Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Consellería do Medio Rural para impulsar as agrupacións forestais de xestión conxunta e a figura do silvicultor activo, creadas ao abeiro da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e da Lei 11/2021, de recuperación da terra agraria de Galicia
En Galicia contamos con arredor de 11,1 millóns de parcelas catastrais catalogadas como rústicas pertencentes a 1,73 millóns de titulares, das que uns 8 millóns son forestais. Sen dúbida esta realidade leva parella unha dificultade na xestión eficiente e eficaz daqueles trámites administrativos directamente relacionados coas devanditas parcelas e titulares.
A Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia regula no seu artigo 122 e seguintes o réxime normativo de aplicación para as agrupacións forestais de xestión conxunta (AXFC), en particular o artigo 122 quater regula o seu recoñecemento e a inscrición no Rexistro administrativo de agrupacións forestais de xestión conxunta declarado no artigo 126 de dita norma.
Doutra banda a Lei 7/2012, en concreto no seu artigo 125 ter, recóllese o Rexistro voluntario de silvicultores/ as activos/as (SA), en concreto no artigo 125 ter, sobre o recoñecemento e inscrición no dito rexistro.
As agrupacións forestais de xestión conxunta así como as persoas silviculturas activas veñen de ser chamadas a xogar un papel fundamental no desenvolvemento do sector forestal de Galicia, ambas as dúas figuras atópanse incluídas nas directrices da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia, “Cara á neutralidade carbónica”, en concreto no Eixo III onde se recolle o fomento de fórmulas de mobilización de terras e fomento destas agrupacións.
Dende o Grupo Parlamentario Popular promoveuse a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, aprobada no mes de maio do 2021, co obxecto de levar a cabo a mobilización da terra produtiva, como impulso ao sector primario e ampliación da base territorial das explotacións.
O fomento da mobilidade das terras forestais en Galicia debe situarse no marco xeral da política de ordenación de usos e recuperación e posta en valor das terras agrarias. Dito fomento debe, de xeito prioritario, promover a dispoñibilidade dos terreos ás diferentes iniciativas de xestión conxunta dos terreos forestais, independentemente do grao de compromiso dos titulares forestais que as compoñan.
Para o beneficio do forestal galego, entendemos que resulta prioritario avanzar no desenvolvemento dos obxectivos do plan forestal mediante a posta en marcha de procedementos voluntarios para a activación da xestión forestal privada e a promoción e desenvolvemento dunha cultura de xestión conxunta a través das distintas figuras asociativas que contribúan á mobilización das terras infrautilizadas e á loita contra o abandono do rural.
Isto constitúe ademais un avance na dixitalización do sector forestal mellorando a eficiencia na tramitación administrativa das solicitudes.
A maior parte dos propietarios forestais particulares en Galicia dispoñen dun certo número de parcelas de dimensión insuficiente para aplicar unha xestión racional e profesionalizada. Segundo os datos rexistrados polo Sistema de información xeográfica de identificación de parcelas agrícolas ( Sigpac), Galicia alberga case 8 millóns de parcelas de uso forestal, preto da terceira parte (30 %) dos recintos de uso forestal de toda España: a superficie media por parcela de uso forestal de Galicia excede apenas dun cuarto de hectárea (0,28 hectáreas).
No caso do monte privado particular/familiar, o minifundismo favorece unha produtividade e rendibilidade unitaria pouco elevada, agravado pola carencia de pautas adecuadas de silvicultura, o que se acompaña dunha falta de capitalización, dificultade de comercialización de produtos forestais en calidade e cantidade e baixa competitividade.
Nesas circunstancias, o aproveitamento dos recursos forestais do monte galego efectúase moi por baixo das súas posibilidades como consecuencia da falta de xestión activa. A incidencia de incendios exerce un importante efecto disuasorio aos investimentos e traballos no monte, de modo que moitos propietarios optan por unha mera actividade recolectora ocasional mediante aproveitamentos de madeira, opción que non resulta aceptable no caso de formacións forestais de alto grao de combustibilidade.
As perspectivas para un futuro inmediato, cun proceso de envellecemento e despoboamento rural acelerados, indicarían graves dificultades por parte dos propietarios forestais incluso para coñecer a localización das súas leiras.
As ferramentas básicas con que se conta para modificar ese problema estrutural son as reestruturacións parcelarias, o fomento de fórmulas de xestión conxunta e a activación e dinamización da xestión forestal activa mediante o recoñecemento e fomento das agrupacións forestais de xestión conxunta e a concienciación de silvicultor no propietario galego de terreos forestais.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Consellería do Medio Rural a que impulse as agrupacións forestais de xestión conxunta e a figura do silvicultor activo creadas ao abeiro da Lei 7/2012 de Montes de Galicia e da Lei 11/2021 da recuperación da terra agraria de Galicia.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/6llpv28AsqpTSmeBhin0p-oKLKbBOJjSa6OL0-e3sN4=