Iniciativa en relación ao impulso da infraestrutura denominada «saída sur de Vigo»
O pasado mes de xullo, o Goberno galego e a Autoridade Portuaria de Vigo remitiron ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o estudo encargado pola Xunta que acredita a rendibilidade económica e social da Saída Sur de Vigo, así como da conexión do porto de Bouzas, co Corredor Atlántico de Mercadorías.
O obxectivo de compartir as conclusións do citado estudo acreditando a rendibilidade social e económica da dita actuación co Goberno de España é instalo a impulsar esta infraestrutura, aproveitando ademais o financiamento que a Unión Europea destina aos corredores ferroviarios de transporte a través do Mecanismo Conectar Europa.
A Saída Sur de Vigo supón prolongar quince quilómetros o Eixe Atlántico, desde a estación de Urzaiz ata a liña ferroviaria actual que vai ao sur, coa que conectaría no Porriño. Tamén se inclúe a dotación dun novo ramal, de cinco quilómetros de lonxitude, para unir, de xeito directo, esta prolongación coa terminal de Bouzas.
Esta infraestrutura é determinante para a actividade do Porto e, ademais, permitiría ordenar e racionalizar as liñas e terminais ferroviarias da área de Vigo, onde coexisten dúas estacións que captan tráficos e operan de forma paralela.
Permitiría, en suma, reducir tempos de viaxe e eliminar transbordos, o que redundaría en beneficio da cidade olívica e a súa área de influencia, xa que gañaría en competitividade, o que favorecería o seu desenvolvemento económico.
O Grupo Parlamentario Popular non ten constancia a día de hoxe de que o Goberno central teña respondido á solicitude do Goberno galego nin teña comprometido o seu impulso a unha infraestrutura que, como quedou exposto, é estratéxica para a cidade de Vigo e para toda Galicia.
E é por iso que presentamos esta proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España o impulso decidido á Saída Sur de Vigo, unha actuación estratéxica que ten acreditada a súa rendibilidade económica e social. A tal efecto, demandarlle o Executivo español un cronograma viable e realista para a tramitación e execución desta infraestrutura”.
Rexistro iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNC-000196