Iniciativa sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia instando o Goberno de España a garantir a viabilidade da industria naval por medio do mecanismo de recuperación e resiliencia dos fondos Next Generation e a reclamación ante a Unión Europea da garantía do principio de igualdade na recepción das axudas
Para Galicia, o sector naval é un sector estratéxico. Constamos cunha industria naval situada maioritariamente nas rías de Vigo, Pontevedra e Ferrol, que da emprego a máis de 9.500 persoas e que aposta pola innovación, a dixitalización e a formación para ofrecer unha ampla gama de servizos para a construción e reparación de buques.
De feito, a pesar do impacto da covid-19, Galicia segue a liderar a construción naval en España cunha carteira valorada en 824 millóns de euros segundo o informe do Secretaría Xeral da Industria e Peme para o segundo trimestre de 2010.
A Xunta seguirá ofrecendo a súa máxima colaboración á industria naval para consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional, desenvolvendo os diferentes programas de apoio á competitividade e a modernización do sector que devolveron a actividade ás gradas dos estaleiros galegos nos últimos anos. Tamén facilitando a súa liquidez coa posta en marcha o pasado ano 2019 dunha liña de préstamos para atender a situación financeira de 22 auxiliares galegas, á que se suma a nova liña de crédito para que as pemes galegas poidan facer fronte ao novo contexto económico.
Por iso cremos necesario que o Goberno amose a mesma implicación que están demostrando outros países como Alemaña ou Holanda para garantir a viabilidade e o financiamento da industria naval, dando continuidade ao esforzo de Galicia por garantir o seu presente e o seu futuro. En paralelo, debe acompañar ao sector na súa reclamación ante a Unión Europea para que vele por garantir o principio de igualdade e que as axudas doutros Estados membros se axusten ás directrices comunitarias.
Para a Grupo Parlamentario Popular é irrenunciable colaborar con este sector estratéxico para Galicia, apostando pola diversificación de mercados e produtos, a innovación e a formación como pancas para garantir a actividade e o emprego.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1) A que garanta a viabilidade e o financiamento da industria naval, a través do
Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.
2) A que acompañe ao sector na súa reclamación ante a Unión Europea para que vele por garantir o principio de igualdade e que as axudas doutros Estados membros se axusten ás directrices comunitarias”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000861