Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en colaboración co Goberno do Estado tendentes a lograr que a empresa Gamesa-Siemens manteña a actividade da planta das Somozas
O mantemento da actividade industria e do emprego na planta que Siemens-Gamesa ten no Concello das Somozas é fundamental non só para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, senón para o conxunto de Galicia, xa que se trata dunha empresa fundamental para o crecemento e desenvolvemento do sector eólico galego.
A planta, que dá emprego a 300 traballadores, viña tendo ata o momento unha importante carga de pedidos no mercado nacional e no internacional. Sen embargo, nos últimos anos creouse un clima de inestabilidade no sector enerxético, ante dunha política única e coherente por parte do Goberno de España que achegue certezas ao tecido industrial.
Neste contexto, Siemens-Gamesa vén de anunciar a súa intención de pechar as planta das Somozas (Galicia) e a de Cuenca (Castela-A Mancha), que se suman ao xa producido en Aoiz (Navarra) o verano do pasado ano, unha decisión totalmente inxustificable que afecta tanto aos 215 traballadores da factoría galega coma a outros centos de empregos indirectos na nosa comunidade.
Siemens Gamesa ten unha oportunidade de mercado do primeiro nivel co pulo que están tendo as enerxías renovables no proceso de transición ecolóxica que está promovendo a Unión Europea como un dos vectores da recuperación económica, e especialmente co desenvolvemento do sector eólico galego.
Polo tanto, a empresa carece de razóns obxectivas para propor o peche da fábrica das Somozas, máxime cando desde a administración pública galega se propuxeron alternativas para buscar solucións que dean viabilidade a un proxecto industrial cun potencial incuestionable.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
1. Demandar á empresa Siemens-Gamesa que suspenda o ERE da Planta das Somozas e acepte a formación dunha mesa de traballo conxunta co Goberno de España, a Xunta de Galicia e a representación dos traballadores da empresa, que teña como obxectivo atopar solucións que garantan a viabilidade e o futuro da planta.
2. Instar á Xunta de Galicia a que, en colaboración co Goberno do España, utilicen todos os mecanismos á súa disposición para lograr que GAMESA- SIEMENS manteña a planta das Somozas, apostando pola súa modernización e pola implantación de novos proxectos industriais que garantan a carga de traballo para os traballadores da empresa.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000916