Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, recibiron esta semana a visita dun grupo de mozos de Novas Xeracións no Parlamento Europeo, en Bruxelas, no marco da Youth Week do EPP, a semana da Mocidade do Partido Popular Europeo. No evento, cuxo obxectivo é achegar a institución europea á xuventude, tamén se reuniron co presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, onde os galegos lle trasladaron o apoio e a defensa dos ceutís dende Galicia. Os eurodeputados populares puxeron en valor á mocidade galega como “profundamente europeísta”.
“En Galicia contamos cunha mocidade que sabe que o seu futuro pasa tamén polo que se decide nas institucións da UE. Polo tanto, é unha satisfacción recibir esta delegación de NNXX Galicia na casa política de todos os europeos”, dixo Millán Mon. “Levo moitos anos sinalando a necesidade de que a mocidade se achegue ás Institucións Europeas”, engadiu o eurodeputado, ao mesmo tempo que destacou a “conveniencia de impartir nos centros educativos unha materia optativa sobre a Unión Europea, a súa orixe, funcionamento e obxectivos”.
Pola súa banda, Adrián Vázquez lembrou que Europa é parte do terreo onde os mozos de NNXX farán política. “É importante que coñezan Europa, que pisen Bruxelas e que se formen ben para entender como funciona a UE. Iso é o que viñeron a facer aquí esta semana e estamos plenamente comprometidos con iso”, dixo. Ademais, insistiu en que a mocidade galega está “moi preparada” e é “exemplo de que as novas xeracións veñen pisando forte e facendo as cousas ben”.
PREMIO Á MELLOR CAMPAÑA POLÍTICA
O programa Youth Week 2026 inclúe visita as diferentes salas do Parlamento Europeo e á Casa da Historia Europea, así como mesas redondas onde se abordan, entre outros temas, as visións dos mozos ante o benestar económico; o achegamento da xuventude á política ou o papel das redes sociais na política. O programa tamén conta cunha iniciativa para simular a creación dunha campaña política, onde cada grupo de mozos produce un vídeo de campaña sobre un tema de actualidade asignado. Ademais de entrega de trofeos e medallas ás mellores campañas, o proxecto tamén inclúe unha Declaración das principais prioridades dos mozos do PPE para clausurar as xornadas.
A delegación de Novas Xeracións do PPdeG que se atopa esta semana en Bruxelas está aproveitando encontros con personalidades do Parlamento Europeo como o eurodeputado alemán e presidente do Grupo PPE, Manfred Weber; a presidenta do Parlamento Europeo, a eurodeputada maltesa Roberta Metsola; a presidenta das Xuventudes do PPE (YEPP), a eurodeputada austríaca Sophia Kircher, ou a coordinadora da Rede de Xuventudes Membros do Grupo PPE, a eurodeputada búlgara Eva Maydell.