O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que hai máis razóns para ir votar pola estabilidade de Galicia que hai catro anos. Así, durante un mitin en Vigo, incidiu na necesidade de garantir xestión con experiencia, unidade e un Goberno con capacidade para gobernar e para tomar as decisións que sexan necesarias.
“Se hai catro anos, Galicia preferiu estabilidade a un multipartito, agora, necesita a estabilidade do PPdeG, porque o que hai enfronte é un multipartito maior”, apuntou Feijóo, quen engadiu que os galegos saben que no PPdeG hai responsabilidade, xestión e decisións. E é que, tal e como indicou, é o único partido que confía no futuro de Galicia, por iso, garantiu “gobernar para todos os galegos sen excepción”.
UNHA LECCIÓN DE DEMOCRACIA
Avogou por unha Galicia que teña claras as súas prioridades -saúde, emprego, recuperación económica e benestar-, en lugar dunha na que os intereses cativos substitúan os intereses xerais. Así mesmo, dixo que quere ser o presidente de toda unha Galicia que avanza unida e dunha peza, e non dunha Comunidade partida e repartida en bloques de partidos como acontece en España.
O líder do PPdeG defendeu o entendemento, a moderación e a unidade, ante aqueles que prefiren os enfrontamentos, as posicións intransixentes e as divisións. Porén, pediu que o próximo domingo os galegos vaian votar para que gañe Galicia e a democracia, fronte os que alentan o medo para que non se vaia votar.
Neste punto, recordou que, nos anos de crise, a Comunidade deu unha lección de superación e volveu crear emprego; do mesmo xeito que, nestes meses de pandemia, deu unha lección de responsabilidade e solidariedade: “Eu vos pido que o domingo Galicia dea unha lección de democracia”.
UN GOBERNO QUE TRABALLA PARA TODOS
Tras remarcar que o futuro necesitará da implicación de todos, asegurou que o PPdeG continuará facendo unha política baseada en argumentos, xestión, responsabilidade, no cumprimento do deber e en dicir a verdade. E subliñou que a campaña do PPdeG non consiste en descualificacións nin en batallas partidistas nin en agrandar as diferenzas, senón en facer propostas, balance e en centrarse no que nos une.
Por iso, pediu o voto para un equipo que, desde o luns 13 de xullo, vai seguir traballando para todos. Un voto, engadiu, para a tranquilidade, porque votar ao PPdeG é garantía dun Goberno con seriedade e responsabilidade e que sabe cales son os obxectivos de Galicia: “Non temos máis compromiso que acertar”. “Pido o voto para construír e non destruír; para unir e non separar; para sumar e non restar”, finalizou o presidente do PPdeG.