A Coruña, 3 de outubro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o seu obxectivo é que a vitoria nas pasadas eleccións autonómicas sexa realmente a de todo un país ao longo dos próximos catro anos cun goberno para todos.
O líder dos populares galegos, que presidiu a Xunta Directiva Provincial de A Coruña, engadiu que os resultados do domingo 25 non son os dun candidato senón que os obtivo todo o partido así como que a clave non está só nunha campaña nin só no traballo dos últimos días.
“As vitorias búscanse e trabállanse desde o primeiro día da lexislatura e cada día”, expresaba Feijóo sinalando que non sería posible se non houbera detrás o traballo serio dun goberno ao longo destes catro anos nin se o partido non decidira poñerse a punto despois dos pasados comicios municipais.
Por este motivo, pediu ao seu partido poñerse a traballar desde xa para o 2019 co obxectivo de recuperar así a confianza perdida nas cidades nas pasadas eleccións municipais de 2015.
Feijóo tamén apuntou que, trala vitoria en autonómicas, os populares devolverán a confianza que os galegos puxeron neles cumprindo co seu deber e facéndose merecedores desa confianza. Dese xeito, admitía que os galegos van ter un goberno do que poden fiarse xa que deron unha maioría estable para dar estabilidade a este país.
Tal e como indicou, esa estabilidade será a de Galicia pero o PPdeG tamén lla dará aos concellos. Nese sentido, afirmou que teñen que comezar procesos similares aos que fixeron a nivel autonómico para reconectar coa sociedade e para ser unha alternativa sólida, cun proxecto de maiorías e liderados consolidados.
UN PARTIDO ACTIVO QUE DI A VERDADE
“O que temos que facer é poñernos a traballar xa nas seguintes citas electorais”, dixo namentres explicaba que “iso faise desde as nosas responsabilidades públicas, cumprindo o noso deber, e iso faise cun partido activado e activo. Por tanto, eu quero pedirvos que o partido se manteña en movemento”.
Así mesmo, incidiu en que a súa formación non só ten que buscar o apoio nas eleccións senón que tamén ten que ter permanentemente as súas portas abertas á sociedade galega. “Somos o partido que máis se parece a Galicia pero é que queremos ser o partido que máis se parece a Galicia porque nos sentimos orgullosos do que Galicia é, sente e fai”, manifestou.
Por outra banda, Feijóo lembrou que lles tocou xestionar os momentos máis difíciles da nosa historia e que foron de fronte, dicíndolle aos galegos a verdade, a realidade tan difícil que tiñamos por diante, algo que tamén fixeron na campaña.
SER A EXCEPCIÓN
Na súa intervención, Feijóo recordou que nestas eleccións aspiraban a unha excepción, buscando un resultado excepcional e crendo no que defendían. “Logramos ese resultado excepcional. Somos a única comunidade autónoma na que hoxe hai unha maioría estable”, subliñou.
Ademais, propuxo que o seu partido sexa o da mocidade galega compartindo cos mozos unha serie de principios que da posibilidades para ser os seus referentes: o sentir galeguista, o reformismo, o respecto e a defensa da liberdade. Igualmente, o líder do PPdeG apuntou tamén que cre que o poden acadar con políticas e facendo política, cun goberno que será o que máis apoie á xuventude.
“Nestas eleccións derrubamos prexuízos e por iso puidemos acadar obxectivos que doutro xeito terían sido imposibles acadar”, precisaba o presidente incidindo en que o partido ten que seguir nesta liña.
“Somos un partido que, por riba de todo, cre en Galicia e nos galegos e iso é mellor xeito de mostrar que cremos na igualdade de oportunidades, na convivencia e no progreso”, recalcou.