11, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo unir o voto porque as candidaturas do PP en Galicia son a única alternativa con posibilidades ante PSOE, populistas e nacionalistas.
Recordou a decepción que sentiron dez millóns de españois tras ver que coa división do voto Pedro Sánchez volveu ser presidente do Goberno. Por iso, para non repetir a mesma decepción a noite electoral do 26 de maio, apostou por unir o voto os votantes do PP, de Ciudadanos e votantes moderados doutros partidos para así poder gobernar os máis de 8.000 concellos de España.
Do mesmo xeito, avogou por esa unión nas urnas para obter gobernos centrados no futuro e útiles para os veciños. E é que, tal e como incidiu, estando xuntos, foille mellor a España, vaille mellor a Galicia e iralle mellor aos concellos, ás cidades e a esta comarca. Neste senso, fixo fincapé que se nas pasadas eleccións xerais non se dividira o voto do centro e da dereita, hoxe en España habería outro goberno: “Cada vez que dividimos o voto convertemos un goberno en desgoberno”.
Feijóo apuntou que, aínda que Pedro Sánchez non dirá con quen vai gobernar ata despois das eleccións municipais, si se sabe que pacta sempre que pode con nacionalistas, independentistas e populistas, os seus socios no Goberno de España e nas cidades. Segundo Feijóo, o PP conta cun proxecto amplo, que defende a unidade de España ao tempo que quere a Galicia e aos concellos, e que vela polos intereses de Galicia na Unión Europea, en eidos como o sector primario ou o problema demográfico. Neste senso, sostivo que o voto ao PP nas Europeas é para que as prioridades de Galicia estean na axenda do Parlamento Europeo.
“VERÍN MERECE SER DE PRIMEIRA DIVISIÓN”
“Verín merece ser unha vila de primeira división”, remarcou Feijóo, quen engadiu que o bipartito actual non ten “nin balance nin proxectos nin feitos”. Así, pediu o voto útil para que Verín funcione e volva capitanear esta comarca.
Agradeceu a entrega e o compromiso de Juan Jiménez Morán, tanto na súa etapa na Alcaldía como estes anos na oposición. E é que, tal e como incidiu, tras deixar un concello cheo de proxectos, o municipio está agora de capa caída.