Demanda polo Goberno galego ao goberno central da encomenda da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia, na ría de Ferrol
Os estaleiros de NAVANTIA na ría de Ferrol e os seus traballadores están a sufrir un abandono manifesto por parte do Goberno do Estado.
O PGE de 2018 contemplaban unha partida orzamentaria de 250 millóns de euros para iniciar os traballos dos cinco buques que integran o programa das Fragatas F-110, que se construirán nos estaleiros públicos da ría de Ferro!, que deberían dar ocupación a 7000 traballadores durante os próximos anos.
Esta partida que non foi executada polo Goberno socialista nin en 2018, nin en 2019, nin no que vai deste ano 2020. E polas súas recentes declaracións, tampouco o farán en 2021. As previsións do Goberno, expresadas en sede parlamentaria nas últimas semanas, sitúan no ano 2022 o inicio do proceso de construción do primeiro dos buques.
Estes retrasos prodúcense xusto no momento no que os estaleiros da ría de Ferrol ultiman a construción do segundo dos buques AOS para a Armada de Australia, que finalizarán nos próximos meses.
Teñen lugar despois de que o Goberno socialista perdera o contrato para a construción de 10 fragatas para a armada dos Estados Unidos, unha oportunidade que supoñía máis de 5OOOM€.
E tamén despois de que o Ministerio de Defensa contradiga ao PSdG-PSOE encargando un buque BAM no estaleiro de Navantia en Puerto Real por un importe de 167 millóns de euros, o que dotará ao estaleiro andaluz de máis dun millón de horas de carga de traballo.
O Parlamento de Galicia aprobou o pasado mes de setembro, a instancias do Grupo Popular, unha iniciativa solicitando ao goberno galego que demandara do Goberno de España carga de traballo para os estaleiros ferroláns que permitan ocupar á plantilla de Navantia Fene-Ferrol e á industria auxiliar, así como o desenvolvemento dos investimentos necesarios para dispor dun Estaleiro 4.0
A ausencia de carga de traballo do complexo industrial de Navantia sume na incerteza e incrementa a precariedade laboral e económica nos diferentes concellos da comarca de Ferrolterra, ao tempo que pon de manifesto as incoherencias (con distintos posicionamentos políticos dende o mesmo partido político na comarca, na nosa comunidade autónoma ou a nivel estatal) e a ausencia de palabra das persoas que a día de hoxe desempeñan altas responsabilidades no Executivo central, onde tan xusto o contrario do que prometían cando exercían labores de oposición.
Por iso o Grupo Parlamentario Popular de Galicia considera necesario que a Cámara fixe un posicionamento no mes de febreiro, na medida en que persiste a inacción do Goberno central en relación co futuro do estaleiro Navantia. Continúa sendo preciso reclamar, dende todas as institucións e as diferentes administración, que resulta imprescindible dotar de carga de traballo ao estaleiro e asegurar por tanto o futuro de toda unha comarca.
Polo todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
«O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado a encargar aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun BAM (Buque de Acción Marítima) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar».
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001063