Iniciativa sobre a continuación coa aplicación do programa Rexurbe realizando novas convocatorias públicas de adquisición de inmobles e declarando novas áreas Rexurbe
No programa electoral co que o Partido Popular de Galicia obtivo a confianza maioritaria dos galegos en setembro de 2016, existía un epígrafe específico sobre a recuperación dos cascos históricos.
Dentro das medidas contempladas neste epígrafe contemplábanse medidas de intervención pública directa “orientadas a conseguir a rehabilitación de aqueles cascos ou edificacións que están especialmente degradados e que requiren, polo tanto, unha maior intervención pública para conseguir a súa rehabilitación”.
En cumprimento dese compromiso electoral, en 2017 a Xunta de Galicia creou o programa Rexurbe, destinado á adquisición e rehabilitación de vivendas en conxuntos históricos, e realizou a primeira oferta pública de adquisición de inmobles en Betanzos, Ferrol, Lugo e Ourense.
A aposta decida da Xunta de Galicia pola rehabilitación directa en conxuntos históricos xa deu froitos no Casco Vello de Vigo, no barrio lucense da Tinería ou no Casco de Vello de Ourense, entre outros, demostrando que se trata dunha liña de actuación que debe manterse no tempo e incrementarse dentro do posible.
Por iso a Xunta de Galicia impulsou na pasada lexislatura a aprobación da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que regula as áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe).
No novo programa electoral co que o Partido Popular de Galicia volveu a obter a confianza maioritaria dos galegos en xullo de 2020, o compromiso adquirido foi o de poñer en marcha a rehabilitación de preto de 3.000 vivendas a través da declaración de novas áreas REXURBE que se creen ao abeiro da devandita Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana.
Por iso, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en ComisiónImage“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar coa aplicación do programa Rexurbe realizando novas convocatorias públicas de adquisición de inmobles e declarando novas áreas Rexurbe a través da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia”.