Iniciativa sobre a demanda ao Goberno central da cesión da xestión do pazo de Meirás para usos culturais
Despois dun longo percorrido, finalmente a Xustiza fallou a favor de Galicia, ditaminando que o Pazo de Meirás debe reintegrase ao patrimonio público.
Este proceso iniciouse hai case tres anos, grazas ao gran consenso acadado por todos os galegos.
En 2017, o Parlamento solicitou á Xunta de Galicia que iniciase un estudo xurídico, en colaboración coas tres universidades, para estudar a posibilidade e os mecanismos xurídicos máis adecuados para a recuperación das Torres de Meirás.
Cumprindo o mandato do Parlamento, o Goberno galego crea unha Comisión de Expertos que elabora dito estudo, concluíndo que a Administración Xeral do Estado estaba lexitimada para o exercicio dunha acción reivindicatoria fronte á familia Franco.
A Xunta entregou o estudo no Parlamento, que por unanimidade instou ao Goberno do
Estado a iniciar un proceso civil para que Meirás se reintegre ao patrimonio público.
Como resultado de todo este proceso, o Xulgado de Primeira Instancia Nº1 da Coruña fallou a favor da reivindicación de Galicia, e o inmoble debe ser restituído ao Estado.
Os deputados do Grupo Popular consideran que debe ser o pobo galego quen xestione este ben, desenvolvendo diversos usos acordes á súa sobranceira historia e ao seu valor coma patrimonio cultural de Galicia.
É importante recordar que antes do seu uso polo ditador Franco foi a residencia de
Emilia Pardo Bazán e aínda conserva parte da súa biblioteca.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Estado a cesión da xestión do Pazo de Meirás, co obxectivo de desenvolver usos culturais que expliquen a historia do inmoble, reivindiquen o entendemento e a concordia, e afonden no papel das escritoras na historia da literatura, particularmente de Emilia Pardo Bazán”.
Rexistro Iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNC-000360