Di que nos enfrontamos a un populismo que quere dividirnos e que non ten máis plantexamento que o “poder polo poder”
Feijóo pide o voto dos socialistas que non atoparon no seu partido un compromiso claro coa moderación porque esa garantía a teñen no PP
• Indica que os partidos responsables do bloqueo que vive o país continúan vetando nesta campaña, sen aprender nada do acontecido nestes últimos seis meses
• “Cando un partido non acepta os resultados das urnas, é un partido que está reñido cos cidadáns”, asegura
Vigo, 22 de xuño de 2016.– O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o apoio dos votantes socialistas que non atoparon no seu partido un compromiso claro coa moderación, xa que esa é unha garantía que só teñen no PP.
Nun mitin celebrado hoxe en Vigo no que contou coa compañía da candidata ao Congreso, Ana Pastor, e do presidente provincial, Alfonso Rueda; o dirixente aseguroulles a todos aqueles que votaron ao PSOE pero que non queren que Podemos “lles dea leccións”, que teñen a opción de unirse aos populares.
Do mesmo xeito, tamén sinalou que hai moita xente que nestes seis meses non atopou o que buscaba en Ciudadanos senón todo o contrario, coa incerteza de que o seu voto non se traduza nun escano para esta formación pero si se poida converter nun escano para Podemos. Para todos eles, tamén admitiu que teñen unha vía segura co voto aos populares
ACABAR CO BLOQUEO
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que hai que acabar co bloqueo, co veto e cos sectarismos. “Pedimos un voto a favor de seguir construíndo”, engadiu.
O presidente recoñeceu que agora nos enfrontamos a un populismo que quere dividirnos e que non ten máis plantexamento que o “poder polo poder”. “Enfrontámonos ante uns revanchistas que o que queren é dividir aquilo que leva xunto 500 anos”, dixo.
En contra disto, salientou que a política consiste en cumprir cos compromisos, facendo fincapé en que os populares non teñen máis interese que resolver os problemas daqueles que pasan por dificultades, como levan facendo nos últimos anos.
“Acabáronse os bandos”, admitía explicando que non podemos permitir que haxa quen veña rematar con todo o que construímos nos últimos 40 anos. “Somos galegos e españois e por iso queremos seguir traballando xuntos”, apuntou.
Así mesmo, Feijóo aseverou que os partidos responsables do bloqueo que vive o país continúan vetando durante esta campaña, sen aprender nada do acontecido nestes últimos seis meses. Por este motivo, pediulles que sexan demócratas e que acepten o resultado das urnas.
FACILITAR O GOBERNO
Nese sentido, si asegurou que o PP se compromete a que, se hai outra formación con máis escanos, facilitarán que poida formar goberno. Por este motivo, incidiu na necesidade de que o PSOE e Ciudadanos aclaren o qué farán despois destas eleccións e se permitirán gobernar aos que decida a cidadanía.
“Non queremos que esta campaña volva a non servir para nada e que se rían de nós porque non lles gusta o resultado”, afirmaba Feijóo ao tempo que mantiña que, cando un partido non acepta os resultados das urnas, é un partido que está reñido cos cidadáns.
Para concluír, Feijóo tamén puxo en valor a actitude de Mariano Rajoy. “É un señor, un señor que non insulta, non lle falta o respecto a ninguén e que non é un sectarista”, precisaba indicando que o candidato popular á Moncloa si sabe o que significa “ser, estar e vivir en Galicia”.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/G0Rck9NZNEw» frameborder=»0″ allowfullscreen ]