Iniciativa sobre o impulso polo Goberno galego da aprobación do decreto do concerto social
A Constitución española, no seu artigo 148.1.20º, establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de asistencia social. En virtude disto, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, recolle a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asistencia social.
Esta competencia exclusiva desenvolveuse mediante a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que estrutura e regula como servizo público os servizos sociais de Galicia para a construción do Sistema Galego de Benestar.
Neste proceso de adaptación permanente a Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia introduce no título II o concerto social como forma de prestación de servizos sociais.
Desta forma o concerto social convértese nun instrumento innovador de financiación de programas e servizos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, idóneoa prestación duns servizos estables e de calidade para a cidadanía.
Esta figura do concerto social aparece como unha modalidade diferenciada do concerto xeral recollido na norma xeral de contratos do sector público. Con isto dótase a administración autonómica dun novo mecanismo que permite impulsar as súas relacións coas entidades prestadoras de servizos sociais e acadar unha maior seguridade xurídica nas actividades económicas deste sector. En definitiva, trátase dunha fórmula flexible cunha alta capacidade de adaptación ás necesidades que van xurdindo.
Os concertos sociais en Galicia teñen por obxecto a reserva e ocupación de prazas para uso exclusivo das persoas usuarias de servizos sociais ou dos colectivos vulnerables, a xestión integral de prestacións técnicas, tecnolóxicas, de servizos, programas ou centros.
Neste sentido, o pasado mes de xullo, o Presidente do Goberno galego avanzou que a Xunta remitiría ao Consello Consultivo de Galicia o Decreto de Concerto Social, que facilitará a prestación de servizos públicos a través de entidades sociais, axilizando e flexibilizando a súa posta a disposición dos cidadáns.
Este avance normativo, moi demandado polas entidades sociais, facilitará a creación dunha bolsa de entidades que están en condicións de ofrecer prazas a partir duns criterios preestablecidos. Isto redundará nunha mellora da calidade dos servizos respecto do réxime de contratos actual, e nunha maior defensa dos intereses das persoas usuarias e da súa contorna socio-familiar.
Asemade, con este instrumento darase prioridade na contratación ás entidades de iniciativa social, flexibilízase a creación de prazas públicas e axilízase a oferta de servizos ás persoas que o necesitan. O novo sistema de concerto social promoverá unha atención integral ás persoas usuarias que preserve o seu nivel de autonomía persoal, posibilitando a permanencia de aquelas na súa contorna habitual.
A súa vez o establecemento de concertos sociais incorporará na provisión dos servizos sociais os principios de atención personalizada e integral, arraigo da persoa no entorno de atención social, elección da persoa e continuidade na atención no seu ciclo de vida e calidade.
Por todo o dito anteriormente, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que impulse a aprobación do Decreto do Concerto Social”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000634