Iniciativa sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co sector naval de Ferrol
Ferrol, unha cidade que desde o seu nacemento estivo vinculada ao mar, á Armada Española e ao sector naval, atópase sumida nunha profunda crise. Debido ás mal chamadas reconversións socialistas e aos vetos de Europa sobre as antigas Bazán e Astano, o traslado da presencia da Armada ao Sur e o retraso na chegada de infraestruturas básicas como a autopista ou a mellora do ferrocarril han ocasionado que ao longo dos anos Ferrol perdera poboación situándose actualmente en torno aos
65.000 habitantes, sendo a cidade de Galicia coa taxa de paro mais alta e coas tasas de actividade e de ocupación mais baixas.
A comarca de Ferrol vive unha situación de emerxencia industrial coa ameaza ao emprego de milleiros de familias do sector naval público debido á falta de carga de traballo a curto prazo ante a incerteza e o silencio por parte do Goberno Central para o inicio da construción das futuras Fragatas F-110 a medio prazo e a paralización do proxecto de Estaleiro a longo prazo.
A esta situación hai que sumar no último ano o peche da central térmica de As Pontes e a ameaza de peche de Alcoa en San Ciprián.
Neste ámbito e ligado á construción das Fragats F-110, Navantia presentou baixo a presidencia de Esteban Vilasánchez unha iniciativa orientada a reforzar a súa competitividade e a estabilizar o seu liderado mediante a incorporación de alta tecnoloxía e a diferenciación respecto a outros subministradores de produtos e servizos.
Procuraba ademais potenciar novas liñas de actuación para a diversificación das súas vendas cara outros segmentos de mercado, como a eólica mariña, que posúe unha importancia estratéxica para a economía da comunidade.
A política de apoio integral ao sector naval desenvolvida pola Xunta, en estreita colaboración cos distintos estaleiros, a industria auxiliar, outras institucións e, por suposto, cos traballadores, motivou un apoio decidido a este proxecto ao abeiro da Axenda Industria 4.0 de Galicia.
Así, un dos piares nos que se fundamenta o proxecto do Estaleiro 4.0 de Navantia Ferrol son dúas unidades mixtas de investigación que reciben axudas da Axencia Galega de Innovación, Gain, para innovar no proceso produtivo mirando ao futuro.
Son, polo tanto, máis de 7 millóns de euros os que se están a investir na modernización do estaleiro ferrolán grazas ao impulso da administración galega para lograr atraer novos contratos.
O Estaleiro 4.0 integra infraestruturas para compactar as distintas áreas de traballo e mellorar as capacidades de nova construción e reparacións. Neste contexto, precisamente, un elemento clave do Estaleiro 4.0 será un dique seco cuberto para a construción de buques, que substituirá ao proceso actual de construción en bancada, máis lento e custoso e é estratéxico para a construción das propias Fragatas F-110 e para a competitividade no futuro para obter carga de traballo.
A realidade dos últimos dous anos de Goberno do PSOE en Madrid, coa incorporación de PODEMOS nos últimos meses, foi que a pesar de estar elaborado polo goberno anterior o Proxecto de Taller de Subbloques con financiamento plurianual (que este ano se perderá), nin Navantia presenta a solicitude de licencia nin o Concello de Ferrol facilita a súa concesión para a unha infraestrutura clave.
Respecto do Proxecto de Transformación do Estaleiro 4.0, onde destaca como infraestrutura mais relevante o dique seco cuberto, cun proxecto básico elaborado polo goberno anterior e un investimento previsto de 400 millóns de euros, a realidade indica
a paralización do Estudo de Impacto Ambiental, a punto de caducar, porque o Estado non presenta sequera o aval para a tramitación, o que desde logo retrasará anos a elaboración da Declaración de Impacto Ambiental e do proxecto de execución, polo que o inicio da obra real quedará moi lonxe no tempo mentres a situación de emerxencia social, económica e laboral increméntase día tras día na Comarca Ferrolá.
Por todo iso, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
1- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España á presentación dos proxectos, licencias e autorizacións, así como o financiamento previsto e necesario para o taller de subbloques e para a transformación do Estaleiro 4.0, especialmente no que se refire ao Dique Seco cuberto.
2- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a realización da modernización do Estaleiro 4.0 a través dos novos Fondos Europeos.
3- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a solicitude á Comisión Europea da consideración do sector naval como estratéxico permitindo a excepcionalidade na restrición dos fondos europeos para que o sector naval de Ferrol poida beneficiarse de axudas a fondo perdido.
Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-000597