Demanda ao Goberno de España da retirada da limitación das taxas de reposición do persoal do sistema sanitario público co obxecto de permitir ofertar todos os postos necesarios para poder actuar ante a pandemia da Covid-19
A pandemia ocasionada pola Covid-19 fixo necesario adoptar no ámbito da xestión de recursos humanos medidas excepcionais dirixidas a reforzar os cadros de persoal para facer fronte á crecente carga asistencial derivada da Covid-19.
Galicia, no seu firme compromiso pola estabilización, mantivo anualmente, de forma ininterrompida desde o ano 2012, as convocatorias anuais de ofertas públicas de emprego, esgotando a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica orzamentaria, permitindo a incorporación de preto de 6.000 profesionais, con vínculo de fixeza ás institucións sanitarias, no período 2012-2019.
Aínda cando as taxas de estabilización e o incremento do 8% para as Comunidades que cumpren cos obxectivos déficit (como Galicia) permitiron incrementar estes últimos anos o número de prazas a ofertar nas OPES, non é suficiente nun contexto de indispoñibilidade de
profesionais, que esixe mellorar as condiciones laborais dos recursos humanos dispoñibles, a efectos de retelos.
Porén, a eliminación da taxa de reposición no eido da sanidade pública galega foi unha petición reiterada neste Parlamento nos últimos anos.
En marzo de 2017, gobernando o presidente Rajoy, aprobouse en Pleno por unanimidade unha proposición non de lei do grupo socialista instando ao Goberno do Estado a eliminar do ordenamento legal as restricións impostas ás comunidades autónomas mediante as limitacións ás taxas de reposición de prazas no Sistema Nacional de Saúde cando estas afecten postos de traballo de carácter estable.
En decembro de 2019, xa co goberno PSOE-Podemos, o Pleno do Parlamento aprobou tamén por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular que demandaba “retirada da limitación das taxas de reposición de prazas para o Sistema Sanitario Público”.
Nas actuais circunstancias de emerxencia sanitaria, é imprescindible que o Estado elimine a taxa de reposición, tal e como foi solicitado de maneira reiterada, para que poidan ser ofertadas por cada Comunidade todos os postos que as necesidades asistenciais están a demandar.
Por iso, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a retirada da limitación das taxas de reposición do persoal do sistema sanitario público, permitindo ofertar todos os postos necesarios para poder actuar ante a pandemia da COVID-19”.
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-000035