusta”. Neste punto, lamentou que se intente enganar aos traballadores e aos veciños.
ATAQUE A FERROLTERRA
Feijóo apuntou que o peche da central das Pontes “non é unha excepción”, senón que o Goberno central coas súas decisións políticas está a estrangular á industria galega. E é que, sumado a isto, está o peche de Alcoa, a falta de actividade en Navantia ou as políticas forestais e de costas, que poñen en perigo miles de traballos en Ence, nas conserveiras, depuradoras e empresas frigoríficas en Galicia.
Neste senso e durante un mitin nas Pontes, lembrou que Ferrol segue agardando polas fragatas e que, desde 2018, están sen investir 750 millóns de euros.
Así, garantiu que non será “cómplice” do peche de todas estas industrias, que achegaron miles de postos de traballo á nosa Comunidade e a España durante décadas.
Para rematar, pediu o voto para o PPdeG, o único partido que non ten máis obxectivo que acertar e que non busca a confrontación na sociedade. Un voto, engadiu, para a unidade e a defensa de Galicia.