O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe que “nada está decidido nestas eleccións” e pediu o voto por unha Xunta de Galicia con capacidade de xestión e decisión ante as incertezas sanitarias e económicas que hai por diante. Así mesmo, lembrou que o virus da Covid-19 segue existindo e seguirá presente por todo o mundo ata que haxa unha vacina, polo que considerou importante continuar aplicando a responsabilidade e cumprindo con todas as normas e precaucións hixiénicas e sociais.
Feijóo afirmou que este domingo eliximos entre dúas opcións: unha Xunta con capacidade para gobernar nas dificultades, ou un multipartito; entre respostas coordinadas dunha administración experimentada ou a desorganización de dez partidos; e entre a responsabilidade na xestión ou a irresponsabilidade ata nas declaracións públicas: “Son tempos que requiren de confianza, xestión e certezas”.
EXPERIENCIA, ESTABILIDADE E RESPOSTAS
Por este motivo, pediu o voto por un Goberno que só estea ao que hai que estar, con experiencia acreditada para responder en momentos difíciles no ámbito sanitario e no da xestión económica, e que ofreza estabilidade e respostas ante un futuro con dúbidas en todos os ámbitos. En concreto, referiuse á sanidade, porque o coronavirus segue a ser unha ameaza para todos; e á economía, onde todos os indicadores sitúan á España á cola de todas as súas previsións.
“Non deamos nada por feito porque nada está feito, e a abstención é un voto directo ao multipartito”, manifestou o presidente do PPdeG. E insistiu que, neste momento no que hai que enfrontarse ás consecuencias económicas, laborais e sociais da pandemia sanitaria, non hai marxe para improvisar nin tempo que perder.
Segundo dixo, Galicia, que deu unha resposta exemplar nos peores momentos da pandemia, tamén está preparada para dar respostas inmediatas porque hai máis experiencia e hai unha Sanidade pública máis equipada que nunca. Neste senso, aproveitou para facer unha “chamada á prudencia”, especialmente aos máis mozos.
O AVAL DOS FEITOS
Así, Feijóo pediu o voto co aval do feito nos últimos 11 anos, tras os que se acadou unha Galicia estable, solvente e unida. Por iso, pediu a confianza no PPdeG para garantir “estabilidade, programa e un goberno que goberne”, e que teña como único obxectivo acertar e resolver os problemas.
Para rematar, destacou os investimentos feitos en Ferrol, tales como un centro de día en Esteiro e Caranza, dúas novas escolas infantís, o incremento nas axudas para dependencia e o saneamento integral da ría. E, tamén, a reforma e ampliación do Hospital Arquitecto Marcide e a reforma do Hospital Naval.