Di que a nosa Autonomía abordou esta reforma desde a lealdade, o espírito construtivo e o consenso, sendo firme na defensa dos intereses dos galegos
O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reclamou ao Executivo central unha proposta “completa e non por fascículos” sobre financiamento autonómico, así como unha negociación real coas Comunidades en lugar dun “teatrillo”. “Queremos un diálogo entre todos, non unha política de media luz e reservados do Goberno”, manifestou explicando que o obxectivo non debe ser fortalecer a Pedro Sánchez, senón os servizos públicos.
O dirixente popular recalcou que o debate sobre a reforma do sistema de financiamento autonómico é un dos máis importantes aos que nos enfrontaremos como país, por iso Galicia sempre apostou por abordalo desde a lealdade, o espírito construtivo e a vontade de consenso.
Máis polo miúdo, sinalou que a Comunidade sabe que forma parte dun Estado no que debe darse un debate transparente, presentou sempre propostas concretas por diante e conseguiu poñer de acordo a oito Autonomías con presidentes de tres partidos diferentes para facer aportacións útiles ao conxunto do sistema. Así, desde a lexitimidade de ter sido leais, construtivos e ter buscado o consenso, aseverou que “seremos firmes na defensa dos intereses de Galicia”.
O presidente tamén se referiu á proposta inicial do Goberno, na que se tentaba que pesara menos a dispersión. Nese senso, asegurou que a nosa Comunidade non só non aceptará que se baixe esta partida -contamos coa metade dos núcleos de poboación de toda España- senón que loitará porque esta se incremente.
Por isto iso, pediu aos socialistas galegos que non sexan submisos ao PSOE neste asunto mentres solicitaba ao BNG non aceptar as demandas doutros nacionalismos ou independentismos. Se aínda así os partidos da oposición seguen apostando por un modelo que non convén á nosa Comunidade, remarcou que o PPdeG seguirá exercendo unha política que mellore a nosa terra.
UN PARTIDO CON RAÍCES E CON SEMENTE
Na súa intervención no Comité Executivo dos populares galegos, Feijóo fixo fincapé na importancia das raíces da súa organización, que non se poden finxir ou mercar. Deste modo, marcou distancias coas formacións que queren transformar Galicia para que esta se pareza a eles, coas que sempre escollen a Pedro Sánchez por riba da Comunidade e coas que din que queren ser coma o PP pero o único que fan é criticar aos populares.
Igualmente, reivindicou a “semente” do PPdeG e destacou o nomeamento de 20 afiliados de base que se suman á Xunta Directiva, dando testemuña dun partido aberto, aportando unha visión externa e complementaria e con diversas procedencias xeográficas, sociais e profesionais. Segundo apuntou, estas persoas son unha representación máis da Galicia real, que é a base social da súa formación.
OS TRUCOS DE SÁNCHEZ
Doutra banda, o presidente tamén afeou a “sorprendente” forma de xestionar a pandemia do Executivo de Pedro Sánchez, que emprega trucos parlamentarios impropios dun presidente do Goberno de España, e mencionou a maneira en que o socialista decidiu “colar” a prórroga das máscaras en exteriores no decreto de pensións. Deste xeito, óptase por non contar coas Comunidades para continuar con esta restrición, asistindo de novo a unha “cogobernanza fantasma e tramposa”.
Ao respecto, recordou que Galicia pediu o seu uso hai un mes e medio para dobregar a sexta onda, aclarando que sempre se dixo que debía ser temporal para volver á situación anterior, na que só era obrigatoria en ausencia de distancia.