Santiago, 13 de decembro de 2016.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, reiterou hoxe que tanto o Goberno galego como o PPdeG seguirán demandando a transferencia á Xunta da AP-9. Deste xeito, apoiou demandar ao Goberno central que non obstaculice a tramitación da proposición de lei aprobada por unanimidade na Cámara galega a través da que se demanda a transferencia desta autoestrada.
Martín Fernández lembrou que o PPdeG “vén defendendo desde hai moitos anos que o mellor para Galicia é a transferencia da titularidade da AP-9 á Xunta, mantendo o mesmo posicionamento independentemente de que esteamos no Goberno ou na oposición, a diferenza doutros grupos políticos como PSOE ou BNG”. “É algo que está no noso programa electoral e polo que imos seguir traballando, sen enganar aos cidadáns nin facer demagoxia fácil coas peaxes”, dixo.
Neste sentido, amosouse convencido de que esta autoestrada “estaría mellor xestionada se se fixera desde Galicia porque estar preto da infraestrutura nos permite coñecer mellor as necesidades”, ao tempo que “consideramos que xuridicamente é posible e xa o dixemos nas alegacións ao Plan de Infraestruturas do Estado”.
COMISIÓN BILATERAL
Respecto do rescate polo Goberno central das radiais madrileñas, Fernández Prado explicou que “non son casos comparables coa transferencia da AP-9, xa que estamos a falar de situacións sobrevidas pola quebra das empresas concesionarias, atopándose en proceso concursal e, por sentenza xudicial, a Administración está obrigada a facer fronte á situación para garantir que sigan funcionando e prestando servizo aos cidadáns”.
Martín Fernández recordou que na entrevista que mantiveron o pasado 5 de decembro o Presidente da Xunta e o ministro de Fomento acordouse a creación dunha Comisión bilateral para compartir todas as decisións de xestión da AP-9, o que cualificou como “o maior avance para a consecución final desta transferencia”.
Ademais, apuntou que “as primeiras decisións de xestión que se compartirán serán a confirmación de que os accesos á Cidade da Cultura estarán nos presupostos de 2017 e de que as bonificacións das peaxes na Barcala e na ponte de Rande serán financiadas integramente pola Administración central, o que significa un aforro de seis millóns de euros anuais para a Xunta de Galicia”.