Iniciativa sobre petición a Bruxelas dun plan de recuperación da cigala para o golfo de Biscaia e augas ibéricas
En 2019 facíase público no Consello Galego de Pesca un informe elaborado polo sector, coa axuda da Consellería do Mar, que analizaba os datos de descargas e esforzo pesqueiro da cigala na zona CIEM VIIIc e a posible incidencia da ordenación e xestión pesqueira sobre a pesquería en Galicia.
Primeiramente, temos que resaltar a importancia que a cigala mantivo na pesquería de arrastre de litoral como captura secundaria, pero que conta cun importante valor económico de máis de 1 millón de euros anuais, relevante polo seu alto valor en primeira venda, que chega a ser de 30 euros por quilogramo, e o seu carácter de producto de grande demanda na hostalería.
Sen embargo, na evolución da pesca da cigala na zona VIIIc, especialmente na posterior a 2011, non se tiveron en conta tres circunstancias determinantes da situación e avaliación da pesquería:
o Entrada en vigor do Regulamento (CE) 2166/2005 do Consello de 20 de decembro de 2005 polo que se establecen medidas para a recuperación da poboación sur de pescada europea e de cigalas.
o Entrada en vigor da Orde ARM/3156/2011, de 10 de novembro, pola que se establece o reparto porcentual de posibilidades de pesca do lirio, o gallo e a cigala entre as diferentes modalidades de pesca.
o Entrada en vigor do Regulamento Delegado (UE) 2015/2439 da Comisión, de 12 de outubro de 2015, polo que se establece un plan de descartes para determinadas pesquerías demersais nas augas suroccidentais.
Neste punto temos que salientar a ordenación e xestión desta frota e a súa adaptación ao estado dos recursos trouxo consigo un descenso paulatino e sostido das unidades de pesca de arrastre litoral con porto base en Galicia, o que xera un descenso significado do esforzo pesqueiro realizado por esta frota, que podería roldar un 40% e, consecuentemente, ten un impacto importante nas descargas.
En definitiva, a combinación de normas aplicadas sobre esta frota podería ser un dos factores dese maior axuste, xunto co prezo do carburante e a súa alta dependencia dese factor do custe de explotación, especialmente entre 2007 e 2010.
Por todo elo, e tendo en conta o propio recoñecemento do ICES do seu descoñecemento dos efectos do Plan de Recuperación da pescada sur e a cigala e dos evidentes erros na contabilización de datos, enténdese que debe reconsiderarse a medida de peche da pesquería de cigala no área VIIIc (NEP/08C.) e axustar a determinación de seu TAC a unha máis certa e rigorosa avaliación.
Así, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia formulan a seguinte proposición para o seu debate en comisión polo trámite de urxencia:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno da Xunta de Galicia a reclamar do Goberno central que leve a propoñer en Bruxelas un Plan de Recuperación da Cigala para o Golfo de Biscaia e augas ibéricas que contemple os seguintes aspectos:
– Establecemento dun TAC anual que permita a apertura e explotación da pesquería en condicións sostibles e acordes cunha análise rigorosa do estado do recurso.
– Adecuación de medidas técnicas de explotación que acompañen esta apertura, de xeito que se materialice a vontade de adecuación ao estado do recurso que o sector ten. Entre outras, sería conveniente o establecemento dun límite máximo de capacidade e esforzo pesqueiro, de vedas espazo-temporais para a protección das femias reprodutoras, maior supervisión dos desembarques de cigala, así como o establecemento dun procedemento para a mellora da recompilación de datos científicos e dun procedemento para a revisión anual da poboación da cigala”.